Como xestionar os residuos domésticos (I): OS VOLUMINOSOS

0

Na contracapa do último boletín Novas que se enviou ás casas, o Concello meteu a primeira dunha serie de pequenas notas coas que se pretende informar e concienciar sobre como debemos xestionar os residuos domésticos e onde debemos depositalos dependendo do seu tipo. Hai  tempo publicamos nesta mesma web unha noticia extensa e detallada sobre a cuestión na que, ademais, se facía unha chamada de atención sobre a necesidade de tratar correctamente os chamados “voluminosos” que cada certo tempo aparecen arrimados aos colectores do lixo. Tal e como foi no Novas do mes pasado -que irá seguido dentro duns días dun artigo específico sobre o colector amarelo- vexamos que son os residuos voluminosos e como temos que facer para que o Concello nolos recolla na porta da casa.

Por voluminosos entendemos, entre outros, os seguintes obxectos: somieres, cabeceiros, sillas, mesas, armarios e outros mobles vellos, sofás, quentadores de auga, televisores, lavadoras, lavalouzas e, en xeral, todos os aparellos electrodomésticos e electrónicos.

En primeiro lugar, e antes de tirar nada, debemos pararnos a pensar se podemos darlles a estas cousas unha segunda oportunidade. Por exemplo, se cambiamos a tele “de cú”  do salón, que aínda funciona, por unha moderna pantalla plana 4K, igual podemos alongar a vida útil do televisor vello noutra estancia da casa, ou quizais regalarllo a alguén. E o mesmo ocorre con moitos mobles, que poden quedar coma novos cunha pequena restauración. Un traballo entretido que pode facerse  na compaña da rapazada, de paso que a concienciamos sobre os beneficios da reutilización e a reciclaxe.

Se despois de estudar todas as posibilidades -restauración, reparación, doazón, etc.- vemos que non hai alternativa que compense e que hai que desfacerse do voluminoso para que non siga ocupando espazo inutilmente, temos dúas opcións: levalo pola nosa conta ao Punto Limpo de Narón (co que San Sadurniño ten convenio) ou, mellor aínda, chamar ao Concello para que nolo veñan recoller á porta da casa.  Para solicitalo hai que marcar o 981 490 027 e, posteriormente, cando se xunten varios avisos para planificar a ruta, o Concello volveranos chamar para indicarnos que día debemos botar fóra os voluminosos para a súa retirada.

Se optamos por ir a  Punto Limpo de Narón debemos saber que está aberto de luns a venres de 9:00 a 13:00h e de 16:00 a 19:00h, mentres que os sábados atende de 9:00 a 14:00h. O servizo tamén é gratuíto e alí, ademais de voluminosos, tamén podemos deixar tubos fluorescentes e bombillas de baixo consumo, ledes, restos de podas, entullos de pequenas obras, pinturas e disolventes, chatarra e cristais ou espellos que, neste último caso, non deben botarse nunca nos iglús verdes, destinados unicamente a botellas e envases de vidro (sen tapa nin tapón, lembrade).

Os voluminosos son residuos que polo seu peso e tamaño non poden ser tratados coma o resto de residuos domésticos nin tampouco deixarse arrimados aos colectores obstaculizando o normal funcionamento do servizo de recollida. Por iso volvemos  insistir unha vez máis en que a eficiencia e os custes do sistema de recollida do lixo dependen en boa medida dunha correcta separación en orixe e do noso compromiso individual coa redución, a reutilización e a reciclaxe. Se o facemos ben, o ambiente e a economía municipal -que é a de todas e todos nós- hánnolo agradecer.

Share.