“O lavadoiro” iniciará os cursos de formación trala Semana Santa

0

O proxecto provincial “O lavadoiro” compartido por San Sadurniño e Moeche xa está en marcha. En realidade leva en marcha desde que se presentou a finais de febreiro co obxectivo de explicar en que vai consistir esta novidosa experiencia e promover a creación dos grupos de traballo veciñais, formados por mulleres “facilitadoras” que tezan unha rede de apoio a vítimas da violencia machista, pero tamén de homes “aliados” que fagan apostolado no territorio dun novo modelo de masculinidade comprometido coa igualdade. O programa piloto aínda ten unha terceira pata, centrada na formación do persoal técnico e político de ambos municipios de cara a reforzar a súa capacitación na  abordaxe da violencia de xénero. Esta semana están desenvolvéndose xuntanzas en San Sadurniño e Moeche para coordinar a formación que se lles impartirá aos tres grupos, programada para finais deste mes de abril ou comezos de maio. Ao proxecto xa se sumaron cerca dunha trintena de persoas dos dous concellos, con posibilidade de que se unan máis nestes días a través dos formularios de inscrición en liña para “facilitadoras” e para “aliados“. O persoal técnico e institucional pode apuntarse nestoutra ligazón até o 22 de abril.

O programa provincial “O lavadoiro” pretende que a veciñanza se implique de maneira activa na erradicación da violencia machista, impulsando para iso unha rede que se manteña no tempo e que vaia ampliándose pouco a pouco no futuro.

Dentro desa rede estarán as mulleres “facilitadoras”, capaces de detectar posibles casos de violencia machista, ás que se lles ofrecerá a formación axeitada e a información sobre os recursos dispoñibles co obxectivo de que saiban conectar coas vítimas e acompañalas para deixar atrás esa situación.

O segundo grupo da rede veciñal son os homes “aliados” que axuden a desterrar da sociedade o machismo e a violencia que se deriva del. Tamén se lles ofrecerá formación para que sexan conscientes do alcance dun problema construído maioritariamente sobre a cultura e a educación patriarcal. Fronte dela cobra cada vez máis forza o modelo de masculinidade non hexemónica ou, dito doutro modo,  unha maneira distinta de ser home onde o normal sexa a corresponsabilidade no fogar, o respecto e o rexeitamento activo do machismo e de calquera tipo de violencia de xénero.

Neste grupo de traballo do proxecto xa se integraron 12 homes de San Sadurniño e Moeche que, previsiblemente, iniciarán a súa formación cara ao 29 de abril. Ofreceráselles un curso de 15 horas de duración centrado neses aspectos e, máis que nada, en como difundir nos ámbitos en que se moven os comportamentos opostos ao machismo. A rede de “aliados” está en marcha, pero hai sitio para máis homes activistas da igualdade. De cara á formación de finais de mes poden inscribirse neste formulario habilitado pola Cooperativa Arabías -coordinadora do proxecto en ambos concellos- e, posteriormente, quen queira entrar no grupo tamén poderá contactar con el directamente ou a través dos departamentos municipais de igualdade de San Sadurniño e Moeche.

No caso das mulleres “facilitadoras”, onte e máis hoxe están celebrándose os primeiros encontros para coordinar as datas e horarios da formación especializada, coa previsión de fixala ao longo da semana do 25 de abril ou a primeira de maio para non retrasar máis da conta o cronograma do proxecto. O curso tamén terá unha duración de 15 horas e ocuparase tanto de cuestións  normativas e de recursos dispoñibles como  das habilidades sociais necesarias para detectar sinais de maltrato (non sempre visibles) e, sobre todo, para empatizar coa vítima no acompañamento que precisará para deixar atrás a situación de maltrato.

O grupo de apoio conta xa con 15 integrantes, aínda que a intención tamén é seguir ampliándoo e que despois da posta en marcha do proxecto funcione de maneira autónoma en colaboración permanente cos servizos sociais municipais. Ademais -igual que os “aliados” no caso dos homes- as “facilitadoras” tamén aspiran a ser un referente dentro da comunidade ao que as mulleres que se sintan vítimas de calquera tipo de maltrato poidan acudir para pedir axuda, sabendo que van atopar caras amigas en quen confiar e cos coñecementos necesarios para axudarlles da mellor maneira posible. Entrar no grupo de “facilitadoras” para a formación inicial é algo que pode facerse cubrindo este formulario de inscrición ou contactando máis adiante cos servizos de igualdade de calquera dos dous concellos.

“O lavadoiro” ofrecerá, por último, un curso dirixido a axentes profesionais e institucionais de ambas administracións locais, co obxectivo de reforzar as súas competencias profesionais e o seu compromiso coa erradicación da violencia de xénero. A actividade -tamén de 15 horas de duración e tamén cun formato moi dinámico e participativo- desenvolverase no mes de maio. O persoal técnico e político de Moeche e San Sadurniño pode inscribirse até o 22 de abril neste formulario.

Cóntase que o remate desta fase formativa e de posta en marcha do proxecto se complete a comezos de xuño. Nese momento fixarase un encontro dos tres grupos de traballo para poñer en común coñecementos e puntos de vista sobre o funcionamento da rede. Daquela tamén se avaliarán os resultados para  integralos  como epígrafes do futuro Pacto local contra a violencia de xénero. Este documento será o que marque as directrices de actuación municipal neste ámbito. Malia que “O lavadoiro” está botando a andar, a intención dos concellos e da propia Deputación é que os grupos de “facilitadoras” e “aliados” sigan funcionando despois de maneira autónoma e ampliando o número de participantes. Ademais, ao tratarse dun proxecto piloto, tamén se busca que a experiencia sirva para implantar o programa noutros municipios.

Información descargable:
Folleto sobre o proxecto

Sin título-2_Original ratio_720x123_H_90

Share.