En información pública o eixo eléctrico Maciñeira-Naraío, que prevé construír unha subestación na Penamoura e unha liña de 400kV que pasará polo noso concello

0

O Boletín Oficial do Estado publicou o martes desta semana o anuncio de información pública do denominado Eixo Maciñeira-Naraío, unha nova infraestrutura eléctrica promovida por Red Eléctrica de España que atravesará os concellos de As Pontes, As Somozas e San Sadurniño. O proxecto contempla a construción de dúas novas subestacións de 400 kV, unha delas nestes terreos da Penamoura, en Naraío, ademais de dúas novas liñas de alta tensión, coa previsión de pasar un deses tendidos por Ferreira, Igrexafeita e Naraío. O obxectivo é ampliar a capacidade da rede de transporte eléctrico e facilitar a chegada de subministración aos proxectos industriais de gran consumo enerxético previstos na comarca. O anuncio non supón aínda a autorización das obras, senón a apertura dun período no que as persoas afectadas e o público en xeral poden consultar a documentación e presentar alegacións. O prazo é de 30 días hábiles contados desde o día seguinte á última das publicacións previstas. Toda a información técnica -planos e características técnicas, trazado das liñas, etc.- pode descargarse desde este enlace do Ministerio de Política territorial.

O anuncio publicado no BOE reúne varios trámites administrativos que avanzan de maneira simultánea. Por unha banda, solicítanse as autorizacións administrativas previa e de construción. Por outra, tramítase a declaración de utilidade pública e sométese o proxecto ao correspondente procedemento de avaliación ambiental.

É importante aclarar que a declaración de utilidade pública aínda non está concedida. O que se fai agora é poñer a solicitude e toda a documentación a disposición da veciñanza para que poida consultala e, de ser o caso, alegar o que estime conveniente antes de que a Administración adopte unha decisión.

O proxecto está incluído na planificación estatal da rede de transporte eléctrico e responde á necesidade de dotar esta zona dunha infraestrutura de maior capacidade. Segundo explica a documentación, a nova rede permitirá atender novas demandas de electricidade vinculadas principalmente a grandes proxectos industriais da contorna de As Pontes e Ferrol, entre eles a futura planta de ensamblaxe de vehículos proxectada na boca da ría pola firma chinesa SAIC.

Que consiste a infraestrutura?
O Eixo Maciñeira-Naraío incorpora dúas novas subestacións eléctricas de 400 kV. A de Maciñeira, situada preto do polígono de Penapurreira, nas Pontes, e a de Naraío, que ocupará unha parcela situada nos montes da Penamoura (aquí).

Entre ambas instalarase unha nova liña aérea de 400 kV cunha lonxitude total de 18,654 quilómetros. O trazado atravesará aproximadamente 7,3 quilómetros en As Pontes, 2,3 en As Somozas e 9 quilómetros no territorio de San Sadurniño. A infraestrutura contará con 42 apoios metálicos en celosía, é dicir, as habituais torres de alta tensión, que se fixarán ao terreo mediante cimentacións individuais. Sobre elas colocaranse os condutores eléctricos e tamén cables destinados á protección e ás comunicacións.

22 destas torretas, que miden case 80 metros de alto e 14 de ancho por cada lado da súa base, distribuiranse por territorio de San Sadurniño, pasando polos montes -as liñas só pasan por terreos forestais ou agarios- da aba do Capelo, Monte Chao, preto da Picheira, a Fraga da Chabola, a Curuxa, os montes da Fraga e do Carazo, a Gándara, a Bidueda e finalmente o eucaliptal da Penamoura onde irá a subestación.

Que significa para as parcelas afectadas?
A documentación que acompaña o anuncio incorpora unha relación detallada dos bens e dereitos afectados polo trazado. Nela aparecen as parcelas que poderán verse afectadas pola futura infraestrutura e indícase, en cada caso, o tipo e a superficie da afección prevista.

Unha parte dos terreos quedará baixo a chamada servidume de voo, relacionada co espazo que ocupará a liña aérea. Noutros casos haberá superficies destinadas directamente ás torretas e as súas cimentacións, zonas de seguridade, accesos ou ocupacións temporais necesarias durante a execución das obras.

Isto significa que aparecer nunha relación de bens afectados non implica necesariamente que vaia instalarse unha torre dentro da parcela nin tampouco que se vaia ocupar toda a súa superficie. A afección dependerá de cada finca e do trazado concreto da liña, algo que aparece recollido nos anexos do anuncio do BOE, onde figuran as persoas titulares, as referencias catastrais e a superficie e tipo de afección.

No caso da nova subestación de Naraío, a documentación sinala unha ocupación permanente de case 24.000 metros cadrados, ademais doutras superficies destinadas a servidumes e ocupación temporal durante as obras.

Que deben facer agora as persoas titulares dos terreos?
As persoas propietarias ou titulares de dereitos sobre terreos incluídos na relación de bens afectados non teñen que presentar ningún escrito simplemente polo feito de aparecer nela. Porén, este período de información pública é precisamente o momento para comprobar se a información é correcta e formular alegacións se consideran que existe algún erro, desacordo ou circunstancia que deba ser tida en conta.

É recomendable, polo tanto, que quen teña unha parcela afectada consulte a relación de bens e dereitos publicada xunto co anuncio e revise con atención que superficie aparece afectada e por que concepto. Tamén pode comprobarse a documentación cartográfica para coñecer con maior precisión por onde discorrería a liña e onde se situarían os apoios.

As alegacións poden presentarse durante os 30 días hábiles do período de información pública. No escrito deberá identificarse o expediente GAL/15/REE/2026/1, correspondente ao procedemento do Eixo Maciñeira-Naraío. A documentación pode consultarse tamén a través da información pública habilitada pola Delegación do Goberno en Galicia e presencialmente na Área Funcional de Industria e Enerxía da Subdelegación do Goberno na Coruña.

E despois desta fase?
Unha vez rematado o período de información pública, a Administración estudará as alegacións e continuará coa tramitación das autorizacións, da declaración de utilidade pública e da avaliación ambiental. Será máis adiante, se o proxecto obtén as autorizacións correspondentes e se aproba a declaración de utilidade pública, cando se desenvolvan os procedementos que afectan directamente ás propiedades incluídas no trazado.

Nese momento poderán concretarse as ocupacións, servidumes e, cando corresponda, os procedementos expropiatorios e as indemnizacións asociadas a cada afección. Polo tanto, para as persoas propietarias, o momento actual dálles a oportunidade de coñecer exactamente como lles afecta o proxecto e facer constar ante a Administración calquera cuestión que consideren relevante.

A publicación no BOE, en definitiva, marca un novo paso na tramitación dunha infraestrutura de gran dimensión que terá unha incidencia directa sobre o territorio de San Sadurniño, especialmente na zona de Igrexafeita, Ferreira e Naraío, pero non significa que as obras vaian comezar de maneira inmediata. O proxecto debe superar aínda as distintas fases administrativas e ambientais previstas.

(Importante: as anteriores ligazóns dirixen á web do Ministerio de Política Territorial e poderían deixar de funcionar ou estar dispoñibles unha vez superado o período de información pública)

Share.