Exposicións, escénicas e a visita do Apalpador e dos Reis compoñen a programación das próximas semanas

0

O Concello deseñou unha programación especial para as festas que nos veñen aí que estará cargada de propostas para todos os públicos e, como non podía ser doutra maneira, especialmente para a rapazada, a que máis goza deste tempo de vacacións. Ademais tamén se busca crear en todo o territorio un ambiente acaído a estas datas, decorando para iso distintos espazos e desenvolvendo as campañas “Engalana o teu concello” e “Polo Nadal, consumo local”. Desde Cultura lánzase o convite, ademais, para que a veciñanza recupere nestas datas o espírito tradicional do Nadal, con ritos coma o do tizón ou o costume de ganar o aguinaldo polas casas cantando panxoliñas. E, volvendo á programación cultural, velaí van todas as citas organizadas para as próximas semanas, entre as que se contan exposicións, actuacións escénicas e a visita do Apalpador e dos Reis Magos de Oriente:

Ata o 15 de decembro, Galería da Casa do Concello: Exposición “Meigas, sabias e mulleres boas”
A ceramista fenesa Carme Romero mantén aberta na galería municipal a súa mostra de figuras coas que lle rende tributo ás meigas galegas. Mulleres boas e sabias -de aí o título da exposición- que antano desempeñaban un papel fundamental na nosa cultura como sanadoras do corpo e do espírito empregando coñecementos ancestrais e remedios naturais.

“Meigas, sabias e mulleres boas” pode visitarse ate mediados de mes nos horarios de atención ao público das oficinas municipais, de 8:30 a 14:30h, e tamén os venres entre as 17:00 e as 19:00h tendo á propia Romero como guía.

Sábado 17 de decembro, 19:00h, Casa da Cultura: “Contos de contrabando”
O actor Avelino González conduce este monólogo humorístico do que van gozar tanto a xente miúda como as persoas adultas. Nel vai narrándonos a historia e as aventuras de dous contrabandistas, el galego e ela portuguesa, entrelazando contos de amor e desexo con episodios da súa vída como comerciantes á marxe da lei en tempos de moitas necesidades.

As entradas para a actuación, que chega da man da Rede Cultural da Deputación da Coruña, teñen un prezo xeral de 5€, aínda que as persoas titulares do Carné Xove ou maiores de 65 anos beneficiaranse dun billete reducido de 2,50€. Para reservar hai que chamar ao 616 332 919 ou mandar un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal.

Venres 23 de decembro, 18:10h, Casa da Cultura: “O Apalpador e a nena sen medo”
O Apalpador chegará á Praza do antigo Concello co seu zurrón cargado de castañas e lambetadas para agasallar as nenas e nenos, despois de visitar durante a xornada a EIM A Rolada, o Centro de Día e a residencia Suacasa.

Xoves 29 de decembro, 20:00 a 22:00h, Casa da Cultura: “Ao ritmo do Nadal”
Cultura organiza unha velada musical na que botarlle unhas panxoliñas -ou outro repertorio- sen máis pretensión que a de xuntarse na Casa da Cultura para despedir o ano. Pode levarse calquera instrumento, aínda que non é imprescindible, igual que tampouco fai falla saber cantar. De feito, ao encontro tamén acudirá o músico Xoán Leis, quen dará algúns consellos sobre ritmos. Leis presentou hai unhas semanas a súa idea de promover unha pequena escola de música moderna en San Sadurniño e, segundo parece, xa foron varias as persoas -grandes e pequenas- que mostraron o seu interese na iniciativa. Quen participe en “Ao ritmo do Nadal” poderá ampliar información comentando con el directamente cales son as disciplinas que pretende impartir, para as que non fan falla coñecementos previos.

“Ao ritmo do Nadal” desenvolverase o 29 de decembro entre as oito do serán e as dez da noite. Cultura ofrecerá chocolate con churros cara ao remate do serán, ademais de sortear un agasallo entre as persoas participantes. Fai falla inscrición previa no 616 332 919 ou no correo agustin.perez@sansadurnino.gal.

