Gabriel Tizón achéganos tres miradas únicas sobre as persoas refuxiadas

0

A fotografía de prensa adoita ser unha actividade na que a cámara é ferramenta de traballo e, as máis das veces, tamén unha barreira que protexe a quen está detrás dela da realidade dura e crúa que se retrata. A maioría de profesionais do xornalismo gráfico aseguran iso, que mirar a través da óptica, focalizando a atención a través desa pequena fiestra ao mundo que é un visor, lles permite manter a cordura ante a barbarie. Pero hai algúns e algunhas que son capaces de poñerse no lugar dos demais, de quen sofre, renunciando a ser simples testemuñas para tentar revertir a inxustiza na medida das súas posibilidades. E iso sen ter que renunciar ao traballo informativo, á misión encomendada pola sociedade de amplificar a voz de quen non ten voz. Gabriel Tizón é un exemplo dese híbrido entre xornalista-activista comprometido. O fotógrafo ferrolán trae a San Sadurniño a súa mirada sobre as persoas que petan na porta de Europa e de quen lles axudan na súa fuxida da guerra e a represión. Tizón presentará o sábado a partir das 18.00h. na Casa do Concello a exposición “Delincuentes”, ademais do libro “Muros” e do documental “Lesbos, a illa que non flota”, producido coa axuda da traballadora social Rocío Botana.

O evento programado para a tarde do sábado prevese sinxelo, sen pompas inaugurais nin cousas polo estilo, posto que o importante é a imaxe e o seu contido. Tizón e Botana levan percorrendo Europa desde o comezo da crise das persoas refuxiadas, acompañándoas no seu éxodo desesperado pero esperanzado por un retorno futuro. Seguiron as longas ringleiras de mulleres, nenas, nenos e homes cruzando o continente de leste a oeste na procura de acubillo. Valéronse do notariado inapelable da imaxe para reflectir concertinas, rexeitamento e fronteiras pechadas como metáfora da mirada cara a outro lado dos países ricos, os mesmos que, segundo dicía o propio Tizón recentemente, son os que poden parar o drama. Incluso viron o rostro máis negro da morte no día a día das costas gregas… e de todo levantaron acta cunha man mentres que, coa outra, botaban un cabo no que podían.

E coma eles dous, máis xente voluntaria procedente de todo o mundo. “Delincuentes” fala en 25 fotografías precisamente diso, das persoas que tentan axudar e que nalgúns casos mesmo foron detidas por facelo. A exposición “mostra os voluntarios axudando os refuxiados en diferentes situacións, esas persoas que están a facer un labor imprescindible e que en moitas ocasións son multados, separados ou detidos simplemente por axudar e aliviar esta terrible situación”, explica Gabriel Tizón no seu perfil en Facebook.

A mostra poderá visitarse ata o próximo 6 de maio na galería da Casa do Concello. Porén, a presentación da exposición tamén inclúe outros dous proxectos relacionados. Un deles é o libro “Muros”, que xunta as fotografías de Gabriel Tizón con textos escritos polas propias persoas refuxiadas a través dos que se tenta darlles a voz que habitualmente se lles nega. Tomar conciencia, en resume, de que “todo o mundo é protagonista disto menos eles, Merkel coas súas decisións, Rajoy… pero non falamos deles e delas: quen son, como se chaman, que fan, que pensan. O que máis me impresionou foi a súa calidade humana, a súa educación. A pesar das trampas que atopan no camiño aínda sorrín. Están pasando por todo tipo de barbaridades e cunha simple aperta xa lles chega para cargarse de enerxía”.

O outro proxecto vencellado á calamidade das persoas refuxiadas é “Lesbos, a illa que non flota”. Un documental en branco e negro de 20 minutos de duración gravado nas costas da illa grega, un dos principais puntos de acceso á ansiada Europa e tamén un dos lugares que máis vidas leva cobrado. Meta e inicio ao mesmo tempo dun incerto camiño que se mostra espido de artificios e cheo de humanidade. Unha peza intensa polo son ambiente, pola forza da imaxe e pola voz de Kamal Aldalati, un dos milleiros de protagonistas… mellor dito, de “persoas que camiñan en contra da súa vontade”.

A presentación da exposición contará, ademais, coa actuación á frauta traveseira de Alejandro Vizoso Sautúa como acompañamento da lectura dun conto sobre o tema escrito por el mesmo.

Web de Gabriel Tizón
Proxecto Muros en Causas Comúns
Documental “Lesbos, a illa que non flota”

Share.