O Concello tratará en pleno o proxecto para completar a modernización da iluminación pública

0

Este xoves 30 de xullo volve tocar pleno ordinario. Unha sesión que comezará ás 19:30h e que leva como principal asunto da orde do día a aprobación, se procede, do proxecto para renovar a iluminación pública en distintos puntos de Naraío, Santa Mariña e Ferreira. A actuación, financiada con cargo ao POS Adicional da Deputación da Coruña, permitirá completar a modernización e a mellora da eficiencia enerxética da rede de iluminación naquelas zonas que quedaron fóra do gran proxecto subvencionado polo IDAE. O investimento previsto ascende a 77.547 euros. Ademais desta cuestión, o pleno tamén tratará os festivos locais de 2027, que volverán ser Martes de Entroido e Santa Isabel.

O principal asunto da parte resolutiva será a aprobación do proxecto técnico que abrangue seis instalacións de iluminación seis treitos de iluminación situados en tres parroquias do municipio. En Ferreira renovarase a instalación da Chabola, mentres que en Santa Mariña do Monte actuarase nas zonas de Vilar e Golpilleira. No caso de Naraío, o proxecto centrarase na contorna do Pico. Puntos todos eles que non puideron incluírse no plan xeral de renovación adxudicado recentemente en 290.000 euros.

En conxunto substituiranse 159 luminarias, renovaranse 155 brazos de suxeición, instalaranse catro novos centros de mando e substituiranse distintos tramos de cableado, completando así a modernización da rede de alumeado público nestes núcleos e mellorando tanto a eficiencia enerxética como a calidade da iluminación.

Outro dos asuntos que se someterán á consideración do Pleno será a proposta de designación dos festivos locais para o ano 2027. A proposta mantén como xornadas festivas o Martes de Entroido, que este ano cae o 9 de febreiro, e tamén a de Santa Isabel, o venres 2 de xullo.

Como é habitual nas sesións ordinarias, a convocatoria concluirá coa quenda destinada á presentación de mocións, así como ao apartado de rogos e preguntas, no que os distintos grupos municipais poden formular iniciativas e trasladar cuestións relacionadas coa actividade e a xestión do Concello. O pleno poderá seguirse ao vivo a través da canle municipal en Youtube.

Share.