San Sadurniño implícase canda outros concellos no LAB LGBT+ promovido por Rexenerando con apoio da Deputación da Coruña

0

O salón de sesións do Concello de Fene acolleu esta mañá a presentación pública do Laboratorio de Apoderamento LGBT+, un proxecto promovido pola cooperativa Rexenerando co apoio da Deputación da Coruña que, principalmente, busca avanzar na normalización e sensibilización sobre as diversidades afectivas entre a rapazada e a mocidade de varios centros educativos da zona. Na iniciativa, ademais da área provincial de Igualdade, están implicados os concellos de San Sadurniño, Fene, Ferrol, Narón, Neda e Valdoviño. Durante o acto desta mañá, ao que asistiron a concelleira de Igualdade, Araceli Bellas, e a técnica da área, Oriana López, destacouse a importancia de “traballar de forma coordinada” coa participación activa da mocidade, pero tamén das familias, o persoal técnico, o docente e a representación política. Neste sentido, o proxecto ten entre as súas prioridades atallar os discursos de odio presentes nas aulas e fomentar “unha cultura sobre a diversidade” de cara a acadar “un mundo máis xusto e amable con todas as persoas”. 

O LAB LGBT+ aborda a cuestión da diversidade sexual dun xeito innovador que lle traslada o protagonismo á mocidade, non só como público obxectivo das accións que se van definir no proxecto, senón tamén á hora de deseñalas. Neste sentido, segundo informan desde a cooperativa Rexenerando, o programa incorporará “ferramentas de xestión e facilitación de grupos e daralle espazo á experiencia, motivación e necesidades da mocidade”.

As actividades botarán a andar cadrando co inicio do curso escolar e desenvolverase até decembro promovendo a creación de espazos máis inclusivos para a mocidade LGBT+ das comarcas de Ferrolterra, así como a reflexión sobre os prexuízos a respecto da diversidade sexual. Ademais, a iniciativa tamén quere ser un espazo de traballo do que poidan xurdir comunidades de activismo LGBT+ sostidas pola propia mocidade de 4º da ESO e 1º de BACH dos centros participantes, que neste primeiro momento do proxecto piloto son o CPI de San Sadurniño, o IES de Fene, o IES Catabois, o IES Terra de Trasancos, o IES Fernando Esquío e o CPI Atios.

Ademais das sesións en aula con alumnado, o proxecto contará tamén con formación para o profesorado, para as familias, o persoal técnico municipal e incluso para a representación política dos municipios participantes

Por que un LAB LGBT+?
Segundo os últimos datos publicados polo Ministerio de Interior, as agresións por causa de orientación sexual ou identidade de xénero ocupan o primeiro posto entre a mocidade menor de 18 anos. A pesar de contar con lexislación e normativas que incorporan “a realización de actividades dirixidas á comunidade escolar para a prevención de actitudes e comportamentos discriminatorios pola orientación sexual ou a identidade de xénero” (como no caso da Lei 2/2014 pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais,transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia), soamente un terzo do alumnado LGBTIAQ+ sente liberdade á hora de expresarse sobre temas relacionados coa orientación sexual ou identidade de xénero.

O LAB LGBT+, segundo a cooperativa Rexenerando, “nace dende este contexto, como unha aposta pola creación de espazos educativos máis seguros e inclusivos, onde todo o estudantado, á marxe da súa identidade, expresión de xénero e/ou orientación sexual poida sentirse recoñecido e aceptado, e onde crear rede entre as administracións locais, docentes, familias e alumnado”.

Este laboratorio de dinamización social arredor do respecto polas diversidades afectivas e sexuais inspírase nos mecanismos de participación ensaiados por Rexenerando para o Laboratorio de Apoderamento Lingüístico do curso 2022/23, recoñecido co Premio Mil Primaveras.

Toda a actualidade desta iniciativa pioneira na abordaxe da normalización LGBT+ pode seguirse a través do Instagram @laboratorio_lgbt e nas redes da cooperativa, @rexenerandocoop. O proxecto culminará en decembro cun grande acto de peche.

Share.