O Concello inicia o procedemento para a contratación temporal dunha persoa con cargo ao programa APROL Rural

0

San Sadurniño volveu acollerse este ano ao programa APROL Rural convocado pola Xunta para favorecer a contratación durante 9 meses de persoas  desempregadas que fagan tarefas relacionadas maioritariamente coa prevención de incendios. Neste sentido, o Concello xa ten en marcha o correspondente proceso selectivo dunha operaria ou operario coa categoría de oficialía forestal. Un proceso que non é aberto, senón que se fará a partir dun listado de aspirantes que encaixen no perfil do posto e cumplan os requisitos facilitado polo Servizo Público de Emprego de Galicia.

A diferenza dos contratos temporais do PEL provincial -que tamén arrancaron hai uns días-, no caso do APROL Rural non hai un prazo de presentación de instancias nin tampouco se pode solicitar directamente no Concello a participación no proceso selectivo, senón que este vai levarse a cabo a partir do listado de persoas candidatas que se lle solicitou ao SPEG o pasado venres.

Por este motivo o Concello insiste todos os anos cando se fala do programa APROL Rural en que as persoas que queiran ser chamadas para proba selectiva deben ter ao día a tarxeta de demandante de emprego e, ademais, tamén deben terlle indicado ao Servizo Público de Emprego de Galicia a súa preferencia por traballos que cadren co posto ofertado pola Administración local, de acordo co listado Código Nacional de Ocupación da Seguridade Social.

No listado CNO aparecen descritas case todas as profesións cos seus números clave, que son os que nos pon na ficha o servizo de emprego cando nos inscribimos como demandantes. É dicir, se por exemplo a oferta é para un contrato de Peón/oa especialista forestal -como é o caso- e a nosa inscrición no SPEG é co código 6410 “Traballadores/as cualificadas en actividades forestais e do medio natural”, teremos case todas as garantías de que o servizo público de emprego nos inclúa no listado de persoas preseleccionadas que poderán participar no proceso selectivo.

O posto financiado polo APROL Rural -o Concello conta cunha axuda de 16.586,73 euros- cubrirase mediante un contrato temporal para a mellora da ocupabilidade e da inserción laboral. Será de 9 meses de duración a xornada completa, cun salario bruto de 1.381,33 euros ao mes, incluída a parte proporcional das pagas extra.  O perfil que se buscará é o dunha traballadora ou traballador que faga tarefas de limpeza e mantemento de vías e propiedades municipais. Deberá posuír o carné de conducir B.

Unha vez que o SPEG envíe a relación de aspirantes -algo que seguramente ocorra esta mesma semana-, o Concello fará os chamamentos e levarase a cabo entre eles e elas un proceso selectivo mediante concurso-oposición.

Na fase de concurso valorarase a formación recibida en cursos de capacitación relacionados co posto e tamén as circunstancias socioeconómicas das persoas candidatas. Entre estas últimas estarían a de ser menores de 30 anos ou maiores de 45 en situación de desemprego, ser muller, ser vítima de violencia de xénero, ter esgotado as prestacións, non percibir subsidios nin rendas non contributivas, ter algunha discapacidade recoñecida, pertencer a colectivos desfavorecidos, etc.

Na fase de oposición farase unha proba práctica que avaliará a destreza no manexo con seguridade dos aparellos que se utilizan na roza e limpeza de espazos públicos.

Unha vez concluído o procedemento, o tribunal proporá o nomeamento da persoa con máis puntuación total. Se non hai imprevistos, a estimación é que poida estar traballando xa na primeira quincena do mes de xuño.

O contrato que se formalice con cargo ao APROL Rural sumarase aos outros dous de carácter temporal financiados polo PEL da Deputación da Coruña, un durante 6,5 meses de condutor/a da maquinaria municipal e outro de 6 meses de duración de peón/oa especial.

Bases para a contratación de persoal temporal ao abeiro do programa APROL Rural 2025

Share.