Máis axudas, desta vez para calefaccións con renovables e instalacións de autoconsumo eléctrico

0

O Diario Oficial de Galicia publicou antonte dous programas de axudas orientados á implantación de fontes de enerxía renovables no sector residencial. Dunha banda está a convocatoria para a instalación de equipamentos de autoconsumo ou acumulación baseados en fontes renovables e, doutra, temos as subvencións para instalar calefaccións de xeotermia e hidrotermia, aerotermia, biomasa e solar-térmica. A estas axudas poderán acollerse particulares, persoas autónomas, entidades e Administracións públicas. As persoas físicas -non autónomas- só poderán pedilas a través das denominadas entidades colaboradoras (empresas do sector que instalan e tramitan a solicitude), para as que xa está aberto o prazo de adhesión a estes programas, cuxo período de solicitude se abrirá o 13 de decembro no caso das subvencións para autoconsumo e a partir dos días 15, 16 e 17 de decembro para as outras tres liñas de instalacións térmicas.

Unha vez máis cómpre insistir en que estas convocatorias teñen a consideración de “non competitivas”, de modo que se irán asignando segundo a orde de entrada no rexistro xeral da Xunta ata que se esgote o crédito dispoñible, financiado con cargo aos fondos de recuperación Next Generation canalizados desde Europa polo Ministerio para a Transición ecolóxica e o Reto demográfico.

No caso das axudas para produción eléctrica de autoconsumo  financiaranse tanto os aparellos necesarios -paneis solares fotovoltaicos ou un pequeno xerador eólico, por exemplo- como os estudos técnicos e, no caso de actuacións xa feitas que non dispoñan deles, tamén a instalación de equipamentos de acumulación enerxética que axuden a reducir a dependencia da rede. A contía das axudas varía porcentualmente dependendo da enerxía producida en kW ano e están axustadas a varios tramos que, á súa vez, dependen da potencia da instalación. Para coñecer os importes, a orde da Xunta remítenos ao Real Decreto 477/2021, de 29 de xuño, onde se establecen todas as condicións do programa estatal de incentivos.

En Galicia está xa aberto o prazo para que as empresas instaladoras se sumen ao programa como intermediarias das solicitudes, que poderán pedirse a partir das 9:00h do día 13 de decembro. O INEGA irá asignando as contías correspondentes -ata esgotar o crédito- entre aqueles proxectos que cumpran os requisitos, tomando como referencia a orde de entrada no rexistro xeral da Xunta. É dicir, quen antes presente a petición, máis posibilidades terá de percibir a axuda.

Ese mesmo criterio será o que se siga no caso das tres liñas dirixidas a financiar instalacións térmicas baseadas en fontes renovables. A saber: xeotermia e hidrotermia (o prazo abre o 15 de decembro ás 9:00h), aerotermia (solicitudes a partir das 9:00h do día 16) e biomasa e solar térmica, cuxo prazo de solicitude se iniciará o venres 17 de decembro, tamén a partir das 9:00h.

Tanto nesta convocatoria como na anterior, as beneficiarias -particulares, persoas autónomas, asociacións, comunidades de persoas propietarias e Administracións- disporán de 18 meses para levar a cabo os proxectos financiados unha vez que lles comuniquen a concesión da axuda.

Convocatoria autonómica:

Marco estatal:

 

Share.