O Concello ofreceralle á veciñanza un servizo de asesoramento e preparación de alegacións ao proxecto do parque eólico Caaveiro

0

O día 27 de xullo remata o prazo de presentación de alegacións á documentación que está exposta ao público sobre o proxecto do parque Eólico Caaveiro promovido por ENEL Green Power nos municipios de San Sadurniño, Neda, Cabanas, Fene, As Pontes e A Capela. A eléctrica planea instalar 14 muíños de grandes dimensións cunha potencia conxunta de 78 MW. Cinco deles ergueríanse repartidos pola zona da Louseira, a Cortella, a Penamoura e as Cancelas, en Naraío, cunha grande afección sobre a paisaxe e tamén sobre a vida da veciñanza. Dado que o prazo de consulta e alegación é tan reducido -e a documentación tan complexa- o Concello decidiu poñer en marcha unha oficina de asesoramento legal e de preparación de alegacións para que a veciñanza poida defender os seus dereitos. O servizo prestarase de forma gratuíta no local social de Naraío na semana do 19 de xullo en horario de tarde (proximamente informarase dos horarios), facilitando desta maneira que calquera persoa poida confeccionar con axuda especializada alegacións de tipo xeral ou ben adaptadas ao seu caso particular, como poden ser afeccións a vivendas, explotacións agrogandeiras ou acuíferos. O propio servizo será despois quen se encargue de rexistrar todos os escritos con destino á Área de Enerxía da Delegación do Goberno en Galicia.

Ademais deste servizo promovido polo Concello, a Asociación veciñal O Castelo de Naraío tamén porá a disposición da veciñanza copias e planos resumidos do proxecto que se poderán consultar nos bares da parroquia e tamén na oficina da Cooperativa de Meirás durante o horario de apertura. Desta maneira preténdese que a veciñanza teña ao seu alcance nun soporte físico toda a información, á que neste momento só se pode acceder por internet ou solicitando cita previa na Delegación do Goberno.

A entidade imprimirá varias copias en grande formato do mapa conxunto dos muíños -con referencia ás páxinas do proxecto- coa finalidade de que, con só unha ollada, calquera persoa poida facerse unha idea do impacto do proxecto no territorio e poida tomar nota das cuestións que considere oportunas alegar.

E é que un parque eólico non é só a repercusión sonora e visual dos muíños, que neste caso alcanzarían os 200 metros de altura, senón que tamén se debe contar coa incidencia que tería nos usos do chan en 12 hectáreas arredor de cada un deles, o feito da apertura de camiños de servizo, o soterrado de liñas e incluso a modificación de pistas, a ocupación temporal de terreos ou a corta de arborado durante as obras e o transporte de pás e outros equipamentos.

Ademais, tal e como está proxectado, este parque tamén situaría polo menos tres aeroxeradores a menos de 500 metros de varias vivendas e está por ver en que medida poderían verse afectadas traídas de auga e outros equipamentos básicos.

O Concello facilitará a preparación das alegacións
Despois de analizar a documentación e da xuntanza veciñal celebrada hai uns días -seguida a semana pasada dunha Xunta de Portavoces-, o Concello ten definida unha postura de oposición ao proxecto, fundamentada entre outras cuestións nas repercusións paisaxísticas, na proximidade a zonas poboadas e tamén no feito de que Caaveiro formaría parte dun conxunto de seis parques fragmentados que, en realidade, funcionarían como un só, sorteando deste modo unha tramitación máis complexa, máis lenta e con maiores esixencias ambientais.

Por outra banda, o proxecto -cuxa tramitación é de competencia estatal- non se encontra dentro de ningunha das áreas de desenvolvemento eólico definidas pola Xunta de Galicia que, como competente en materia urbanística e de xestión do chan nestes casos, tería potestade para autorizar ou non a construción de novos parques fóra deses espazos delimitados polo Plan Eólico de Galicia.

O Concello ten escasa marxe de manobra -por non dicir ningunha- en canto a autorizacións. Porén, o que si pode facer é presentar alegacións como parte interesada. Por este motivo contratouse asistencia legal que se encargará de dárlles forma ás alegacións da Administración local, que proximamente se levarán a pleno e, previsiblemente, co consenso previo dos tres grupos municipais.

En paralelo, na semana do 19 de xullo, o Concello tamén habilitará no local social de Naraío unha oficina de asesoramento e preparación de alegacións que permanecerá aberta “o tempo que sexa necesario” para atender a redacción “do maior número de escritos que se poida”, apunta Secundino García. “A xente ten que estar informada do que supón un proxecto desta envergadura, que non só lle afectaría a quen tivese un muíño no seu monte, senón a todo o territorio. E cando digo todo o territorio non me refiro só á zona de Naraío, senón a todo San Sadurniño. O que está enriba da mesa é modificar sen volta atrás a paisaxe, poñer muíños preto de casas, abrir camiños que ao mellor acaban secando fontes e outras repercusións difíciles de anticipar. Isto é algo que nos afecta a todas e todos e cantas máis alegacións fundamentadas se presenten, mellor… aínda que non haxa garantías de nada, nin sequera sobre se o proxecto vai prosperar ou non”, comenta o alcalde.

O servizo de asesoramento que porá en marcha o consistorio está pensado para que calquera persoa poida presentar esas “alegacións fundamentadas” que menciona o rexedor, xa sexa cun contido xenérico -semellante en liñas xerais á argumentación municipal- ou máis detallado en canto a afeccións particulares. A idea é que “ningún veciño ou veciña quede sen a posibilidade de alegar e defender os seus dereitos por non saber como facelo ou por non saber a onde dirixirse”, explica o alcalde. De feito, a intención do Concello é que, ademais de axustar as alegacións ás necesidades de cada persoa, sexa despois ese mesmo servizo quen se encargue de rexistralas perante a Área de Enerxía da Delegación do Goberno.

 

Share.