As obras de conversión da antiga escola de Igrexafeita nun centro sociocomunitario orientado á abordaxe do Alzhéimer encóntranse interrompidas desde hai algún tempo. E é que ao pouco de iniciar os traballos -a comezos deste ano-, a empresa adxudicataria, Covisam Norte, solicitoulle ao consistorio varias modificacións na obra argumentando indefinicións no proxecto que, ao seu xuízo, impedirían que o edificio cumprise coa súa función social. Cambios que o Concello non aceptou e que significaron a paralización da obra por parte da empresa, quen tamén pediu a rescisión do contrato e o pagamento dos traballos efectuados nos primeiros días de xaneiro, ademais da devolución do aval e a garantía. A este respecto, o Concello propuxo resolver o acordo tan pronto como se cumpriu o prazo máximo de entrega das obras, solicitando para iso un informe do Consello Consultivo de Galicia de cara a dirimir os termos da resolución do contrato.
O proxecto de rehabilitación da antiga escola de Igrexafeita para reconvertela nun espazo sociocomunitario ascende a 285.535,80 euros. A Deputación da Coruña achegará 240.000, por medio dun convenio nominativo asinado a comezos de agosto pasado polo vicepresidente provincial, Xosé Regueira, e Secundino García. Os algo máis de 45.500 euros de diferenza serán asumidos polo Concello con fondos propios.
Trala licitación aberta, a execución adxudicóuselle á empresa Covisam Norte, quen asinou o preceptivo contrato o 28 de outubro cun prazo de execución máximo de tres meses contados a partir da sinatura da acta de comprobación do replanteo da obra, subscrita o 25 de novembro. De feito, catro días despois informabamos nesta mesma web da intención manifestada por responsables da empresa de deixar pasar as vacacións do Nadal e iniciar os traballos a primeiros de xaneiro.
Despois de montar andamiaxes e de comezar coas demolicións interiores, os traballos detivéronse xa antes do remate do propio mes de xaneiro. A principios de febreiro a empresa solicitou a modificación do proxecto para recoller novas partidas que incluísen traballos considerados fundamentais para a execución da obra, principalmente os referidos ás solucións para a envolvente e a execución do ascensor. Ademais tamén solicitou a suspensión das obras pendentes de facer.
Pola súa banda o Concello rexeitou as modificacións e instou á adxudicataria a que cumprise co contrato dentro de prazo, obtendo como contestación por parte da empresa un recurso de reposición solicitando a rescisión ou resolución do contrato, a devolución da garantía e do aval depositado e o pagamento da obra executada ata ese momento, ademais da parte proporcional das taxas pagadas pola sinatura do contrato.
O Concello non se pronunciou sobre este recurso -razón pola que a empresa acudiu ao Contencioso-Administrativo- e, en paralelo, solicitou informes da Deputación da Coruña que avalarían a suspensión do contrato sen dereito a devolución da garantía nin do aval. Con todo, a Administración propuxo o pagar os traballos efectivamente realizados, en base a unha valoración feita pola arquitecta municipal que a empresa non aceptou.
Unha vez finalizado o período de execución das obras sen avances, o Concello iniciou os trámites para resolver o contrato, solicitando para maior seguridade xurídica un informe do Consello Consultivo de Galicia sobre o procedemento que se seguiu nos últimos meses e sobre as condicións de finalización do contrato.
En espera do que ditamine o Consello Consultivo de Galicia, o alcalde en funcións, Secundino García, lamentou “os retrasos que se van producir na entrada en funcionamento dun servizo tan necesario como o que queremos poñer en marcha en Igrexafeita, orientado á veciñanza e tamén á prevención e seguimento de procesos de deterioramento cognitivo, ademais do apoio ás familias”. O rexedor agarda que “en breve” se poida continuar coas obras.