Igualdade organiza o obradoiro “O tecido da memoria”, que xa ten aberto o prazo de inscrición

0

Seguro que lembrades que en 2019 e 2020 se organizaron en San Sadurniño dúas mostras e varios obradoiros artísticos encadrados no proxecto “Arte Ambulante” da asociación de creadoras e creadores galegos A Colectiva apoiada pola Deputación da Coruña. Un deles, titulado “O tecido da memoria”, pospúxose ata en dúas ocasións por causa da pandemia e agora que as cousas parece que van a mellor volve retomarse coa idea de facelo o sábado 6 de novembro. Iso si, para poder ir organizando a sesión fai falla apuntarse xa no 981 490 027 ext.1 ou a través do correo veronica.rodriguez@sansadurnino.gal. Ofértanse 10 prazas para mulleres e preténdese que o grupo de participantes sexa representativo de todas as parroquias.

O obradoiro será un exercicio de arte moderna e innovadora onde as persoas participantes non só asistirán ao proceso creativo, senón que tamén serán protagonistas. Del encargarase Melania Freire, experta fotógrafa e tamén experta en moda -en 2019 ganou o premio Mercedes-Benz Fashion Talent- que leva indagado moito sobre a relación que temos con algúns obxectos, especialmente con prendas de vestir que nos evocan vivencias e recordos, pero tamén a transmisión da nosa cultura entre xeracións.

A iniciativa durará aproximadamente 3 horas -en xornada de mañá ou tarde- e está pendente de decidirse o lugar de celebración. Comezará cunha breve introdución por parte da artista e concretarase a través dunha sesión fotográfica como método de captación e datación das ideas que xurdan neste achegamento.

Tomando como referencia unha prenda de roupa ou calquera obxecto que teña certo significado para as persoas inscritas -un pano ou calquera peza de roupa, un obxecto, etc.-, desenvolverase a idea de xuntar na mesma fotografía á persoa e o seu obxecto, entendendo este último como continente da memoria. Esas fotos tomaraas Freire, mentres que as mulleres participantes tamén manexarán a cámara para retrataren eses obxectos ou pezas de roupa especiais para elas.

Con todas as imaxes captadas farase máis adiante unha exposición que exprese a nosa propia historia en feminino, representada en miradas e cousas de grande significado e valor para as súas protagonistas. A edición e impresión da exposición resultante do obradoiro estará financiada con cargo aos créditos do Ministerio de Igualdad, dentro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

acolectiva

Share.