Desde hoxe pode solicitarse o Bono das persoas autónomas, e non vos demoredes porque as axudas voan

0

Desde hoxe, 13 de xullo, está aberto o prazo para solicitar as axudas do “Bono das persoas autónomas” convocadas pola Xunta de Galicia, quizais as máis doadas de tramitar e posiblemente unhas das máis doadas de obter se se explica medianamente ben en que se queren investir os cartos, que poden chegar ata 3.000 euros nas dúas liñas ás que se pode optar. Porén, débese ter en conta unha cousa: hai que apurar todo o que se poida a presentar a solicitude e toda a documentación requirida, xa que esta liña adoita esgotarse en cuestión de días ou incluso de horas, dándolle preferencia á orde de rexistro das solicitudes. Pode obterse máis información a través desta ligazón. O último día é o 12 de agosto.

As bases e a convocatoria están diescritas no procedemento TR341Q que saíu publicado onte no Diario Oficial de Galicia e que está máis resumido e mellor explicado no apartado correspondente da Sede Electrónica da Xunta, único medio polo que poden solicitarse estas axudas. Se algunha persoa non ten certificado electrónico ou Chave 360, ou non ten coñecementos de Internet, pode dirixirse ao Técnico  de Desenvolvemento local, xa que a Xunta permite presentar as peticións coa súa asistencia. No caso de San Sadurniño hai que preguntar por Ignacio Fernández no 981 490 027 e concertar con el día e hora para facer o trámite.

O obxecto destas axudas é financiar con ata 3.000 euros a mellora da competitividade empresarial ou profesional mediante un único pagamento anticipado que pode cubrir un máximo do 80% dos gastos que se subvencionen, divididos en dúas liñas:

  • A liña 1 para a mellora da competitividade mediante a elaboración de investigacións de mercado, planes de mercadotecnia, planes de comunicación e estratéxicos, de crecemento ou reorientación do negocio, etc.
  • A liña 2, para investimentos en compra de maquinaria, ferramentas, equipamento informático, aplicacións e páxinas web, mobiliario, reformas do local, rotulación, creación do logotipo…

Estas axudas van dirixidas a persoas autónomas e sociedades de calquera clase -incluidas comunidades de bens- con domicilio en Galicia que facturasen como mínimo  12.000 no exercicio de 2019 e cuxo rendemento neto non superase nese mesmo período os 30.000 euros.

Poderán solicitar polas dúas liñas, aínda que, en primeiro lugar, a Xunta atenderá as peticións que se fagan pola liña 1 e, de haber cartos, tamén lle concederá á persoa/empresa solicitante a liña 2, sen superar en conxunto os 3.000 euros de achega que se poñen como tope.

Financiaranse tanto investimentos xa efectuados -hai que presentar a factura e o xustificante do pagamento- como aqueles que se pretendan facer, que han de xustificarse cunha factura pro-forma ou orzamento. Tamén é importante ler ben as bases e explicar con precisión de que maneira contribuirían eses investimentos en plans ou en maquinaria a mellorar a competitividade do negocio.

Por último cabe recordar que a estas axudas non poderán concorrer persoas ou sociedades que xa resultasen beneficiarias en algunha ocasión anterior do Bono das persoas autónomas.

Ligazón á información e ao trámite

Share.