David Cebreiro Cendán asina contrato como novo oficial de maquinaria do Concello

0

O despacho da alcaldía acolleu esta mañá a sinatura do contrato laboral de David Cebreiro Cendán, novo oficial de maquinaria do Concello. Cebreiro Cendán, veciño de Bardaos, foi o aspirante que obtivo a maior puntuación na selección iniciada polo consistorio hai case catro anos, impoñéndose aos outros seis candidatos admitidos no procedemento, todos eles homes. Como oficial de maquinaria, o novo traballador municipal atenderá principalmente o manexo dos tractores e camións do Concello, ademais de desenvolver outros labores definidos para a praza na Relación de Postos de Traballo. A contratación de David Cebreiro cadra no tempo coa resolución doutro procedemento, neste caso de carácter temporal, para cubrir os dous postos ofertados a través do PEL da Deputación da Coruña. 

O Concello convocou hai  tres anos -o 12 de abril de 2021- unha praza de oficialía de maquinaria para cubrir o posto encargado da condución do camión do lixo, dos tractores e doutros vehículos municipais, ademais de levar a cabo outras tarefas de apoio, principalmente na área de Obras e Servizos.

Á convocatoria presentáronse sete persoas das que finalmente foron admitidas seis. Delas, só concorreron catro ao exame teórico e, trala súa celebración, só quedaron dous aspirantes para continuar coa proba práctica e a entrevista persoal.

Porén, os prazos que debían irse cumprindo en cuestión de semanas, botaron case dous anos estancados debido a retrasos do tribunal, o que obrigou ao consistorio a variar a súa composición para poder continuar co procedemento.

Deste xeito, en febreiro deste ano puido reanudarse o proceso selectivo coa realización das dúas probas que faltaban e, trala publicación dos resultados e o cumprimento dos prazos legais -incluída a resolución de alegacións- a adxudicación do posto recaeu en David Cebreiro Cendán, quen esta mesma mañá asinou na alcaldía a documentación  do seu contrato como persoal laboral do Concello.

O novo operario municipal na praza de Oficial de maquinaria terá como cometidos -segundo se recolle na Relaciónde Postos de Traballo- a coordinación e planificación xeral das actividades da área, como por elexemplo a recollida dos residuos sólidos urbanos e os voluminosos, o control da iluminación pública e o coidado de espazos públicos e infraestruturas de abastecemento, entre outros.  Ademais, deberá recoller información sobre incidencias, apoiar campañas ambientais, xestionar emerxencias, conducir o camión do lixo e realizar outras tarefas relacionadas co departamento.

Tras asinar hoxe o contrato e coñecer ao resto do persoal municipal, David Cebreiro Cendán empezará a traballar o luns.

Dous contratos temporais a través do PEL
Quen xa están traballando desde o luns son as dúas persoas contratadas polo Concello dentro do PEL da Deputación da Coruña, tamén para realizar traballos no departamento de Obras e Servizos, aínda que con carácter temporal.

Os perfís son o dun condutor a tempo completo durante seis meses e medio, que se ocupará de guiar tanto no camión do lixo como na maquinaria agrícola municipal, así como o dun peón especial que desempeñará, durante seis meses, labores de recollida e tratamento de resíduos, limpeza viaria ou control da rede de abastecemento de auga.

O proceso selectivo efectuouse por valoración de méritos -experiencia e formación- e, de acordo co que estipula o programa provincial, tamén das circunstancias socioeconómicas das persoas aspirantes.

Toda a información -listado de aspirantes, puntuacións obtidas e proposta de contratación- pode consultarse no apartado de Persoal do portal de transparencia da Sede Electrónica municipal.

Share.