En pouco máis de dúas semanas estaremos celebrando o solsticio de verán coas lumeiradas do San Xoán e uns días despois -nalgúns sitios-, tamén coas do San Pedro. Malia que se trata dunha tradición milenaria, non está de máis lembrar que cando se anda con lume é preciso tomar medidas preventivas e actuar de forma responsable. Por este motivo, para ter un control das fogueiras e saltas que se van celebrar no territorio, e co propósito de ter informado ao Distrito forestal, fai falla presentar unha comunicación no Concello indicando o lugar da celebración e adquirindo certos compromisos de seguridade. O documento pode presentarse xa mesmo no rexistro municipal ou a través da Sede Electrónica. O concello dá de prazo até o día 19, posto que ao día seguinte deberá enviarlle á Xunta todas as comunicacións.
Cabe agardar que na noite do 23, que cae en domingo, e tamén na do sábado e o venres inmediatamente anteriores haxa por todo o territorio ducias de fogueiras que saltar antes de continuar cos rituais dunha noite coa que se lle dá a benvida ao verán. Porén, para que non haxa sorpresas desagradables cómpre tomar algunhas precaucións:
- Non deben facerse fogueiras dunha altura elevada, nin preto de lugrares con vextación ou a menos de 10 metros de tendidos eléctricos ou telefónicos
- Non se poden facer lumeiradas preto de locais ou depósitos que conteñan materiais inflamables, nin tampouco preto de infraestruturas e elementos -públicos ou privados- que poidan verse afectados
- Non está permitido prender a fogueira se existe un exceso de vento
- Cómpre evitar usar nas fogueiras materiais que xeren grandes charamuscas (pólas de eucalipto con follas secas, papeis, etc…) que poden chegar acesas moi lonxe
- É necesario ter auga preto para actuar ante posibles escapes
- Non se permiten empregar na fogueira materias contaminantes (pneumáticos, aerosois…)
- Cómpre deixar a fogueira completamente apagada antes de marchar
- En caso de haber algún problema hai que chamar ós teléfonos 085 ou 112 (a chamada é gratuíta)
Todos estes consellos veñen recollidos no modelo de comunicación publicado polo Concello. Quen vaia organizar unha salta -aínda que sexa na casa- terá que cubrir o impreso e presentala no rexistro municipal para levar un control máis exhaustivo dos focos que vai haber tanto na noite do 23 como nos días anteriores e posteriores, xa que aínda queda xente que celebra tamén con lume o San Pedro.
O impreso de comunicación previa recolle, ademais, os compromisos que adquire a persoa ou entidade solicitante, como é o de facer unha devasa rozando ou retirando o material combustible nun radio mínimo de cinco metros desde o borde da fogueira; o de non poñerlle lume se hai vento e apagala inmediatamente se levanta o aire; non marchar ata que as brasas estean totalmente apagadas e, por último, o de contar con todos os medios e persoal necesarios para ter o lume sempre baixo control.
O último día para facer as comunicacións é o 19 de xuño, posto que o Concello deberá xuntalas todas e enviarllas ao Distrito Forestal ao día seguinte. O documento pode achegarse presencialmente polo rexistro municipal ou a través da Sede Electrónica municipal. Este último medio é obrigatorio para as comunicacións das entidades e colectivos veciñais do territorio.