O Concello inviste máis de 14.000 euros en guindastres e camas articuladas para o Servizo de Axuda no Fogar

0

Nos últimos días veu desenvolvéndose a formación dirixida ao persoal de Obras e do Servizo de Axuda no Fogar sobre a instalación e manexo dos novos equipamentos auxiliares que acaba de mercar o Concello. Trátase de 6 camas articuladas e 6 guindastres especiais para a mobilización de persoas dependentes, ademais doutros accesorios, nos que se investiron 14.153 euros financiados con cargo aos remanentes da tesouraría municipal. O obxectivo da compra é mellorar a calidade asistencial no domicilio para as persoas usuarias do SAF, pero tamén previr lesións e facilitar o labor das traballadoras do servizo.

As camas articuladas e motorizadas permiten facer un cambio de postura sen esforzo por parte da profesional do SAF ou persoa coidadora, que poden regular en segundos a posicións máis axeitadas para cada momento  -durmir, inxerir alimentos, hixiene, erguerse ou deitarse, etc.-, ademais de adaptárense en altura para facilitar a incorporación da persoa usuaria e o traballo do persoal de atención.

No caso dos guindastres, o Concello adquiriu cinco modelos para o cambio postural e a transferencia de persoas dependentes, imprescindibles cando a mobilidade é mínima ou nula. Os aparellos, dotados de motorización eléctrica, eslingas e arneses, están pensados principalmente para erguer as usuarias e usuarios da cama ou para volvelos deitar, así como para o seu cambio a un asento na mesma estancia ou noutra do domicilio.

A maiores, o SAF tamén disporá dun guindastre específico para bipedestación, deseñado para aquelas persoas usuarias que precisan asistencia pero que aínda poden soportar o seu propio peso e axudar na mobilización por teren certa forza en brazos e pernas.

O investimento en camas e guindastres -13.023,90€- complétase con outras axudas técnicas, como unha cadeira de baño, un brazo incoporador, unha saba superdeslizante, un disco de transferencia -para que a persoa poida ser xirada estando de pé sen sufrir torsións- e unha táboa de transferencia curva, que funciona como punte de apoio, por exemplo, entre unha cadeira de rodas e unha cama. Este equipamento menor -aínda que igualmente importante- tivo un custe de 1.129,81 euros.

“Os dispositivos mercáronse coa intención de favorecer un traballo máis seguro e cómodo para as traballadoras do SAF municipal, e polo tanto tamén para aquelas persoas coidadoras nos domicilios destinatarios. O material tamén ten como finalidade a prevención de riscos laborais, evitando sobreesforzos e lesións” explica Secundino García.
O alcalde engade que a distribución e instalación nos domicilios destes equipamentos “farase seguindo o criterio técnico de Servizos Sociais, baseado nos grados de dependencia e na análise obxectiva de cada situación”.

A adquisición  foi precedida dun informe técnico do departamento, coa colaboración do propio persoal do SAF, de cara a identificar as necesidades actuais e a medio prazo deste tipo de material, “que podería ampliarse no futuro se as circunstancias así o aconsellan”. O alcalde lembra que os algo máis de 14.000 euros de investimento se financiaron con fondos integramente municipais, habilitados en novembro pasado a partir dos remanentes de tesouraría cos que pechou o exercicio de 2021.

 

 

Share.