Este sábado, cita con Cándido Pazó nos xardíns municipais

0

Novembro empeza forte en canto a programación cultural en San Sadurniño. Xa se pode visitar na Casa do Concello a exposición “Medrando no Rural”, da que falaremos nuns días, o sábado desenvolverase o obradoiro fotográfico “O tecido da memoria” con Melania Freire -inscricións aínda abertas e a expensas de que se xunte grupo- e, ademais, temos dúas propostas nos xardíns municipais, o domingo a actuación de Magín Blanco e o sábado, a iso das 20:00h, Cándido Pazó co seu monólogo “Botando a lingua a pastar”. As entradas, que son de balde, poden reservarse  no 616 332 919 ou no correo agustin.perez@sansadurnino.gal. 

O actor e dramaturgo volve a San Sadurniño tres anos despois de representar no mesmo espazo as “Memorias das memorias dun neno labrego”, inspiradas na afamada obra de Xosé Neira Vilas. Agora, Pazó volve tamén ao seu rexistro máis humorístico para presentarnos un espectáculo –“Botando a lingua a pastar”– baseado na súa especialidade: contar cousas  con retranca para facernos pensar.

Ao longo de algo máis dunha hora botará a lingua a pacer  na pista multixogos dos xardíns municipais con contos tirados da tradición oral aos que el enfía engadíndolles  historias creadas ou vividas que, en conxunto, constrúen un convite á reflexión sobre a lingua galega, a súa normalización e o seu incerto futuro.

Cultura ofrece 75 localidades gratuítas  para asistir ao monólogo de Cándido Pazó. Máis da metade xa están cubertas e as reservas aínda se poden facer até o venres ao mediodía chamando ou mandando un whatsapp ao 616 332 919, ou ben no correo agustin.perez@sansadurnino.gal.

Estas dúas vías son tamén as que se deben empregar para anotar a rapazada no obradoiro de tallado de cabazas que se desenvolverá este domingo 7 entre as 16.00 e as 18:00h na pista multixogos dos xardíns municipais. Hai 30 prazas en dous grupos de 15 e 15 participantes, un de 16 a 17:00h e outro de 17:00 a 18:00h. Ao seu remate chegará a hora de brincar e aprender no mesmo sitio coa música de Magín Blanco e “O que levamos nas maletas”, unha proposta familiar que ten o obxectivo de estimular a creatividade infantil e a súa curiosidade polas letras e as palabras, pola lingua galega, polos contos e pola música.

Última oportunidade de inscribirse en “O tecido da memoria”
Dentro das actividades da fin de semana queda por comentar o obradoiro fotográfico e artístico “O tecido da memoria”, dirixido por Melania Freire, con previsión de levalo a cabo este sábado pola mañá.

Hai máis dun mes que se abriron as inscricións -981 490 027 ext.1 ou a través do correo veronica.rodriguez@sansadurnino.gal- e, a día de hoxe, só se apuntaron 4 mulleres. Neste sentido, o departamento de Igualdade dará de marxe ata mañá mércores para ver se se reciben máis solicitudes e, se non, o obradoiro suspenderase, aínda que co compromiso de tentar recuperalo máis adiante como parte de algún outro programa municipal, como por exemplo Tempos para compartir.

Share.