Aberto o prazo de solicitude do “PEL-Reactiva: Programa específico de apoio á Hostalaría e Axencias de Viaxes”

0

Desde as 8 da mañá de hoxe está aberto o prazo de solicitude dunha nova convocatoria de axudas da Deputación da Coruña dirixida á hostalaría e ás axencias de viaxes, os dous sectores máis afectados pola pandemia. Repartiranse 9 millóns de euros entre as persoas autónomas e microempresas encadradas nas epígrafes do IAE correspondentes a estas dúas actividades. A contía son 1.500 euros fixos por cada petición que cumpra os requisitos, de maneira que se distribuirán 6.000 axudas directas e sen necesidade de presentar despois gastos de xustificación. As bases apuntan que a asignación dos fondos se farán até o esgotamento de crédito, o que significa que  se deberá apurar a presentar a documentación -algo que se terá que facer a través da plataforma SUBTeL- para ter maiores posibilidades de percibir a subvención. Iso si, é moi importante ter en conta que as axudas non poderán solicitarse se xa se é beneficiario ou beneficiaria do PEL-Reactiva convocado o pasado mes de novembro pola Deputación e tramitado polo Concello.

Este programa vai dirixido a persoas traballadoras por conta propia ou autónomas e microempresas que teñan o seu domicilio fiscal nun concello da provincia da Coruña de menos de 50.000 habitantes, e que figuren de alta no IAE nas epígrafes de bares e restaurantes; hospedaxe, salas de festas e discotecas; e axencias de viaxes, con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2021. Por microempresas entenderanse aquelas que ocupen a menos de 10 persoas e cuxo volume de negocios anual ou balance xeral anual non excedan de 2 millóns de euros.

Non poderán ser solicitantes as persoas traballadoras autónomas ou microempresas que teñan sido beneficiarias das axudas PEL-REACTIVA: Fondo de Financiamento para a Reactivación Económica e Social da Provincia da Coruña. Polo tanto, quedan fóra das solicitudes todas aquelas persoas autónomas e empresas a quen o Concello xa lle concedese por resolución definitiva as axudas convocadas a finais de novembro, independentemente da renuncia ou perda de dereito ao cobro por calquera motivo.

Tampouco poderán ser solicitantes as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado, carentes de personalidade xurídica propia. Por outra banda, tampouco poderán pedir a axuda as asociacións, persoas autónomas colaboradoras e as corporacións de dereito público (Confrarías…). As persoas socias accionistas dunha sociedade non poderán solicitar subvención a nivel individual se xa a presentaron como parte da sociedade.

As peticións deben presentarse obrigatoriamente por vía electrónica a través da plataforma SUBTeL da Deputación, polo que será necesario contar con sinatura ou certificado electrónico. Ademais da propia solicitude, no momento de facer o trámite tamén haberá que achegar a seguinte documentación:

  • Certificado de Vida laboral do/a autónomo/a onde conste a data de alta no RETA (no caso de que o solicitante sexa persoa física). Este documento pode obterse telemáticamente a
    través da sede electrónica da Seguridade Social https://sede.seg-social.gob.es/ ou ben presencialmente previa cita, nalgunha das súas oficinas.
  • Certificado de situación censual da Axencia Estatal Tributaria, actualizado a efectos de determinar a data de inicio da actividade. Este documento pode obterse telemáticamente
    a través da sede electrónica da Axencia Tributaria https://www.agenciatributaria.gob.es/ ou ben presencialmente nalgunha das súas oficinas, previa cita.
  • Información de datos bancarios:
    a) Persoas físicas que actúen no seu propio nome: designación de conta bancaria (código IBAN ou CCC).
    b) Persoas físicas que actúen a través de representante e persoas xurídicas: certificación
    bancaria ou documento de banca electrónica que conteña a seguinte información: Nome ou razón social, CIF/NIF e Identificación da conta bancaria.

A maiores tamén se deberá asinar a declaración responsable do cumprimento, con anterioridade ao 1 de xaneiro deste ano, de todos os requisitos esixidos nas bases.

A asignación das axudas farase por orde de entrada no rexistro de todas aquelas que estean presentadas correctamente e coa documentación completa. Por este motivo é importante non demorar moito a solicitude, posto que canto máis se tarde en presentala correctamente, menos posibilidades hai de acceder á axuda. Tamén é fundamental ter en conta -repetimos- que a esta convocatoria non poderán acollerse os negocios ou persoas autónomas que xa teñan adxudicadas as axudas do PEL-Reactiva: Fondo de financiamento para a Reactivación Económica e Social da provincia da Coruña.

Resume e guía da solicitude

Share.