O Concello contratará cinco persoas ao abeiro do PIL da Deputación

0

O Concello de San Sadurniño volveu acollerse este ano ao Programa de Integración Laboral promovido pola Deputación da Coruña. O montante total da achega provincial ascende a cerca de 56.000 euros, cos que se poderán formalizar cinco contratos temporais cuxos procesos selectivos se farán en dúas veces: un agora para tres persoas desempregadas e outro máis adiante, no verán, cando se cubrirán os dous postos temporais restantes. Os perfís convocados a través do Servizo Público de Emprego de Galicia para a primeira quenda son o dun condutor ou condutora, outro coa especialidade en carpintaría e, por último, un peón ou peoa que ofreza apoio ao servizo de obras. Tras solicitar o listado de aspirantes, o Concello iniciará nuns días os procesos de selección para a cobertura de cada posto mediante concurso oposición. As outras dúas contratacións previstas para comezos do verán faranse da mesma maneira, pedíndolle ao SPEG unha relación de candidatos e candidatas para desenvolver funcións de albanelaría e peonaxe. Por esta razón, e de cara a poder entrar na selección, é moi importante ter actualizados os currículums profesionais e de formación, ademais da obriga de atoparse en situación de desemprego.

Tal e como recollen as bases do Programa de Integración Laboral -encadrado no Plan de Emprego Local da Deputación- a San Sadurniño correspondéronlle este ano 55.989,84 euros que o Concello distribuirá en cinco contratacións temporais, nuns casos a tempo parcial e noutros a tempo completo.

Ademais os procesos selectivos non se farán dunha soa vez, senón que se partirán en dúas empezando neste momento polos relativos á contratación dun ou dunha condutora a tempo completo até finais de ano, un carpinteiro ou unha carpinteira a tempo parcial -6 horas/día- durante 5,7 meses e unha persoa para labores de peón ou peoa de obras, tamén cun contrato en xornada de 6 horas diarias e 5,7 meses de duración.

O obxecto do plan provincial é facilitarlles aos municipios o reforzo das súas propias brigadas de obras ou servizos sen que supoña custo algún para as arcas municipais, posto que a subvención asignada cobre tanto os salarios como os custes de seguridade social.

Porén, a finalidade do PIL tamén é promover a integración laboral de persoas que, por diversas circunstancias, teñen dificultade para acceder a un posto de traballo ou que afrontan unha situación das denominadas de “exclusión laboral”, como poden ser ter máis de 45 anos, levar máis de 2 anos como demandante de emprego, ser muller, ter unha discapacidade igual ou superior ao 33%, non ter fogar ou vivir nun onde ninguén teña traballo, etc. Ademais, no caso do posto de condutor ou condutora do camión e doutra maquinaria municipal, tamén se deberá estar en posesión do carné de conducir C.

Todas elas son requisitos específicos para optar á convocatoria que aparecen reflectidos nas bases publicadas polo Concello, que se xuntan outras esixencias xenéricas. A primeira é  ter máis de 16 anos e nacionalidade española, dalgún estado da UE ou ser unha persoa estranxeira residente en España. A segunda é que sobre a persoa aspirante non pese ningunha causa de inhabilitación para desempeñar empregos ou cargos públicos. A terceira é que non padeza enfermidades ou defectos físicos ou psíquicos que impidan o desempeño do traballo e, como requisito final, tamén se pide que as persoas que queiran optar a calquera dos tres postos ofertados deben estar inscritas como demandantes non ocupadas no Servizo Público de Emprego de Galicia.

A diferenza doutras convocatorias de emprego público, neste tipo de programas tanto San Sadurniño como outros concellos optan por solicitarlle ao propio SPEG un listado pechado de persoas que cumpran as condicións para desempeñar funcións en calquera dos postos ofertados.  Posteriormente, unha vez recibida a relación de aspirantes, faise un chamamento para que todas elas e eles presenten a documentación requirida e para que participen no proceso de selección mediante concurso oposición.  Nel valóranse cuestións como a situación familiar e/ou persoal e a experiencia e a formación acumuladas, que en ambos casos son baremables directamente. Pero tamén se fai unha proba oral e un exame tipo test centrado tanto no coñecemento do posto como do territorio.

Esta mesma fórmula será a que se empregue para os seguintes dous contratos que o Concello ten previsto convocar a finais da primavera, co obxectivo de que que as persoas seleccionadas poidan empezar a traballar co arranque do verán. Nese caso ofertaranse dous empregos temporais de peón ou peoa de albanelaría. Deste modo completaranse os 5 contratos previstos neste 2021 -e parte do 2022- con cargo ao Plan de Inserción Laboral da Deputación da Coruña.

Cómpre ter en conta, ademais, que San Sadurniño tamén agarda acollerse ao programa APROL-Rural da Xunta de Galicia, coa expectativa de percibir unha axuda para dúas contratacións de persoal que faga labores de roza e outros traballos forestais. O Concello iniciará o proceso selectivo no momento en que a Xunta resolva a distribución do programa e, de igual maneira, tamén acudirá ao Servizo Público de Emprego de Galicia para que este organismo faga a sondaxe e derivación de persoas candidatas. Para entrar formar parte desa escolma do servizo público é fundamental que todas as persoas en situación de desemprego teñan ao día os seus datos e que estes se encontren asociados á busca de traballos coincidentes cos que se ofertan todos os anos desde o Concello: condutor/a, albanelaría, peonaxe de obras, traballos forestais, etc.

Share.