O Concello apoia as plantacións de mazá autóctona cunha convocatoria de subvencións pioneira en Galicia

0

O Concello de San Sadurniño volve ser referente na promoción do desenvolvemento rural e na aposta pola soberanía alimentaria. E é que o Boletín Oficial da Provincia deste martes 17 de setembro publica as subvencións municipais para a plantación de maceiras autóctonas. Trátase dunha convocatoria dotada con 10.000 euros que se distribuirán entre as persoas físicas solicitantes que cumpran os requisitos e que planten no termo municipal un mínimo de 1.000 e un máximo de 4.000 metros cadrados das variedades Ollo mouro e Príncipe. Desde o Goberno local destácase o carácter “pioneiro” desta liña de subvencións, coa que se busca fomentar a recuperación das castes tradicionais e impulsar o seu cultivo como maneira de diversificar a economía local.

As axudas poderán solicitarse  presentando debidamente cuberto o modelo que figura como anexo ás bases. Deberán facerse constar os datos persoais e de contacto, ademais das referencias catastrais das leiras onde se van poñer as maceiras e a superficie total que se pretende dedicar ás novas plantacións. Tamén se deberá acompañar a petición dunha reportaxe fotográfica do estado previo das parcelas -sacadas como máximo un mes antes da solicitude- onde en ningún caso pode haber maceiras das dúas variedades obxecto da subvención.

A intención do Concello é promover dentro do territorio municipal as plantacións de Ollo mouro e Príncipe, dúas castes tradicionais de grande sabor e boa conservación “que son case imposibles de atopar á venda, salvo en feiras e pequenos mercados de proximidade e aínda así en moi pouca cantidade malia ser tipos de mazá habituais en moitas hortas da comarca”, comenta o responsable de Desenvolvemento local, Manolo Varela.

“Estas variedades están perfectamente adaptadas ao terreo e teñen un grande potencial para atender o consumo local e o máis lonxano, só fai falla promover plantacións ben planificadas que poidan empezar a producir a medio prazo. Esa é a fin última desta liña de subvencións municipais. Estanos vindo mazá de fóra que non sabe a nada e que pagamos carísima, vai sendo hora de que apostemos pola nosa, que é incluso mellor”, engade o concelleiro.

A convocatoria municipal diríxese a subvencionarlles ás persoas físicas (as axudas están pensadas para particulares) a compra de planta de Ollo mouro e/ou Príncipe en portainxertos MM-106. Neste sentido establécese que cada persoa só poderá presentar unha solicitude para plantar un mínimo de 1.000 e un máximo de 4.000 m². Porén, nas bases puntualízase que, en principio, só poderá elixirse unha das variedades e que para obter subvención para as dúas será necesario plantar polo menos 2000 metros cadrados de cada unha delas.

En calquera caso, sexa Ollo mouro ou sexa Príncipe -ou as dúas-, os marcos de plantación terán que ser, como pouco, de 4×4 metros, cos que se asegura un correcto desenvolvemento das árbores e un bo equilibrio produtivo, ademais de facilitar a mecanización dos labores de mantemento e colleita.  O importe subvencionable será de 10 euros por planta -se a superficie total non é múltiplo de 1.000, aplicarase unha regra de tres- até un máximo de 2.000 euros por solicitude.

A valoración das peticións farase outorgando ata 50 puntos: 20 por ter empadroamento en San Sadurniño desde polo menos tres meses antes da convocatoria das axudas e ata 30 puntos máis dependendo do número de persoas que compoñan a unidade de convivencia (dúas, 10 puntos; tres, 20 puntos; catro ou máis, 30 puntos).

A axuda, unha vez concedida, terá que xustificarse no prazo de dous meses despois de recibir a notificación. Esa xustificación requirirá presentar, por unha banda, o documento no que se faga constar a compra da planta e, por outra, a folla á que se lle deberá adxuntar unha pequena reportaxe fotográfica sobre como quedou a plantación. Neste último anexo tamén se terá que facer constar se se percibiron outras axudas coa mesma finalidade, sempre sen superar o 100% do custe total.

Até o 17 de outubro para solicitar
As bases da convocatoria de axudas aprobáronse na Xunta de Goberno Local do pasado 21 de agosto e posteriormente enviáronse para a súa publicación na Base de Datos Nacional de Subvencións. Este martes 17 de setembro saíron publicadas no Boletín Oficial da Provincia, co que o prazo de un mes para presentar as solicitudes empeza a correr o mércores 18 de setembro, incluído.

Dito dun xeito máis directo: o último día para presentar as solcitudes será o 17 de outubro. O trámite poderá facerse presencialmente no rexistro municipal, a través da Sede Electrónica ou polos medios válidos admitidos na normativa que regula as relacións da cidadanía coas Administracións públicas.

Segundo o titular de Desenvolvemento local, Manolo Varela, San Sadurniño “sitúase de novo á vangarda en desenvolvemento, cunha iniciativa pioneira coa que queremos promover o cultivo de mazás do país. As nosas variedades, e especialmente a Ollo mouro e a Príncipe, teñen un grande futuro para o consumo en fresco ou para a súa transformación en marmeladas, zumes e sidras, como estamos vendo no centro de transformación A Fusquenlla. Sabemos que o paso que damos subvencionando as plantacións non deixa de ser un pequeno xesto, pero é un paso decidido, unha maneira de seguir avanzando na estratexia que estamos levando a cabo para reactivar e diversificar o potencial produtivo do rural”.

Convocatoria de axudas á plantación de maceiras (.pdf)
Anexo I Solicitude (.pdf)
Anexo II Declaración responsable (.pdf)
Anexo III Xustificación da adquisición (.pdf)
Anexo IV Xustificación da plantación (.pdf)

 

Share.