O Concello convoca ás asociacións para empezar a traballar na aplicación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU

0

O Concello de San Sadurniño foi un dos tres municipios galegos elixidos polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para levar adiante o diagnóstico e o plan de implantación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030 das Nacións Unidas. O documento deberá definir a situación actual do municipio no referido ás 17 estratexias que recolle a ONU na súa Axenda 2030 e, a partir de aí, marcar as actuacións que se deberán poñer en marcha para poder cumprilas. O proceso desenvolverase en catro fases, que contemplan a participación tanto de representantes e persoal municipal como de colectivos sociais e axentes económicos do territorio. De feito, o primeiro encontro co tecido social desenvolverase o martes 18 de maio a partir das 16.30h. a través da plataforma Zoom, coa presentación do informe de diagnóstico e o debate sobre as posibles vías de aplicación dos ODS no territorio.

Os Estados membros da ONU adoptaron a finais de 2015 os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) co fin de erradicar a pobreza, protexer o planeta e asegurar a prosperidade para todas as persoas nun prazo de quince anos, de aí que tamén os ODS tamén sexan coñecidos como “Axenda 2030”. Os 17 obxectivos incorporan metas relativas á loita contra a fame, o acceso á saúde e a educación, a igualdade de xénero ou o coidado do planeta. Todas elas inclúen indicadores que entroncan coas competencias municipais, de aí que as Administracións locais teñan un papel chave na súa consecución.

Grazas ao Fondo Galego, o Concello iniciou en outubro pasado o traballo para implantar os ODS en San Sadurniño. A empresa Wayna Consultora encargouse nos últimos meses de recoller información moi variada sobre o municipio que se trasladou a un informe de diagnose baseado en estatísticas e datos oficiais onde se apuntan eivas e tamén fortalezas de San Sadurniño con respecto ao cumprimento dos obxectivos.

Agora o que toca é iniciar un proceso de participación artellado en varias mesas de traballo  que abranguen o persoal municipal e membros do equipo de goberno, os partidos políticos con representación municipal e colectivos relacionados co desenvolvemento local e tamén o tecido asociativo -clubes, asociacións culturais e veciñais- que, neste último caso, foron citadas a un encontro virtual o próximo martes 18 de maio a partir das 16.30h.

Nesa xuntanza -que se manterá a través de Zoom- repasarase o contido dos ODS, exporase a información reflectida no diagnóstico e empezarase a falar sobre que cambios cumprirá promover  para que, á volta do 2030, en San Sadurniño se estea respondendo á Axenda 2030 desde un punto de vista ambiental, social e económico.

Unha vez que se complete a fase de participación elaborarase un plan estratéxico coas directrices que tanto o Concello como Administración, como as entidades do municipio e, en xeral, toda a veciñanza, poderán utilizar como guía para cumprir os obxectivos de sostenibilidade. O plan estará dispoñible na web municipal e, ademais, tamén se distribuirá outro material de difusión cun formato doado de comprender.

 

Share.