O Concello destina outros 20.500 euros a bolsas escolares e axudas á conciliación

0

O pleno ordinario fixado para o serán deste xoves 30 de setembro votará a aprobación dunhas novas bases de becas para o alumnado de San Sadurniño e tamén para axudarlles ás familias cos custes de conciliación na EIM A Rolada. A proposta de acordo recolle a unha convocatoria extraordinaria de bolsas dotada cunha partida de 20.500 euros que, ademais, suporá un importante cambio no calendario das axudas, posto que desde este 2021 o Concello ten intención de abrir os prazos cadrando co arranque do curso escolar en vez de facelo xusto despois de aprobar os orzamentos (habitualmente no primeiro trimestre do ano). Desta maneira búscase que as bolsas cheguen ás familias nas semanas seguintes ao comezo da escola, momento no que teñen que soportar máis gastos. Outra novidade importante é que, unha vez pechado o prazo de solicitude, os importes sobrantes das liñas con menos peticións poderán redistribuirse entre aquelas con maior demanda para que as becas beneficien a máis persoas.

Se o asunto prospera no pleno, as bases deberán publicarse no BOP -probablemente a primeiros de outubro- e a partir do día seguinte empezará a contar o prazo de 15 días naturais para botar a solicitude, momento no que estarán dispoñibles nesta mesma web todas as ligazóns á documentación.

Os 20.500 euros -cofinanciados con cargo ao POS Adicional 1/2021 para gasto social da Deputación- distribuiranse nos seguintes apartados: 9.500€ para bolsas de estudos posobrigatorios, 8.000€ para estudos obrigatorios, 500€ para 2º ciclo de Educación Infantil e 2.500 euros para sufragar gastos na Rolada.

As contías máximas que se poderán percibir varían dependendo do tipo de axuda que se solicite, que será compatible coas demais e tamén coas concedidas por outras administracións ou polo propio Concello na convocatoria de marzo, referida ao curso 20/21 e dotada no orzamento municipal con 40.000€.

Así, nas bolsas para o 2º ciclo de Educación Infantil o tope son 100 euros por nena ou neno e no apartado de estudos obrigatorios marcouse ata un máximo de 200 euros para as solicitudes que cumpran os requisitos. No caso das bolsas para estudos postobrigatorios -bacharelatos, ciclos formativos e universitarios- a contía máxima por solicitude poderá chegar 800 euros. A axuda para gastos de conciliación na EIM “A Rolada” estipulouse nun tope de 1.500 euros.

Outros asuntos da sesión
O pleno ordinario de setembro comezará ás 19:30h tendo esta cuestión como primeiro punto resolutivo -sen contar o da aprobación das actas anteriores-, que irá seguido da proposta de modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa da subministración da auga potable. Tocaranse dous apartados. Dunha banda modificarase o prezo dos contadores -no caso de que se opte por un contador de de propiedade municipal-, que se establecerá en 5€ cada trimestre co obxectivo de cubrir os custes de instalación e mantemento. Por outro lado tamén se introducirá unha precisión no artigo das bonificacións do 50% para persoas que posúan o Carné Xove -menores de 30 anos-, que terán que solicitar o desconto cada anualidade mentres teñan o carné en vigor.

Pola vía ordinaria tamén se debaterá unha moción do grupo municipal do BNG ao respecto do anteproxecto de lei autonómica de mellora da xestión do ciclo integral da auga. O pleno rematará cos habituais apartados de toma de razón das resolucións da Alcaldía e de rogos e preguntas.

Share.