O Concello de San Sadurniño encara a recta final da licitación pública referida ao contrato para renovar a maior parte da rede de iluminación pública do territorio, que suporá tanto o paso a led dos farois como a reordenación da instalación para facela máis eficiente en termos de consumo enerxético e de xestión das avarías. Onte mesmo reuniuse a Mesa de Contratación para formular a proposta provisional de adxudicación á empresa Electricidad Permuy, responsable tamén do mantemento das instalacións eléctricas municipais, por un importe de 290.158 euros, IVE incluído, moi por debaixo do orzamento de licitación, que ascendía a 386.990,40 euros. A actuación, financiada polo Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía (IDAE) mediante un préstamo sen xuros a dez anos, permitirá renovar 666 puntos de luz, modernizar a rede e reducir arredor dun 70 % o consumo enerxético, cun aforro estimado duns 45.000 euros anuais na factura eléctrica.
O plan de renovación abranguerá a maioría das redes principais que aínda non foran substituídas por tecnoloxía led. Nos últimos anos o Concello vén executando este cambio de maneira progresiva para mellorar a eficiencia das instalacións, reducir os custos de mantemento e incorporar luminarias que ofrecen unha iluminación máis uniforme e agradable, ao tempo que diminúen a contaminación lumínica.
En Bardaos uniranse as redes das Loibas e a Bañoca, que pasarán a contar con 115 puntos de luz led. En Ferreira renovarase a rede do fondo da parroquia, con 119 luminarias. En Igrexafeita actuarase ao longo da antiga estrada xeral e nos lugares da Fraguela e a Penalonga, onde se substituirán 77 puntos de luz. En Lamas renovarase o alumeado de Portolamas, o Freixo e as Ramisqueiras, con 68 luminarias, ademais de toda a rede entre Riboira e o Chao de Lamas, con outras 108. Finalmente, en Naraío substituiranse os puntos do Piñeiro e O Freixo, conxuntamente 61 luminarias, e tamén os do Eirexado e a Ferraría, que suman outras 65. O proxecto inclúe ademais a ampliación da iluminación ata Vilafiúnce, seguindo a estrada de Pedroso, para dar continuidade á rede existente no centro urbano de San Sadurniño e en Cornide.
O proxecto non incluiu todas as instalacións de iluminación pública do municipio debido ás condicións impostas pola convocatoria do IDAE, “que priorizaba aquelas actuacións capaces de garantir un aforro suficiente para asegurar o retorno económico do investimento”, explica o alcalde, Secundino García Casal. Porén, a semana que vén levarase a pleno unha actuación financiada con fondos provinciais referida á mellora das iluminacións da Chabola, o Chao de San Cristovo e A Nogueira (Ferreira); a Golpilleira, o Vilar-Castrelo (Santa Mariña) e tamén a liña do Pico, en Naraío.
Ademais da renovación das luminarias, o contrato recolle a unión e modernización de varios centros de mando, a substitución de cableados deteriorados e o cambio de ata 90 brazos de suxeición. Tamén se instalarán módulos de regulación que adaptarán automaticamente a intensidade da iluminación aos horarios de menor tránsito, xunto cun sistema avanzado de telexestión que permitirá controlar a rede en tempo real, detectar incidencias de forma automática e optimizar o funcionamento do alumeado segundo as necesidades de cada momento.
Esta actuación supón “un salto cualitativo tanto desde o punto de vista económico como tecnolóxico”, asegura Secundino García. O alcalde subliña que a redución do consumo eléctrico “permitirá amortizar o préstamo do IDAE practicamente co propio aforro xerado pola nova instalación, convertendo o investimento nunha operación especialmente vantaxosa para as arcas municipais”. Desde o Goberno local tamén se destaca que o novo sistema de telexestión “facilitará un seguimento permanente do estado da rede, permitindo localizar e resolver as avarías con maior rapidez e mellorando a calidade do servizo”.
Con esta nova intervención, o Concello de San Sadurniño continúa avanzando no proceso de modernización da iluminación pública iniciado nos últimos anos, que xa permitiu implantar luminarias led no centro urbano, en Cornide e en distintos treitos das estradas AC-125 e AC-862. O obxectivo é completar progresivamente a transición cara a unha rede máis eficiente, con menor consumo enerxético, menores emisións contaminantes e unha iluminación máis respectuosa co ceo nocturno, “reforzando ao mesmo tempo o compromiso municipal coa sustentabilidade ambiental e cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible”, engade o alcalde.
O contrato -adxudicado provisionalmente- licitouse por un prezo de 386.990,40 euros, impostos incluídos. A el concorreron catro empresas do sector. Electricidad Permuy empatou a puntos con outra das aspirantes en aspectos clave como a oferta técnica ou a ampliación do prazo de garantía.
Finalmente o factor determinante que lle valeu á empresa eumesa para facerse coa obra foi o prezo, cunha proposta de 290.158 euros, 97.000 euros por debaixo do prezo da licitación. Unha contía tamén inferior ao límite da oferta anormalmente baixa que a adxudicataria xustificou debidamente baseándose, segundo consta no informe incluído no expediente, na obtención de materiais necesarios para a execución en condicións máis vantaxosas, o emprego de maquinaria propia, a planificación dos traballos e no feito de coñecer previamente as instalacións municipais.