O Concello de San Sadurniño acaba de resolver as convocatorias de subvencións destinadas a apoiar as actividades desenvolvidas durante este ano no ámbito da cultura e o deporte. As axudas chegarán a seis colectivos culturais e tres entidades deportivas, que recibirán un total de 24.332,28 euros. As contías concedidas corresponden ás solicitudes recibidas e avaliadas segundo os criterios establecidos nas bases de cada convocatoria. As asociacións e clubs beneficiarios deberán xustificar os gastos realizados antes do 30 de novembro de 2026, a menos que soliciten -e se lles conceda- unha prórroga debidamente xustificada.
No apartado cultural, a convocatoria conta cunha dotación orzamentaria de 12.000 euros, repartidos entre dúas liñas: unha para financiar actividades culturais e outra para gastos de mantemento, infraestrutura e equipamento daquelas entidades que teñan local en propiedade ou alugado. Así, as seis asociacións solicitantes recibirán axudas por un importe conxunto de 11.233,16 euros.
Máis en detalle, a Asociación Cultural Brío percibirá 4.000 euros para actividades, o máximo previsto nesta liña, mentres que a A.V. Xuntanza de Lamas recibirá 1.725,13 euros e a ACRD Santa Mariña do Monte, 1.316,54 euros. A relación de beneficiarias complétase coa AA.VV. Adiante de Igrexafeita, que recibirá 2.271,15 euros, dos cales 1.271,15 corresponden á programación cultural e os outros 1.000 euros á liña de infraestrutura e equipamento. Pola súa banda, a Asociación Concienciarte contará con 1.257,53 euros, mentres que a Asociación de Nais e Pais da Escola Infantil Municipal A Rolada recibirá 662,81 euros. Todas as solicitudes culturais admitidas obtiveron, polo tanto, unha achega económica.
No ámbito deportivo, a convocatoria resolve a concesión dun montante total de 13.099,12 euros para apoiar a actividade dos tres clubs que presentaron solicitudes. As achegas buscan contribuír ao fomento da actividade deportiva e ao funcionamento das entidades, tendo en conta os criterios de valoración recollidos nas bases, entre eles o número de licenzas federativas, a participación en competicións de deportes olímpicos, o número de equipos por categoría e a titularidade das instalacións deportivas.
A Unión Deportiva e Cultural Narahío percibirá 8.469 euros, mentres que a Asociación Deportiva San Sadurniño Club de Fútbol recibirá 4.030,12 euros. O Fútbol Sala Santa Mariña do Monte contará cunha axuda de 600 euros. Estas cantidades distribúense en función da valoración das solicitudes e dos criterios específicos establecidos para as distintas modalidades de participación deportiva.
As entidades beneficiarias deberán presentar a documentación xustificativa antes do 30 de novembro de 2026, a través da Sede Electrónica municipal ou dos restantes rexistros electrónicos habilitados. Para completar o trámite terán que achegar unha memoria das actividades realizadas, un balance de ingresos e gastos, a relación doutras axudas ou ingresos recibidos para a mesma finalidade e as correspondentes facturas ou documentos equivalentes, acompañados dos xustificantes bancarios de pagamento.
A xustificación deberá acreditar que os fondos municipais se destinaron aos fins para os que foron concedidos. Nas axudas culturais, o importe dos gastos xustificados deberá alcanzar, como mínimo, a suma da subvención concedida e o 20 % do orzamento admitido na solicitude, coas condicións específicas que establecen as bases para os gastos de material. No caso das subvencións deportivas, as entidades deberán cumprir igualmente os requisitos documentais e económicos recollidos na súa convocatoria.
O prazo remata o 30 de novembro, polo que os colectivos deberán ter en conta esa data para preparar e presentar toda a documentación necesaria. Iso si, se o precisan poden solicitar de maneira razoada unha prórroga que, no caso de ser concedida, ampliaría ese prazo en 50 días máis.
Bases da convocatoria de axudas para Cultura
Folla de xustificación da subvención para actividade
Folla de xustificación da subvención para infraestrutura
Bases da convocatoria de axudas para Deporte
Folla de xustificación das axudas