Mércores 4 de xaneiro, 18:00h, Casa da Cultura: “O Apalpador e a nena sen medo”
A compañía A Xanela do Maxín tráenos un espectáculo infantil dirixido a familias con nenas e nenos a partir dos 3 anos. A nena sen medo escríbelle ao Apalpador pedíndolle palabras que lle enchan o corazon e que lle axuden a soñar. Porén, preto da data en que virá o carboeiro do Courel, a pequena decátase de que esqueceu botar a carta na caixa do correo… e o resto teredes que velo na Casa da Cultura.

Trátase dunha obra de bonecos que estaba programada inicialmente para a tarde do 23 de decembro pero que tivo que ser suspendida por mor dunha incidencia da compañía. A peza inspírase nun poema de Sechu Sende que logo se convertería en libro da man de Celtia Figueiras e Sonia García en colaboración co proxecto educativo Semente Compostela. Hai un máximo de 100 entradas dispoñibles, que se poden reservar de balde a través do 616 332 919 ou do correo agustin.perez@sansadurnino.gal.

Xoves 5 de xaneiro, 17:00h, Ximnasio do CPI: Festa de Reis
E os Reis Magos de Oriente tamén se achegarán por San Sadurniño na tarde do día 5 de xaneiro, sen dúbida o día no que teñen máis traballo. Para recibilos como merecen, o Concello organizoulles unha festa que se desenvolverá no ximnasio do colexio desde as 17:00h con xogos, música e tamén unha merenda a base de chocolate e roscón.

Melchor, Gaspar e Baltasar virán a última hora da tarde para recoller cartas e tomar nota mental das peticións de última hora que lles faga a cativería, antes de proseguir camiño polo resto da comarca e do mundo. Hai uns días mandaron recado de que é moi importante recollerse e deitarse cedo se queremos ter agasallos ao día seguinte pola mañá.

Sábado 7 de xaneiro, 12:00h, Casa da Cultura: Entrega dos premios de “Engalana o teu concello” e “Polo Nadal, consumo local”.
A última cita da programación de Nadal e Reis será a entrega dos premios correspondentes a “Engalana o teu concello” e “Polo Nadal, consumo local”, as propostas coas que o Concello nos convida a decorar casas, negocios e espazos públicos, así como a facer compras -ou consumir- nos establecementos do municipio.

Os premios decidiranse por sorteo o día 4 de xaneiro ás 12:00h no salón de plenos. O Concello contactará ese mesmo día coas persoas agraciadas para convidalas á entrega dos agasallos, que terá lugar o sábado 7 tamén ás 12:00h na Casa da Cultura. 

Quen participe en “Engalana o teu concello” deberá enviar tres fotos da decoración da vivenda, negocio ou espazo público antes das 14:00h do día 23 de decembro (ao whatsapp 616 332 919 ou a agustin.perez@sansadurnino.gal). No apartado individual entrará na rifa de 12 vales de 50€ canxeables no comercio local.  Outros 6 vales para xantares ou ceas (5 persoas/vale) sortearanse na categoría de decoracións colectivas. Tamén se se sorteará un vale por un xantar ou cea para catro persoas entre os establecementos participantes na categoría de negocios.

En canto á campaña de dinamización comercial “No Nadal, consumo local”, no caso das compras ou consumicións de ata 10 euros en calquera dos 25 negocios adheridos entrarase no sorteo de tres cestas de produto valoradas en 70€. Por pagos superiores a 10 euros recibiremos unha papeleta para o sorteo doutras tres cestas, cun valor individual de 140€.

Cómpre lembrar, por último, que durante as festas permanecerán iluminados distintos puntos da zona urbana de San Sadurniño e que nas parroquias aparecerán múltiples persoeiros e detalles co obxectivo de que a veciñanza poida sacar fotos canda eles: a figura do Apalpador situarase no exterior do Local Social de Bardaos, a grande vaca de madeira feita por Paula Aneiros botará todo o Nadal pacendo na área recreativa de Santa Mariña do Monte, o lume do Nadal permanecerá aceso na Torre (Igrexafeita), o boneco de neve dará a benvida ao Local Social de Lamas e os renos camparán diante da capela de San Cristovo, en Ferreira. En Naraío volverá dárselle un toque de luz ao castelo e, completando a decoración natalicia, nos arredores do Concello montarase o poboado do Nadal feito por Carlos García e Marina Goti.

Share.