O Concello contratará temporalmente tres persoas a través do Programa de Integración Laboral da Deputación

0

San Sadurniño é un dos concellos beneficiarios das axudas do PEL-Reactiva 2022 convocado pola Deputación da Coruña, que dirixe unha das súas liñas á contratación temporal de persoas desempregadas como reforzo en distintos servizos municipais.  Neste sentido o Concello ten asignada unha partida de 31.000 euros cos que se custearán tres contratos de seis meses de duración de unha persoa para conducir os camións municipais, un ou unha profesional da carpintaría e un peón ou peoa especial que apoie co seu traballo a recollida de lixo, a limpeza viaria e pequenas obras. O proceso selectivo para cubrir estes contratos levarase a cabo proximamente a partir dun listado de persoas desempregadas que se lle solicitará ao Servizo Público de Emprego de Galicia. Por iso é moi importante que quen cumpra os requisitos acuda a este servizo dependente da Xunta para comprobar -ou actualizar- a súa inscrición como demandante de emprego nos postos ofertados.

As características das prazas e as funcións do persoal que se vai contratar con carácter temporal son as seguintes:

  • 1 Condutor ou condutora: 6 meses de duración a tempo completo para guiar nos camións e outra maquinaria municipal, cun salario bruto mensual de 1.590,85€ (pagas extra prorrateadas). Cómpre estar en posesión do carné tipo C.
  • 1 Carpinteira ou carpinteiro: 6 meses de duración a tempo parcial de 6 horas diarias para facer labores de mantemento en instalacións e edificios municipais. O salario bruto sitúase nese caso en 1.250,03€, tamén coa parte proporcional da paga extra correspondente repartida nos seis meses de duración do contrato.
  • 1 Peón ou peoa especial: 6 meses de duración a tempo parcial de 6 horas ao día apoiando a recollida do lixo, a limpeza viaria e obras no abastecemento de auga. O salario mensual, coas extras tamén prorrateadas, será de 1.187,01 euros brutos. Nas bases sinálase que a persoa para contratar estea capacitada para traballar con rozadoira de fío.

Os contratos diríxense a persoas con dificultade para acceder a un posto de traballo ou que afrontan unha situación das denominadas de “exclusión laboral”, como poden ser, entre outras, a de ter máis de 45 anos, levar máis de un ano como demandante de emprego, ser muller, ter unha discapacidade igual ou superior ao 33%, non ter fogar ou vivir nun onde ninguén teña traballo, etc.

Todos eles son requisitos específicos para optar á convocatoria que aparecen reflectidos nas bases publicadas polo Concello, aos que se xuntan outras esixencias xenéricas. A primeira é  ter máis de 16 anos e nacionalidade española, dalgún estado da UE ou ser unha persoa estranxeira residente en España. A segunda é que sobre a persoa aspirante non pese ningunha causa de inhabilitación para desempeñar empregos ou cargos públicos. Por último tamén é preceptivo non padecer enfermidade ou defecto físico ou psíquico que impida o desempeño das funcións e ter inscrición no Servizo Público de Emprego de Galicia como persoa demandante non ocupada dispoñible para o emprego.

A selección farase partindo dun listado enviado polo SPEG
A diferenza doutras convocatorias de emprego público, neste tipo de programas tanto San Sadurniño como outros concellos optan por solicitarlle ao propio SPEG un listado pechado de persoas que cumpran as condicións para desempeñar funcións en calquera dos postos ofertados. Esa é a razón de que para estas contratacións non se abra un prazo de presentación de instancias, senón que fai falla ter ao día a información como demandante no servizo público de emprego dentro dos códigos que coincidan cos perfís laborais demandados polo Concello.

Posteriormente, unha vez recibida a relación de aspirantes, farase un chamamento para que todas as persoas incluídas no listado do SPEG presenten a documentación requirida e para que participen no proceso de selección mediante concurso oposición definido nas bases.  Nel valoraranse cuestións como a situación familiar e/ou persoal e a experiencia e a formación acumuladas, que en ambos casos son baremables directamente. Pero tamén se fará unha proba oral e un exame tipo test centrado tanto no coñecemento do posto como do territorio.

Share.