O Laboratorio de Apoderamento LGBT+ ofrecerá dous obradoiros para familias e docentes que xa teñen as inscricións abertas

0

O Laboratorio de Apoderamento LGBT+ é un proxecto promovido pola cooperativa Rexenerando co apoio da Deputación da Coruña que, principalmente, busca avanzar na normalización e sensibilización sobre as diversidades afectivas entre a rapazada e a mocidade de varios centros educativos da zona.  Na iniciativa, ademais da área provincial de Igualdade, están implicados os concellos de San Sadurniño, Fene, Ferrol, Narón, Neda e Valdoviño. Tras o comezo en outubro do traballo nas aulas, nestas semanas o LAB LGBT+ iniciará as formacións sobre diversidade sexual con docentes e familias. En San Sadurniño estas actividades desenvolveranse o luns 4 de novembro e o luns 11 de novembro, en ambos casos de 16:00h a 18:00h na Casa da Cultura. As inscricións, totalmente gratuítas, hai que facelas a través desta ligazón.

Tal e como explica a cooperativa Rexenerando, este LAB parte “da necesidade de abordar dun xeito integral” a educación en materia de diversidade sexual, incorporando no proceso de reflexión a axentes adultos con responsabilidade na comunidade educativa.

Por teste motivo, nos próximos días vai desenvolverse un obradoiro de dúas sesións nos centros participantes, onde o tema principal será como acompañar a mocidade neste tema. Nestes encontros explicarase, a xeito de contexto, que é a diversidade sexual, e posteriormente, partindo da información obtida co traballo coa mocidade dos centros escolares -no caso de San Sadurniño, o CPI-, afóndase en como acompañar á mocidade.

Neste caso as sesións formativas diríxense principalmente a nais e pais da comunidade escolar, “independentemente da orientación, identidade ou expresión de xénero da mocidade que acompañe”. Porén, os obradoiros están abertos a calquera persoa adulta interesada en participar, tanto se son familiares da rapazada implicada no programa, como doutros niveis do centro, ou doutros centros do concello.

A actividade é de balde e as prazas son limitadas. As inscricións poden facerse até o día previo do arranque das sesións no formulario dispoñible la ligazón i.gal/LAB_LGBT_ADULTAS. Para ampliar información e solventar dúbidas ao respecto das actividades que se están desenvolvendo dentro do LAB LGTB+ tamén se pode contactar coa cooperativa Rexenerando no  correo  info@rexenerando.com, e nas redes do LAB: @laboratorio_lgbt.

Os obradoiros do LAB LGBT+ desenvolveranse na Casa da Cultura de San Sadurniño os días 4 e 11 de novembro en horario de 16:00 a 18:00h. O calendario proseguirá os días 6 e 27 no CPI Atios de Valdoviño, o 12 de novembro e o 12 de decembro no IES Fernando Esquío de Neda, o 12 e 20 de novembro no IES Catabois de Ferrol, o 18 de novembro e o 2 de decembro no Terra de Trasancos de Narón e, por último, os días 19 e 26 de novembro no IES de Fene.

Dossier do LAB LGBT+ de Ferrolterra (.pdf)

Share.