As obras de rehabilitación da antiga escola de Igrexafeita para darlle novos usos sociais encaran o seu tramo final. A envolvente, o tellado, o chan, as fiestras, a caixa do elevador… o groso do proxecto, cercano aos 300.000 euros, está xa listo e agora os traballos pendentes son o remate da instalación eléctrica, o sistema de calefacción, o propio elevador e outros detalles que o Concello agarda completar en breve, acompañándoos ademais dunha nova intervención cuantificada en 33.700 euros para acondicionar a leira darredor como aparcadoiro e espazo axardinado. Porén, en paralelo tamén se avanza no verdadeiramente importante e razón de ser do proxecto: ofrecer un servizo específico de estimulación terapéutica do alzhéimer e doutras demencias. Neste sentido, representantes de AFAL Ferrolterra visitaron o edificio hai uns días na compaña do Goberno local para coñecer as instalacións e formular unha proposta adaptada ás súas posibilidades e ás necesidades do territorio. Desde a entidade, que leva varios anos colaborando co Concello neste ámbito, destácase a idoneidade do espazo e tamén “a implicación municipal” na posta en marcha de iniciativas de prevención e abordaxe do deterioramento cognitivo.
A concelleira de Benestar, Mari Carme Muíño Filgueira, explicou trala visita que a prioridade agora é concretar o modelo de xestión. “AFAL vai preparar un proxecto adaptado ao centro e a partir del estableceremos a fórmula de cooperación máis axeitada, coa perspectiva de crear unha unidade especializada na estimulación cognitiva”, sinalou a responsable da área. Esta colaboración técnica permitirá que a escola de Igrexafeita se convirta “nun recurso de proximidade moi necesario para a evolución das posibles persoas usuarias, pero tamén para as súas familias que na maioría dos casos non saben como manexar a nova situación”.
Pola súa banda, o xerente e vicepresidente de AFAL, José María Otero Primoy, destacou as “boas posibilidades” que ofrecerá o inmoble cando conclúa a súa rehabilitación. “Levamos tempo colaborando co Concello na prevención do deterioramento cognitivo e agora a nosa intención é poñer en marcha un programa de estimulación terapéutica especializada que atendería a un grupo de entre 10 e 12 persoas”, apuntou Otero, quen insistiu en que non se trata dun servizo asistencial, senón de “obradoiros de estimulación terapéutica, cognitiva, lúdica e funcional para persoas cun deterioramento inicial, leve ou moderado”.
O xerente de AFAL avanzou que a implantación deste recurso iría precedida dunha fase de avaliación e de detección de persoas potenciais usuarias para conformar o grupo de traballo inicial. Segundo detallou, o servizo estaría atendido por persoal técnico con distintos perfís profesionais e unha persoa especializada en xerocultura “que tamén se encargaría do transporte daquelas persoas sen posibilidade de trasladarse polos seus propios medios”, considerando que a dispoñibilidade de transporte adaptado é “un factor determinante” para garantir a equidade no acceso e tamén a pervivencia do propio servizo.
En canto ao funcionamento diario, a idea que manexa a entidade é “ofrecer entre tres e catro horas de actividades polas mañás de luns a venres”, aínda que o alcance final dos servizos virá recollido na proposta detallada que entregarán proximamente. Otero Primoy, que visitou o edificio canda Noelia Ríos Pérez, responsable técnica de AFAL, tamén precisou que este modelo, similar ao doutros municipios, non é gratuíto, aínda que si podería estar financiado pola Lei da Dependencia como calquera outra libranza vinculada.
Mari Carme Muíño Filgueira asegura que o proxecto espertou “un grande interese” entre a veciñanza e que nos últimos meses foron moitas as persoas que preguntaron pola data prevista de posta en marcha deste novo servizo, “un prazo que vai depender do remate das obras e da proposta formulada por AFAL Ferrolterra”. “En calquera caso -prosegue Muíño Filgueira-, para nós como goberno é algo prioritario e esperamos que sexa o antes posible”.
A titular de Benestar engade que, ademais da intervención no ámbito das demencias, a escola ten capacidade para outros usos. “A maiores do programa dirixido a persoas con alzhéimer, as instalacións teñen espazo suficiente para traballar tamén no apoio ás familias e para acoller actividades municipais que xa se están ofrecendo, como os obradoiros de ximnasia e memoria activa”, apuntou a concelleira, engadindo que o centro incluso “podería abrirse a outras entidades que prestan servizos sociocomunitarios parecidos”.
Acondicionamento do exterior
A rehabilitación da antiga escola de Igrexafeita para adaptala á súa nova finalidade social está cuantificada en 299.000 euros e finánciase cunha subvención nominativa da Deputación da Coruña de 240.0000. O alcalde, Secundino García Casal, agarda que as obras do edificio poidan estar “listas ao longo desta primavera” e que, en paralelo, se inicie o procedemento de contratación do acondicionamento da parcela. “Temos previsto un investimento de algo máis de 33.700 euros na pavimentación do camiño e da zona de aparcamento”, explicou o rexedor, quen subliñou a importancia de que a entrada ao centro sexa o máis accesible posible para as persoas usuarias e o transporte adaptado.
Esta intervención exterior incluirá tamén unha mellora paisaxística para humanizar o contorno da antiga escola. Segundo detallou o alcalde, “crearase un pequeno sendeiro e un espazo axardinado con mesas e árbores autóctonas”. O proxecto de adecentamento do terreo darredor da escola financiarase coa asignación proveniente do Fondo Ambiental deste ano.
Alén destas cuestións técnicas e de integración no contorno, Secundino García Casal quixo poñer en valor que o Concello de San Sadurniño vaia “recuperar un inmoble e un contorno que estaban abandonados para convertelos nun servizo de carácter social clave para o territorio”.