O Concello mellora o aspecto e a accesibilidade do contorno da antiga escola de Igrexafeita

0

As obras no antigo grupo escolar de Igrexafeita para convertelo nun novo espazo con usos sociocomunitarios están practicamente rematadas. Esta mesma semana colocáronselle os sinais de seguridade xunto cos extintores e o edifico só agarda  que lle instale a maquinaria do sistema de calefacción e que a empresa adxudicataria faga a limpeza xeral de fin de obra. E, mentres, no exterior tamén vai xa moi avanzado o pequeno proxecto de adecentamento da parcela para dotala de prazas de aparcamento, dun firme que aguante ben os invernos e tamén dunha pequena zona de lecer axardinada. A obra, que suporá un investimento de algo máis de 33.700 euros, busca mellorar o aspecto xeral do conxunto e, sobre todo, a súa accesibilidade.

As actuacións céntranse na recuperación dunha parcela duns 1.600 metros cadrados que levaba anos en estado de semiabandono -igual que a escola- e que, ademais, se viu afectada polas obras recentes realizadas no edificio. Os traballos, iniciados a empezos desta semana, abranguen desde a estrada xeral até o extremo norte da leira, é dicir, a entrada principal, a parte dianteira do edificio e o campón situado ao lado do vello grupo escolar.

En primeiro lugar acometeuse a limpeza da maleza e a retirada da capa vexetal da superficie, xunto co nivelado e afirmado das cotas que despois irán cubertas na súa maior parte con saburra compactada, agás na zona de aparcamento, que leva celosías prefabricadas de cemento. O espazo dedicado a estacionamento terá uns 85 metros e capacidade para  seis vehículos. Ademais, xusto ao pé da pasarela de acceso ao edificio tamén se habilitará unha praza reservada para persoas con mobilidade reducida.

A parte frontal da escola e o aparcamento artéllanse con sendeiros peonís que tamén conectarán cunha pequena área de lecer onde se instalarán  mesas, bancos e papeleiras de madeira que aseguren unha perfecta integración estética coa paisaxe e co edificio principal. De feito, os camiños interiores executaranse cunha mestura de area e estabilizante natural para minimizar o impacto visual e ambiental da intervención.

O proxecto completarase nas próximas semanas coa plantación de especies autóctonas como carballos e castiñeiros, que substituirán algúns exemplares deteriorados que será necesario retirar. Tamén se incorporarán especies tapizantes, céspede e vexetación ornamental para estabilizar os noiros, mellorar a drenaxe natural do terreo e reforzar a biodiversidade da contorna. O obxectivo final é “converter este espazo nun lugar máis agradable para as persoas usuarias do edificio e tamén para a veciñanza da parroquia”, explica Secundino García Casal.

As obras, nas que se investirán algo máis de 33.700 euros do Fondo Ambiental,  tamén veñen solucionar os problemas de accesibilidade á parcela, “onde no inverno sería difícil entrar e manobrar cun coche, para canto máis cun vehículo de transporte adaptado como o que poden precisar algunhas das persoas que acudan ao centro”, comenta o rexedor aludindo á finalidade social que terá a antiga escola de Igrexafeita.

Cabe recordar que o Concello promoveu este proxecto cercano aos 300.000 euros -cofinanciados na sú maior parte pola Deputación da Coruña- coa intención de que o inmoble se converta nun espazo para a abordaxe do Alzhéimer e outras demencias. Una idea na que tamén se implicou Afal Ferrolterra, quen se encargaría do desenvolvemento das actividades de estimulación  terapéutica, cognitiva, lúdica e funcional dirixidas a persoas cun deterioramento inicial, leve ou moderado.

Share.