O ISSGA convoca un curso sobre seguridade con motoserras e máquinas de rozar

0

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), dependente da Consellería de Emprego e Igualdade, ten aberto o prazo de inscrición para un curso de 15 horas que se vai desenvolver proximamente en Ferrol centrado no uso seguro de motoserras e rozadoiras. O obxectivo da acción formativa é proporcionar os coñecementos básicos para manexar estes aparellos en zonas que, coma a nosa, teñen unha alta produción forestal e tamén un maior índice de sinistralidade. Hai 8 prazas e as instancias hai que presentalas como moi tarde o 25 de agosto enviándoas por correo electrónico a formacion@conformaforestal.com.

Con esta oferta preténdese proporcionar formación específica en materia de prevención de riscos ás persoas traballadoras e profesionais do sector forestal, aínda que os coñecementos adquiridos tamén son de aplicación no ámbito da agrogandaría e da xardinaría, onde é habitual botar man de motoserras e máquinas de rozar para múltiples tarefas.

O curso comezará en Ferrol o 30 de agosto e rematará o 1 de setembro en horario de 16 a 21:00h. Son 15 horas en total que se repartirán nos seguintes módulos: seguridade e saúde no traballo, prevención de riscos laborais no manexo de maquinaria forestal, equipos de protección individual, planificación dos traballos de aproveitamento, normativa de seguridade, primeiros auxilios e, por último, 5 horas prácticas con motoserra e outras 5 manexando a rozadoira.

Só hai 8 prazas dispoñibles que se asignarán dándolle prioridade ás persoas con vinculación laboral ou formación na materia, seguindo a orde de presentación das solicitudes. Esa vinculación haberá que acreditala documentalmente. Na información dispoñible non se indica como, pero cabe supoñer que se poden presentar, por exemplo, contratos laborais, altas en autónomos en epígrafes relacionadas ou  certificacións de formación recibida ou que se estea cursando neste momento.

Se non se cubrise o cupo, a empresa encargada da impartición daralle entrada -tamén por orde de petición- a outras persoas interesadas, aínda que non teñan vinculación cos ámbitos laborais aos que se dirixe a formación.

As solicitudes deben presentarse cubrindo a ficha de inscrición e enviándoa a formacion@conformaforestal.com. Tamén hai que adxuntar unha copia do DNI ou pasaporte e, de ser o caso, a documentación acreditativa de estar dentro do grupo prioritario ao que se dirixe a formación. O último día de prazo é o 25 de agosto. Non convén demorarse demasiado para ter maiores posibilidades de acceso á formación que, unha vez completada, implica a obtención dun certificado de asistencia. Pódese obter máis información nos teléfonos 981 551 704 e 659 515 371 ou no enderezo issga.formacion@xunta.gal.

O interese do curso reside en que con el se melloran as competencias para traballar de maneira segura no monte ou facendo calquera outro labor que implique o uso da motoserra ou da máquina de rozar. Ademais, este tipo de formación tamén se puntúa no acceso a programas de emprego como o Aprol Rural que vén convocando o Concello nos últimos anos con achegas da Xunta.

Share.