O Concello convídavos a engalanar as vosas casas e negocios polo Nadal

0

Os departamentos municipais de Cultura e Desenvolvemento local volven organizar para este Nadal a iniciativa “Engalana o teu concello”, coa que se pretende decorar todo o territorio para que luza o máis bonito posible durante as festas máis sentidas do ano. A convocatoria está aberta a todas as persoas que residan en San Sadurniño, pero tamén hai un apartado para establecementos e incluso para grupos de persoas que se encarguen de adobiar espazos públicos. Entre quen participen sortearanse unha chea de premios: 12 vales de 50€ cada un na categoría individual, canxeables no comercio local; 6 vales para xantares ou ceas (5 persoas/vale) no apartado colectivo; e 1 vale para catro persoas, tamén canxeable por un xantar ou unha cea, que se sorteará entre os negocios locais.

A mecánica é practicamente a mesma que nos dous últimos anos. A casa ou o negocio poderá decorarse con calquera motivo, aínda que se aconsella utilizar elementos naturais, de reciclaxe, utensilios, luces, etc. O importante é botarlle imaxinación. Unha vez feita a decoración deberedes sacarlle como máximo 3 fotos -unha delas xeral desde a vía pública- e envialas por whatsapp antes das 14:00h do 23 de decembro ao 616 332 919 -ou a agustin.perez@sansadurnino.gal- xunto cos vosos datos, o enderezo e a categoría na que vos queredes inscribir. Con todas as imaxes recibidas publicarase unha galería en Facebook.

En “Engalana o teu concello” hai de novo tres apartados e só se pode participar nun deles: individual (decoración de vivendas), colectivo (engalanamento de espazos públicos por parte de grupos de 2 a 5 persoas) e establecementos ou negocios de todo San Sadurniño, sexan do tipo que sexan.

Os premios en cada categoría adxudicaranse mediante un sorteo público que terá lugar no Salón de Plenos do Concello o 4 de xaneiro ás 12:00h e entregaranse o día 7, tamén ás 12:00h, na Casa da Cultura.

Ademais de convocar esta acción colaborativa, o Concello acenderá a iluminación festiva da zona urbana cadrando co inicio das vacacións escolares. Prenderanse luces na torre do pazo, a rotonda do Outeiro e no arborado da praza do antigo Concello. A rapazada do CPI e da EIM A Rolada tamén axudará decorando as árbores de Marqués de Figueroa e noutros puntos de San Sadurniño colocaranse figuras de grande tamaño co obxectivo de que veciñanza e visitantes poidan sacar fotos ao seu carón.

Así, de acordo coa distribución deseñada por Cultura, a figura do Apalpador situarase no exterior do Local Social de Bardaos, a grande vaca de madeira feita por Paula Aneiros botará todo o Nadal pacendo na área recreativa de Santa Mariña do Monte, o lume do Nadal permanecerá aceso na Torre (Igrexafeita), o boneco de neve dará a benvida ao Local Social de Lamas e os renos camparán diante da capela de San Cristovo, en Ferreira. En Naraío volverá dárselle un toque de luz ao castelo e, por último, nos arredores do Concello montarase o poboado do Nadal feito por Carlos García e Marina Goti.

Obradoiro de farois de vimbio
Ao longo desta semana avanzaremos o contido da programación cultural para o Nadal, que ben podería darse por iniciada co obradoiro de farois de vimbio que se vai desenvolver o sábado 10 de decembro en Naraío entre as 17:00 e as 18:30h, como actividade paralela da exposición fotográfica “Mulleres da Galicia Máxica”, instalada estes días no local social da Veiga.

O taller vai dirixido a público familiar -especialmente recomendado para a rapazada- e nel aprenderemos a fabricar farois decorativos utilizando vimbios e técnicas de cestaría, xunto con candeas e papel de seda de cores. Hai 20 prazas dispoñibles e para participar hai que anotarse chamando ao 616 332 919 ou mandando un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal.

 

 

 

Share.