Igualdade presentará a obra “Poesía en feminino. Mulleres do Rural” no marco do quinto recital poético deste sábado

0

A área municipal de Igualdade e a Nova Poesía Guitirica promoven a quinta edición do “Recital de poesía en feminino”, que terá lugar nos xardíns municipais este sábado a partir das 17:30h. Ao evento asistirán integrantes do colectivo e creadoras e creadores locais que se valen da poesía para reivindicar a igualdade e visibilizar a muller en todos os ámbitos. Ademais, na cita tamén se presentará o libro Poesía en feminino “Mulleres do Rural” editado polo Concello de San Sadurniño con cargo aos créditos do Ministerio de Igualdad, dentro do Pacto de Estado contra a Violencia de xénero.  O volume, con prólogo de Emma Pedreira -que tamén acudirá ao encontro-, recolle as voces das persoas participantes neste proxecto iniciado en 2017, que pouco a pouco se foi convertendo nun referente da produción poética en clave feminina e feminista. Para asistir é necesario reservar previamente no 981 490 027 ou no correo veronica.rodriguez@sansadurnino.gal

O V Recital de Poesía en Feminino desenvolverase na parte baixa dos xardíns, ao pé do grande magnolio situado preto da pista multixogos. A poesía rodearase, ademais, da exposición ao aire libre “Nós somos elas” que permanece no espazo ata finais deste mes traída ata San Sadurniño  gracias a unha colaboración entre a área de Igualdade da Deputación da Coruña e a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda. Na mostra -composta por grandes paneis impresos- xúntanse os antigos retratos de mulleres feitos polo fotógrafo laxeiro José María Vidal cos versos de 25 poetas galegas actuais.

Entre elas está Emma Pedreira, quen tamén acudirá ao recital deste sábado e quen asina o prólogo do poemario Poesía en feminino “Mulleres do Rural” editado polo Concello de San Sadurniño. Nel recóllense as máis de medio cento de composicións recitadas nos últimos catro anos, obra de poetas integrantes do colectivo da Nova Poesía Guitirica, pero tamén de nomes de San Sadurniño.

Estas últimas serán as protagonistas da edición 2021, que tira por unha estrutura un chisco distinta para darlle cabida no mesmo acto á presentación do libro e á parte de declamación. As convidadas son Consuelo Picos, Carmen Couce, María Teresa Pouso, Nerea Calvo, Alba Rivera, Xela Barro, Marián Arroyo e (por confirmar) Ángela Arnosa. Entre elas intercalaranse varias pezas ao clarinete tocadas pola novísima intérprete de Igrexafeita Candela Salgado Calvo. Ademais tamén intervirán a propia Pedreira, a concelleira de Igualdade, Ana Belén Breixo, e Antón Tenreiro (Anton de Guizán), un dos promotores do movemento chairego da Nova Poesía Guitirica.

O colectivo é parte fundamental no contido dun libro que, como indica o propio título, vén marcado pola expresión en feminino de todo tipo de sentimentos enfiados pola reivindicación dunha igualdade plena e real, nuns casos por medio do berro firme contra o machismo, noutros como denuncia das reticencias da sociedade a un cambio necesario e sempre como alumbramento íntimo dunha mensaxe de empoderamento, manifestada a través da creación libre de amarrallas patriarcais.

Poesía en feminino “Mulleres do Rural” sae do prelo cunha tirada inicial de 200 exemplares, cuxa maquetación e impresión se financian cunha achega do Ministerio de Igualdad, en aplicación dos acordos do Pacto de Estado contra a Violencia de xénero. Parte desta primeira edición distribuirase de balde no recital e tamén se deixarán exemplares na biblioteca municipal, no CPI e no mostrador do rexistro do Concello, ademais de formar parte dos agasallos institucionais que faga o consistorio en datas sinaladas.

Share.