As obras de rehabilitación da antiga escola de Igrexafeita comezarán en xaneiro

0

O Concello e a construtora Covisam Norte S.L. xa teñen asinado o contrato das obras de rehabilitación da antiga escola de Igrexafeita para reconvertela nun espazo sociocomunitario e centro de referencia comarcal relacionado coa atención ás persoas con deterioramento cognitivo. A empresa foi a mellor puntuada nun proceso de licitación pública ao que concorreron outras dúas firmas e, como tal, deberá executar os traballos nun prazo máximo de 3 meses desde o seu comezo. O importe de adxudicación foi de 285.535,80 euros -14.314 por debaixo do prezo base- que o Concello financiará con cargo a un convenio nominativo suscrito coa Deputación da Coruña. Representantes do Goberno local e de Covisam Norte S.L. visitaron o venres a edificación para ver o seu estado inicial e planificar o arranque das obras, previsto para despois de Reis.

O inmoble, situado no lugar da Torre, en Igrexafeita, foi edificado en 1958 e deixou de funcionar como escola a principios dos 90, momento no que pasou ser empregado durante algún tempo pola A.VV. Adiante para celebrar xuntanzas e organizar distintas actividades. Porén, cando a asociación veciñal mercou e rehabilitou a antiga casa reitoral da parroquia, a vella escola da Torre ficou abandonada.

A edificación ten unha superficie de 250 metros cadrados divididos en dous andares máis un faiado. No baixo encontrábanse as dúas grandes aulas separadas para nenas e nenos, mentres que no superior, a un e outro lado do canón da escaleira, quedan as dúas vivendas destinadas antano ao profesorado.

proxecto deseñado pola arquitecta municipal, Montserrat Ruíz, describe unhas obras de rehabilitación integral co obxectivo de axeitar a escola a un uso sociocomunitario. Os traballos non modificarán a estrutura pero si a distribución do espazo, sobre todo o do primeiro andar, onde será necesario suprimir tabiques para conseguir unha superficie diáfana que logo se poida volver dividir atendendo ás necesidades de uso.

O groso dos traballos consistirá na renovación da envolvente e na instalación de novas fiestras  para acadar mellores condicións de illamento térmico, xunto coa reparación o interior co obxectivo de que tamén teña boas condicións de illamento sonoro e de habitabilidade.

Ademais, o edificio mellorará en accesibilidade coa instalación dunha rampa lateral e dun ascensor cuxo corpo irá polo exterior da fachada para non comer espazo interior nin tampouco deixar inutilizado o xa de por si reducido oco da escaleira.

Por outra banda tamén se pretende que as instalacións sexan da máxima eficiencia enerxética, algo que se conseguirá combinando o illamento cunha calefacción por aerotermia e con iluminación led. O pintado, o cambio das carpintarías e a instalación de falsos teitos completan a relación de obras do proxecto.

Responsables da empresa adxudicataria das obras visitaron hai escasos días o inmoble para comezar a planificar os traballos que deberán acometer no prazo máximo de 3 meses desde o seu inicio. No encontro mantido con Secundino García e coa concelleira de Igualdade, Araceli Bellas, Covisam Norte S.L. comprometeuse a  comezar xusto despois de Reis, posto que durante decembro acumúlanse varios festivos -a Construción colle por convenio toda a ponte da semana que vén- e, ademais, é habitual que no sector se deixen parte das vacacións anuais para as festas do Nadal por ser as de menor actividade.

Con esta previsión, e de cumprirse os prazos máximos establecidos por contrato, o edificio estaría listo para entrar en funcionamento para primeiros ou mediados do mes de abril. O obxecto da rehabilitación, segundo recordou Secundino García, é “recuperar e poñer en valor un ben municipal que, de non actuar, acabaría nun estado ruinoso”.

Porén, alén da conservación do inmoble, o rexedor destaca a súa “finalidade social” como espazo “coas mellores condicións” para que poida ser utilizado pola veciñanza e para que nel se poidan desenvolver “actividades de prevención do deterioramento cognitivo e de atención tanto a persoas como a familias de persoas afectadas por algún proceso deste tipo”.

Nas obras investiranse un total de 285.535,80 euros. A Deputación da Coruña achegará case 240.000 euros, por medio dun convenio nominativo asinado a comezos de agosto polo vicepresidente provincial, Xosé Regueira, e Secundino García. Os algo máis de 45.500 euros de diferenza serán asumidos polo Concello con fondos propios.

 

 

Share.