O Concello volve manifestar o seu compromiso co dereito a ser e sentir en liberdade

0

O Concello de San Sadurniño volveu expresar esta mañá o seu apoio, ao tempo que reivindicación, á liberdade de ser… e de sentir e de amar como se queira. Por varios motivos, aínda que o principal sexa o de que eses son dereitos propios das persoas, nacidas libres e iguais, malia que nin todos os días nin en todos os lugares (tampouco no mal chamado “mundo occidental”) reciban o respecto que se presupón. É por isto que todos os 28 de xuño se alce a voz contra destoutra modalidade da inxustiza incomprensiva, discriminadora e incluso agresiva.

Con este sentir, no noso concello programáronse varios actos ao longo da xornada. O primeiro foi a lectura por parte da concelleira de Igualdade, Araceli Bellas, do manifesto apoiado polos tres grupos municipais (que reproducimos a continuación), acompañado do izado simbólico da bandeira do Arco da Vella, á que se lle engade unha grande faixa multicor colocada na terraza sur da Casa do Concello.

Porén, as citas máis relevantes resérvanse para pola tarde. Ás 19:00h a rapazada que participou nos últimos días nos obradoiros organizados en colaboración coa Asociación Cultural Brío -dirixidos por Paula Aneiros- pendurará varias follas multicor no magnolio dos xardíns municipais, convertido hoxe en grande “Árbore da Diversidade”.

Logo, sobre as 20:00h na pista multixogos, asistiremos a dúas exhibicións de hip-hop e danza estética con coreografías preparadas expresamente para esta data polos grupos da Asociación Cultural Brío e as súas mestras, Nerea Rodeiro e Sara Rodríguez.

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL CON MOTIVO DO 28 DE XUÑO, DÍA INTERNACIONAL DO ORGULLO, POLO RECOÑECEMENTO DOS DEREITOS DAS PERSOAS LGTBIQA+

Os dereitos humanos son o paraugas común que engloba a protección de todas e cada unha das persoas que habitan o planeta. Todos e cada un dos seres humanos nacemos libres e iguais en dignidade e dereito, sen distinción algunha. En nome do colectivo LGTBIQA+ debemos traballar para avanzarmos na conquista de dereitos efectivos, no plano formal e pero tamén na transformación social que permita vivir a diversidade desde unha actitude de respecto, liberdade e igualdade.

O 28 de xuño, rememora os feitos acontecidos no ano 1969 en Stonewal, no barrio de Greenwich Village, en Nova York. Estes feitos foron a orixe e foron considerados catalizador do movemento internacional polo recoñecemento das persoas LGTBIQA+, data que se ven conmemorando desde o ano 1970.

Unha vez máis a conmemoración desta data, ven lembrar a importancia de seguir traballando na construción de sociedades máis respectuosas, que convivan coa diversidade e pé de igualdade e promovan o respecto e cumprimento dos dereitos, en tantas ocasións vulnerados das persoas pertencentes ao colectivo.

O 28 de xuño é unha xornada que convida a continuar a mobilización en favor dunha sociedade que ser recoñeza como diversa, consciente da existencia de actitudes de odio e discriminación, que se desenvolva capaz de actuar responsablemente contra estas expresións, actuando na defensa dos dereitos humanos, avanzando nos valores de calidade democrática e defensa da diversidade como un valor de riqueza e valores.

Certo é, que se teñen producido avances importantes na conquista de dereitos, mais non debemos obviar que é importante continuar na senda de traballos para ampliar os dereitos recoñecidos, e contribuír a que a concienciación da sociedade acompañe o recoñecemento de dereitos formais. Non debemos obviar as actitudes de odio, os discursos que cuestionan os dereitos do colectivo LGTBIQA+, ou a existencia de accións violentas e agresións que fan unha chamada de atención sobre a necesidade de sensibilización e educación, xunto co urxencia dun discurso contundente en contra destas actitudes por parte das administracións públicas.

Debemos polo tanto perseverar e esforzarnos, facer un chamamento á denuncia de actitudes LGTBIQA+fóbicas, sexan do grao que sexan, dado que estas son condutas discriminatorias e violentas, contra as que, debemos, como axentes responsábeis, loitar e impulsar cantas accións sexan precisas para acadar cidades e pobos libres de violencias, para transformalos en lugares libres de violencias, e cheos de dereitos.

Desde as institucións debemos asegurar a igualdade efectiva de todas as persoas LGTBIQA+ e as súas familias, como elemento esencial para a convivencia, o respecto, o progreso, a democracia e o desenvolvemento social.

É a nosa obriga eliminar os discursos de odio, que desde fai tempo teñen eco na nosa sociedade, construíndo un muro de valores, que axude a concienciar á sociedade para que todas as persoas, sen importar a súa identidade de xénero ou orientación sexual, poida exercer, sen medo e con respecto, todos os dereitos que lles corresponden como cidadás e cidadáns de pleno dereito.

No mes de marzo do pasado ano, o Parlamento Europeo aprobou unha resolución no que se declara que a Unión Europea é un territorio de liberdade para as persoas do colectivo LGTBIQA+, no que non se vai tolerar a perigosa e discriminatoria retórica que impide que millóns de persoas poidan vivir libremente.

Somos as entidades locais, as institucións máis próximas á poboación, as principais garantes dunha acción local clara e contundente pola igualdade e a defensa da convivencia, con independencia de cantas causas existan de diversidade: raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.

Polo tanto a corporación do Concello de San Sadurniño, expresa os seguintes compromisos:

  1. O concello de San Sadurniño da continuidade ao seu firme compromiso na defensa da plena igualdade, a dignidade e libre desenvolvemento da identidade sexual ou de xénero.
  2. O Concello de San Sadurniño expresa o seu compromiso para continuar cos traballos realizados desde a área de igualdade na promoción de actitudes políticas que favorezan a concienciación social para un efectivo cambio de mentalidade que erradique actitudes LGTBIQA+fóbicas e a expresar o seu rexeitamento fronte as mesmas.
  3. O Concello de San Sadurniño quere amosar a súa solidariedade e apoio a todas as vítimas de agresións LGTBIQA+fóbicas, e de xeito moi especial facer unha lembranza ao asasinato homófobo en manda de Samuel Luíz, un acto brutal, inhumano, que expresa a peor faciana á que conducen os discursos de odio, do que se cumpre agora un ano.
  4. O Concello de San Sadurniño quere facer un recoñecemento á labor de todas as persoas activistas e organizacións galegas, que levan traballando con intensidade desde hai máis de 40 anos na defensa dos dereitos e da igualdade efectiva de todas as persoas do colectivo LGTBIQA+.
  5. O Concello de San Sadurniño expresa o seu compromiso de desenvolver as accións necesarias para implicar ao conxunto da poboación mediante os mecanismos ao seu alcance na defensa e desenvolvemento de valores democráticos e inclusivos na defensa dos dereitos e respecto ao conxunto de persoas do colectivo LGTBIQA+.
Share.