E outro xantar popular máis, desta vez en Ferreira

0

A primavera, malia que aínda estea parecendo inverno, é tempo de botarse fóra e de gozar dunha chea de propostas ao aire libre. Tamén é tempo en que os colectivos do municipio multiplican a súa actividade, incluídas as comisións de festas que xa andan preparando os patróns e patroas parroquiais do verán. De cara a este mes, o sábado 27, temos en Amido -Igrexafeita- o xantar popular do San Marcos e tan só unhas semanas despois, o venres 17 de maio, tocaralle a Ferreira celebrar na explanada do San Cristovo o seu tradicional encontro veciñal arredor da mesa. Para esta segunda cita, organizada pola comisión de San Paio e San Cristovo, poden mercarse os tíkets no bar da Chabola, no Café-bar Del Palacio (Gavín), na Parrillada María Queira ou na Taberna de Pancho (As Pontes).

O xantar popular de Ferreira comezará ás 15:00h do venres das Letras Galegas presidido por unha paella para 1.000 persoas, acompañada de xamón cocido, repolo, chourizo e cachelos, ademais de sobremesa, bebida, café e un licor. O prezo do prato son 30€ para as persoas maiores de 12 anos, mentres que pola cativería de 7 a 12 haberá que pagar 15€ e a rapazada menor desa idade xantará de balde.

Alén de desfrutar dunha rica e abundante comida,  a xornada tamén inclúe unha actuación musical con dous pases: un antes de xantar a xeito de sesión vermú mentres a xente vai chegando, e outro que arrancará despois de tomar o café e que, seguramente, se prolongue até a noite.

Sobra dicir que todo se desenvolverá debaixo dunha carpa e, ademais, a comisión tamén traerá inchables para que as nenas e nenos teñan máis en que entreterse.

É importante ir facendo reservas, para o que será necesario mercar os tíckets nalgún dos establecementos colaboradores, que son o bar Ferreira -o único que queda na parroquia, no lugar da Chabola-, na Parrillada María Queira -en Igrexafeita-, no Café-bar Del Palacio -San Sadurniño-, ou na Taberna de Pancho, situada na Avenida de Galicia 15-17, nas Pontes.

O xantar veciñal de Ferreira naceu hai uns anos como reencontro anual das persoas residentes ou con raíces familiares na parroquia. Unha finalidade que segue manténdose hoxe, coa engadida de ser maneira de contribuír á organización das festas do San Paio de finais de xuño en Ferreira de Abaixo e das do San Cristovo, que adoitan cadrar na segunda fin de semana de xullo.

San Marcos en Amido o 27 de abril
Outra comisión que anda cos preparativos dos festexos deste ano é a de Igrexafeita. A cita principal é a do Biscordel do segundo domingo de setembro, aínda que á volta duns días, o sábado 27 de abril, tamén organizan o San Marcos ao pé da capela do mesmo nome situada en Amido.  Para este día hai programado un xantar popular que ten aberto o prazo de reservas a través dos teléfonos 679 925 075, 717 708 937, 696 912 975, 608 388 248 ou 981 490 302.

 

Share.