Declaración Institucional do Concello de San Sadurniño con motivo do #8M

0
San Sadurniño izou este mediodía a bandeira da loita feminista diante da Casa do Concello. No acto -ao que asistiron algunhas veciñas, representantes e persoal municipal- a concelleira de Igualdade, Araceli Bellas, tamén leu a declaración institucional con motivo do #8M consensuada polos tres grupos políticos do pleno. Nela exprésase o “firme compromiso” da Administración local “coa protección dos dereitos das mulleres, coa igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, así como coas políticas públicas encamiñadas a resolver as desigualdades materiais, simbólicas e de valor ás que se enfrontan as mulleres”.
O argumentario da declaración sae directamente das liñas estratéxicas definidas no cuarto Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes aprobado recentemente polo Pleno municipal. Un documento  que, neste mesmo mes de marzo, iniciará a súa aplicación práctica con distintas actuacións.
Entre elas está o propio programa de actividades co gallo do 8 de Marzo, que continuará este sábado a partir das 17:00h na Casa da Cultura cun obradoiro de collage artístico dirixido por Tamara Painceira Villar (Inercia inesperada). O taller -encadrado no programa Tempos para compartir- ten abertas as inscricións até o venres chamando ao 981 490 027 ext.1. Só hai 15 prazas dispoñibles.

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL CON MOTIVO DO DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

O 8 de marzo foi proclamado o Día Internacional polos Dereitos das Mulleres pola Organización das Nacións Unidas no ano 1975. Desde ese momento é unha data de poñer en valor os avances que se conseguiron nos últimos anos mais tamén de reivindicación polo que queda por conseguir.

É unha data na que cómpre lembrar que ao longo da historia os nosos dereitos avanzaron grazas ao inconformismo e á convicción de milleiros de mulleres e de asociacións que contribuíron e contribúen a facer do feminismo un movemento cada vez máis hexemónico. Colectivos e mulleres que defenderon e defenden, co seu esforzo e mesmo coas súas vidas, a conquista de novos dereitos.

Sabemos que o mundo vive un momento de profundas transformacións sociais e económicas, podemos afirmar que históricamente cada crise foi aproveitada polo patriarcado para se fortalecer. Hoxe en día, malia os avances que temos conquistado, estamos a ver como os dereitos tamén se poden perder. É preciso seguir impulsado medidas encamiñadas a garantir o cumprimento dos dereitos e obrigas recoñecidos a día de hoxe na lexislación vixente; impulsar novas políticas e seguir a traballar de maneira transversal en todos os ámbitos para conquistar novos dereitos e impedir calquera retroceso nos xa recoñecidos.

Desde o Concello de San Sadurniño, expresamos o noso firme compromiso coa protección dos dereitos das mulleres, coa igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, así como coas políticas públicas encamiñadas a resolver as desigualdades materiais, simbólicas e de valor ás que se enfrontan as mulleres. Un compromiso que se expresa coa recente aprobación do IV Plan de Igualdade Municipal.

Nesta liña, o Concello de San Sadurniño poñerá en marcha no mes de marzo as primeiras medidas do Plan de Igualdade, dando pé a un programa de actividades diverso, enfocado á participación e a expansión da perspectiva de xénero. Actividades dirixidas ao público xeral, como son o encontro de Tempos para compartir e a proxección do documentario Eu tamén quero Amar, coas que crearemos espazos nos que coincidir, crear e debater xuntas. Un encontro coas entidades do concello para a difusión do plan, e para crear unha xornada de traballo na que impulsar medidas con perspectiva de xénero dirixidas ao conxunto da poboación froito do traballo compartido e colaborativo.

E por último, e non menos importantes as medidas conducentes a integrar a perspectiva de xénero no funcionamento diario da administración atendendo ao obxectivo de impulsar a transversalidade de xénero a toda a acción municipal, que neste mes de marzo pasan pola constitución da Comisión de seguimento do Plan de Igualdade e reactivación da Mesa de Coordinación Interinstitucional se xénero coa incoporporación de novas figuras participantes.

Desde o ámbito local debemos seguir co compromiso de construír unha sociedade igualitaria, que garanta os dereitos de todas as persoas, así como a participación activa na vida local. Estes compromisos deben reflectirse no deseño e a xestión dunhas políticas locais que sexan un motor de transformación. Por todo isto o Concello de San Sadurniño:

1. Mostra o seu apoio ás distintas mobilizacións convocadas polo feminismo galego o 8 de marzo en defensa dos dereitos das mulleres e o seu compromiso por promover a igualdade real entre mulleres e homes.

2. Comprométese a impulsar a incorporación da perspectiva de xénero en toda a actividade municipal e a continuar apostado polo desenvolvemento de políticas públicas de igualdade e de loita contra a violencia machista.

3. Fomentará a sensibilización, formación e colaboración co tecido asociativo e centro educativo para promover conxuntamente unha sociedade máis concienciada e comprometida coa igualdade.

4. Contriburá ao fortalecemento dos recursos existentes para a prevención e intervención nos casos de violencia machista.

San Sadurniño, 8 de marzo de 2023
Día Internacional da Muller

Share.