Nuska Chousa compartirá na XVII Feira Rural os seus coñecementos sobre a horta e os saberes tradicionais do noso agro

0

A XVII Feira Rural de San Sadurniño contará este sábado con dous encontros coa creadora de contido Nuska Chousa, unha das divulgadoras máis coñecidas nas redes sociais polos seus vídeos arredor da agricultura e da vida no rural. As charlas, que aparecen no programa feiral como “Hortelando con Nuska Chousa”, desenvolveranse ás 12:15 e ás 18:15 horas e terán unha duración aproximada de hora e media. Neles falaranos de compostaxe, polinización, pragas e enfermidades das plantas e de moitas outras cousas, cun formato próximo e moi participativo onde a creadora de contido rural compartirá coñecementos colleitados tras anos de experiencia, pero tamén recibidos da tradición.

Nuska Chousa converteu o seu día a día na horta e o coñecemento acumulado durante anos nunha forma de divulgación que chega xa a máis de 350.000 persoas seguidoras a través de Facebook, Instagram, TikTok e YouTube. Nos seus vídeos e publicacións comparte trucos, técnicas e recomendacións relacionadas co cultivo, o coidado das plantas e a vida no rural, cunha especial atención á recuperación e posta en valor dos saberes tradicionais que en boa parte lle transmitiu a súa nai, protagonista de moitos dos seus vídeos.

A súa maneira de comunicar parte, precisamente, da experiencia directa. “Nacín na horta”, explica, para engadir que o que transmite procede do seu propio traballo, da súa experiencia e “do coñecemento transmitido pola xente maior, actualizado cos coñecementos que temos hoxe”. Unha combinación que lle permite abordar cuestións prácticas da agricultura desde unha perspectiva próxima e comprensible.

Nos encontros de “Hortelando” deste sábado, Nuska comezará explicando brevemente o seu traballo e introducirá algunhas cuestións de interese xeral para quen teña unha horta, como a importancia da compostaxe para conseguir solos sans e, polo tanto, cultivos máis saudables.

Outro dos temas que ocupará parte dos dous encontros previstos será o papel dos insectos polinizadores e a importancia de favorecer a súa presenza na horta. Neste sentido, falará tamén das plantas olorosas e ornamentais que poden atraelos e contribuir a manter un equilibrio natural nos cultivos.

As pragas máis habituais serán outro dos asuntos que se tocarán, repasando os principais problemas que afectan aos cultivos e as maneiras de tratalos de maneira natural. Neste sentido, Chousa avoga por anticiparse a eles evitando que aparezan por medio dunha concepción da horta baseada no equilibrio saudable entre cultivos, outras plantas e fauna.

As dúas sesións abordarán igualmente as enfermidades máis comúns das froiteiras. Andazos que se fan visibles durante o verán, pero que, segundo explica, cómpre combater e previr durante o inverno. Será así unha oportunidade para coñecer mellor os ciclos das enfermidades e entender que o momento no que aparecen os síntomas non sempre coincide co momento axeitado para actuar.

O público poderá preguntar e expor problemas concretos das súas hortas, nunha especie de consulta comunitaria na que se procurarán respostas en directo. “Gústame escoitar á xente e procuro que a xente me pregunte polo que lle interese”, sinala Nuska. Para a divulgadora, ademais, as preguntas individuais adoitan ter un interese colectivo: “Cando alguén pregunta algo en público, case sempre está expoñendo a mesma dúbida que teñen os demais que non se atreven a preguntar”.

Teremos oportunidade de compartir tempo e saber con Nuska Chousa nas dúas sesións de “Hortelando” que terán lugar na carpa principal da XVII Feira Rural, unha ás 12:15h e outra ás 18:15. Non fai falla inscrición previa.

 

Share.