“O lavadoiro” programa as primeiras xuntanzas de traballo

0

San Sadurniño e máis Moeche acollen o proxecto piloto “O lavadoiro” promovido pola Área de Igualdade da Deputación co obxectivo de propor novos enfoques que contribúan á eliminación da violencia de xénero. O programa provincial pretende que a veciñanza se implique de maneira activa nese labor, creando, por unha banda, unha rede de mulleres “facilitadoras” que lle ofrezan apoio a outras mulleres que poidan encontrarse nesa situación e, por outra, fomentando que tamén haxa homes “aliados” facendo apostolado dun novo modelo de masculinidade caracterizada pola corresponsabilidade e o compromiso tamén activo na loita fronte a todos os tipos de violencias exercidas contra da muller.  O proxecto presentouse hai uns días e agora estase ultimando o programa inicial de formación e xuntanzas entre a poboación, o persoal municipal e colectivos, para o cal se habilitaron formularios de inscrición nos que poderán apuntarse tanto as persoas que participaron na xornada de presentación como quen queira unirse a esta iniciativa tan novidosa.

Tal e como se viu na presentación do pasado 25 de febreiro en San Sadurniño e Moeche, “O lavadoiro” formará dous grupos principais de traballo, aínda que tamén se manterán encontros con persoal técnico de ambos municipios e entidades integradas desde 2019 na Mesa de Coordinación Interinstitucional contra a violencia de xénero, como son a Garda Civil, o Centro de Saúde ou os centros de ensino.

O primeiro dos grupos veciñais será o formado por mulleres “facilitadoras” que sexan capaces de detectar posibles casos de violencia machista, ás que se lles ofrecerá a capacitación necesaria e información sobre os recursos dispoñibles, co obxectivo de que saiban como conectar coas vítimas axudándolles a saír desa situación e acompañándoas logo durante un proceso que leva o seu tempo e que nunca é doado para elas.

O segundo grupo veciñal é o formado por homes “aliados” que axuden a desterrar o machismo e a violencia da sociedade. Tamén se lles ofrecerá formación para que, en primeiro lugar, sexan conscientes do alcance dun problema construído, reproducido, estendido, ocultado e normalizado durante séculos sobre a base dun patriarcado sociocultural opresor ou, no menos malo dos casos, condescendente coas mulleres. Mulleres que,  ademais, seguen soportando maioritariamente o peso do fogar e indo por detrás dos homes no goce real de dereitos que teñen recoñecidos desde hai décadas.

Para reverter esa realidade fai falla seguir traballando na educación das novas xeracións e procurar que as actuais interioricen o necesario cambio social.  Aí pon o foco “O lavadoiro”, indo un paso máis aló co obxectivo de que haxa un grupo de homes comprometidos cunha masculinidade non hexemónica e que cumpran a función de promotores e dinamizadores sociais dunha “maneira de ser home” onde o normal sexa a corresponsabilidade no fogar, o respecto e o rexeitamento activo do machismo e de calquera tipo de violencia de xénero.

O calendario que manexa a cooperativa Arabías -coordinadora do proxecto- establece que nestes días se leve a cabo a captación de participantes en ambos grupos de traballo, nos que poden inscribirse tanto as persoas que acudiron á presentación do pasado 25 de febreiro como calquera outra que queira sumarse ao proxecto.

Para apuntarse hai que cubrir este formulario en liña no caso das mulleres facilitadoras e estoutra ficha no caso dos homes que queiran integrarse no grupo de aliadosO prazo remata o próximo 8 de abril. A este respecto, a cooperativa tamén manterá este luns 21 de marzo unha xuntanza informativa con entidades e particulares que confirmaran a súa asistencia á presentación do mes pasado e que finalmente non puideron acudir por distintos motivos.

Unha vez recollidas as inscricións, nos días previos á Semana Santa, constituiranse os grupos definitivos de traballo e estableceranse os días dos encontros para recibir a formación, procurando adaptarse á dispoñibilidade das persoas participantes. Arabías valora que esa formación se desenvolva en fin de semana e que comece despois das vacacións. Ao seu remate, xa en maio, levaríanse a cabo as accións formativas dirixidas ao persoal técnico e político de ambos municipios.

O cabo desta fase inicial do proxecto está previsto para comezos de xuño, cunha avaliación de resultados que se integrarán como epígrafes do futuro Pacto local contra a violencia de xénero. Este documento será o que marque as directrices de actuación municipal neste ámbito. Malia que “O lavadoiro” está botando a andar, a intención dos concellos e da propia Deputación é que os grupos de “facilitadoras” e “aliados” sigan funcionando despois de maneira autónoma e ampliando o número de participantes. Ademais, ao tratarse dun proxecto piloto, tamén se busca que a experiencia sirva para implantar o programa noutros municipios.

Información descargable:
Folleto sobre o proxecto

Sin título-2_Original ratio_720x123_H_90

Share.