Finaliza o proxecto “Hai que verse nelas!”, centrado na fotografía, a arte e a igualdade

0

As cooperativas Arabías e Illa Bufarda acaban de finalizar as sesións de traballo do proxecto “Hai que verse nelas!”, que vén desenvolvéndose desde o pasado mes de marzo arredor da fotografía, a arte e a igualdade. A iniciativa estivo liderada por un grupo de mulleres de San Sadurniño, As Pontes e Moeche e contou coa participación da Asociación O Lavadoiro e dos concellos de San Sadurniño e As Pontes. Financiado polo Instituto das Mulleres, o proxecto deu como resultado unha exposición fotográfica construída de maneira colectiva que pousa a súa ollada en sete mulleres referentes do ámbito local. A mostra presentarase proximamente.

Durante estes meses desenvolvéronse trece sesións de traballo nas que as participantes abordaron cuestións relacionadas co feminismo, os dereitos das mulleres, as violencias machistas, os coidados, a representación das mulleres na fotografía ao longo da historia e o retrato fotográfico. A través de diferentes dinámicas creativas, o grupo foi construíndo un argumentario común que acabou dando forma á exposición.

O grupo de mulleres que participou directamente no proceso e liderou a creación da mostra estivo integrado por Lucía Ríos Dopico, Maca Rego Piñeiro, Silvia López Rodríguez, Raquel López Piñeiro, María Filgueiras García e Susana Vilaboi Cabarcos.

A exposición está formada por retratos de sete mulleres referentes do ámbito local, seleccionadas como exemplo pola súa valentía, polo seu activismo na vida cotiá e polas súas loitas, que contribuíron a avanzar cara a unha sociedade máis xusta. Unha das cuestións nas que máis se incidiu durante o proceso foi na elaboración dun discurso capaz de trasladarlles ás novas xeracións a importancia histórica das conquistas conseguidas nos dereitos das mulleres.

O proxecto foi impulsado polas cooperativas galegas Arabías e Illa Bufarda, especializadas, respectivamente, no desenvolvemento de proxectos participativos vinculados aos coidados, os feminismos e a igualdade de xénero, e no ámbito do audiovisual, a fotografía, o deseño, a animación, a formación e a comunicación.

Tanto Arabías, que leva traballando neste ámbito desde 2018, como Illa Bufarda, fundada hai 14 anos, comparten  o obxectivo de contribuír a unha transformación social en clave feminina e feminista. Neste sentido, as profesionais que conduciron os obradoiros mostráronse moi satifeitas co resultado da experiencia e confían en que a exposición “teña un grande impacto comunitario de cara á sensibilización sobre a igualdade de xénero”.

A previsión é realizar dúas presentacións da exposición antes de finalizar o ano, unha no concello de San Sadurniño e outra no concello das Pontes. As datas concretas comunicaranse proximamente.

Share.