Convocado un pleno urxente para o luns no que se tratará a solicitude de 4,3 millóns de euros en axudas do programa DUS-5000

0

O Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia que canalizará no Estado os fondos europeos Next Generation, inclúe unha dotación de 325 millóns de euros  dirixidos especificamente a proxectos singulares de enerxía limpa que se desenvolvan nos denominados “concellos de reto demográfico”, é dicir, os menos poboados e con menos natalidade, sobre todo os das zonas rurais. Do programa, denominado DUS-5000, poden beneficiarse municipios non urbanos de ata 5.000 habitantes -como é o caso de San Sadurniño- e aqueloutros de ata 20.000 con núcleos que tampouco superen as 5.000 persoas. Dentro del hai cinco liñas para o financiamento de actuacións de eficiencia enerxética en edificios públicos, a instalación de sistemas renovables para autoconsumo, a implantación de sistemas de climatización baseados en fontes limpas, a iluminación eficiente e a mobilidade sostible. O Concello ten intención de presentar proxectos en todas elas, por un valor superior aos 4,3 millóns de euros. Pero antes débese someter a pleno a solicitude de participación no programa, algo que ocorrerá este luns 31 de outubro nunha sesión urxente convocada para as 18:30h.

A urxencia da convocatoria obedece aos tempos reflectidos no Real Decreto que regula a convocatoria, onde se establece que o prazo de solicitude remata ás 13:00h do próximo 7 de novembro. Neste sentido, o Concello preparou nos últimos meses as memorias descritivas das actuacións que se queren levar a cabo con financiamento do DUS-5000, coa intención de cursar dúas solicitudes, unha cifrada en 1.598.462,85 euros con proxectos para as medidas 1, 2, 3 e 5, e outra de 2.790.024,44 euros correspondente á medida 4.

En canto á medida 1, a proposta municipal é, a grandes trazos, mellorar o illamento térmico da Casa da Xuventude mediante a substitución da cuberta e a instalación de novos ventanais, ademais da instalación dun sistema domótico de control do edificio, para o que tamén se prevé -dentro da medida 3– un sistema de calefacción e climatización mediante aerotermia. Neste apartado tamén se inclúe a mesma solución para a Casa do Concello, o que eleva o custe de execución do proxecto elixible a algo máis de 486.000 euros.

Dentro da medida 2 preténdese obter financiamento para a instalación de paneis solares fotovoltaicos para autoconsumo que cubran a maior parte das necesidades dos edificios municipais. O investimento necesario está cuantificado en cerca de 460.000 euros.

Con cargo á medida 5, relacionada coa mobilidade, as memorias refírense á instalación de puntos de recarga para vehículos eléctricos e a modernización do parque móbil municipal -na actualidade tres pequenas furgonetas e un furgón de caixa aberta- adquirindo vehículos de 0 emisións. Neste caso o proxecto está cifrado en 438.000 euros.

A medida 4 -obxecto da outra solicitude que ten intención de presentar o Concello- atende a actuacións relacionadas co aproveitamento das redes de alta velocidade sen fíos (denominadas LORAWAN) para interconectar todos os equipamentos e infraestruturas municipais, de maneira que se poida optimizar a súa xestión e incluso implementar novos servizos informativos e de acceso á rede para a veciñanza. O orzamento ascende a 334.500 euros.

Porén,  sen saír da medida 4, o maior investimento previsto refírese ao paso a led de toda a iluminación pública que aínda está pendente de renovarse. Serían máis de 1.700 entre puntos exteriores e interiores, ademais do cambio de cadros e a instalación de nodos de telexestión que permitan controlar o gasto e detectar posibles avarias ao momento. O custe estímase en 1,7 millóns de euros.

Sumando todas as actuacións que se pretenden acoller ás cinco medidas financiables, o investimento ascendería a 4.388.487,29 euros, incluíndo nese número os custes de redacción, dirección e publicidade dos proxectos.

No pleno convocado para a tarde deste luns, o Concello deberá aprobar, en primeiro lugar, concorrer á convocatoria de axudas, pero tamén adquirir o compromiso de levar a cabo as actuacións e de dotar economicamente a súa execución, que no caso de San Sadurniño supera con moito as cifras de todo o orzamento municipal. O propio Real Decreto Estatal xa o ten previsto e por iso, co obxectivo de que os pequenos municipios poidan asumir un gasto tan elevado, recolle a posibilidade de recibir como anticipo o 80% do investimento necesario, que a subvención cubriría ao 100% no momento da xustificación.

A presente convocatoria do DUS-5000 abriu en novembro de 2021 cunha dotación orzamentaria de 75 millóns de euros distribuídos por Comunidades Autónomas que logo se ampliarían ata alcanzar os 325 millóns. Todo apunta a que o Estado inxectará en breve máis fondos, co obxectivo de abrir un novo período de asignación directa de axudas no que tamén se repescarían aquelas peticións non atendidas na primeira convocatoria por esgotamento do crédito dispoñible.

 

 

Share.