Por enésima vez: NON SE PODEN DEIXAR VOLUMINOSOS E OUTROS RESIDUOS AO PÉ DOS COLECTORES

0

Xa van unha chea de veces en que o Concello publica fotos nas súas redes sociais sobre plásticos, electrodomésticos, mobiliario e outros residuos ciscados en calquera lado ou arrimados aos colectores do lixo. As fotos teñen a finalidade de concienciar sobre un correcto uso do servizo de recollida e tratamento que pagamos entre todas e todos.  En termos xerais a veciñanza separa e deposita correctamente os seus refugallos en cada colector, pero aínda seguen aparecendo exemplos dun uso inadecuado que -queremos pensar- se deben ao descoñecemento, anque tamén poderían ser resultado da comodidade ou directamente do incivismo. Sexa como for, seguen aparecendo cousas tiradas dentro e fóra dos contedores que non deberían estar alí, algo que trastoca o servizo de recollida e que, ademais, pode conlevar sancións. Por iso recordamos o que si e o que non se pode tirar e que outras alternativas temos para o que non deba ir aos colectores.

Empecemos polo colector máis rechamante, o amarelo. Tradicionalmente era coñecido como o dos plásticos e bricks, unha definición moi xenérica que aínda hoxe provoca certa confusión sobre o tipo de residuo que se pode botar nel. Imos aclaralo.

No colector amarelo SI se poden -e se deben- depositar: botellas e envases de plástico -botellas de auga, botellas e garrafas de aceite vexetal baleiras, botellas e latas de refresco, de produtos de limpeza e bolsas de plástico de comercio-, envases brick de batidos, leite, zumes, viños… e envases metálicos, como son as latas de bebidas, bandexas de aluminio, latas de conserva e aerosois.

No colector amarelo NON se poden botar: envases e caixas de cartón, libros e diarios, vidro, calzado e roupa, xoguetes -anque sexan de plástico-, restos de comida, pequenos electrodomésticos, cueiros, louza, caldeiros, cedés e deuvedés, perchas, latas e garrafas de aceite do coche ou doutros líquidos, botes de pintura ou de vernices,  rodas…

Outro contedor que destaca ben é o azul, o do papel e cartón, no que tamén hai que fixarse ben, posto que non todo o que nos parece pode ir para dentro.

No colector azul SI se poden depositar: envases e caixas de cartón, libretas vellas (sen a espiral metálica), libros -que sempre será mellor doar-, xornais e revistas de papel, papel de envolver…

No colector azul NON se pode botar: papel e cartón con manchas de graxa ou outros líquidos, os bricks nin tampouco os plásticos e retractilados nos que adoitan vir envoltos moitos artigos.

Outro colector que ás veces tampouco se usa como é debido é o iglú verde do vidro, ao que só poden ir envases, nunca cristais, louza ou lámpadas. A súa boca redonda e de reducido tamaño xa nos dá unha pista sobre o que se pode meter dentro, pero sorprenderiádesvos das cousas que a xente é capaz de botar no seu interior. Repasemos entón para que é:

No iglú verde SI  se poden depositar: botellas de vidro, frascos e tarros. Máis nada.

No iglú verde NON se pode botar: espellos, cristais de fiestras, os corchos e tapas dos envases, pantallas de televisión ou ordenador, bombillas, tubos fluorescentes, louza, porcelanta, cerámica, etc.

Quizais o máis importante en termos de volume de lixo é o contedor verde, coñecido como colector xenérico. Está pensado para botar restos orgánicos e aqueles que non deben ir aos outros contedores e sempre que non supoñan algún tipo de risco ambiental. Isto último é importante telo en conta, xa que existe a crenza de que nel pode obtarse practicamente todo o que caiba.

No contedor verde SI se poden botar: restos de alimento -anque recomendamos facer compostaxe en vez de tiralos-, cueiros e compresas, servilletas de papel, roupa deteriorada -para a roupa que está en bo estado hai colectores específicos de cara á súa reutilización-, cristais rotos, bombillas, discos de cedé e de deuvedé, caldeiros, xoguetes -sen pilas-, papel plastificado, etc. Para a recollida e reciclaxe de aceites domésticos existen colectores específicos no centro urbano e nas parroquias… e os seus envases, ao colector amarelo.

No colector verde NON se poden botar: pilas, tubos fluorescentes, baterías, aceites e líquidos de automoción, rodas e, en xeral, todo o que deba ir a outros contedores ou que deba ser tratado dun xeito distinto.

E o demais?
Pero, entón… ¿que facemos con todo o que non pode ir a un colector específico?. Niso entrarían outros refugallos que se xeran no fogar, e son precisamente este tipo de restos os que adoitan aparecer tirados ao pé de estradas, de colectores ou en boqueiras de camiños. Para eles tamen hai solución:

  • Voluminosos: Os que se nos acordan neste momento son os somieres, cabeceiros, mobles vellos, sofás, quentadores de auga coma o da foto desta nova, televisores, lavadoras, lavalouzas e, en xeral, aparellos electrodomésticos e electrónicos. O Concello ofrece un servizo de recollida gratuíto deste tipo de residuos. Hai que chamar ao 981 490 027 para solicitalo e, posteriormente, a área de Servizos indicaranos que día pasarán recoller e o lugar onde deberemos deixar os restos. Debe facerse así, primeiro chamar e logo atender ao que nos digan desde o Concello para concertar a recollida, nunca ao revés -como pasa nalgúns casos- en que a xente tira as cousas en calquera lado e despois, se lle cadra, chama para dicir onde o deixou todo.
  • Punto limpo: Ademais da recollida baixo solicitude, o Concello tamén ten conveniado con Narón o uso do seu Punto Limpo, onde nos recollerán envases de aceites de automoción, botes de pintura e de vernices baleiros, entullos de pequenas obras -os das grandes deben ser transportados a un centro autorizado-, electrodomésticos, baterías, tubos fluorescentes, chatarra, etc. O Punto limpo de Narón está aberto de luns a venres de 9 a 13.00h. e de 16 a 19.00h. Os sábados abre de 9 a 14.00h.
  • Lámpadas, pilas e medicamentos: Hai restos habituais nas casas que poden ser moi contaminantes se non se tratan dunha forma axeitada. As pilas poden deixarse na maioría de tendas de electrodomésticos ou nos colectores específicos que ten o Concello no centro urbano, onde tamén hai sitio para botar tubos fluorescentes e bombillas de baixo consumo -as led deben considerarse como un pequeno electrodoméstico-. No caso dos medicamentos caducados ou doses sobrantes de tratamentos, deben levarse directamente á farmacia, onde hai un contedor específico para eles.
  • Rodas: As rodas que lle cambiemos ao coche ou ao tractor tampouco poden quedar tiradas en calquera lado. Se as cambiamos nun taller xa nos estarán cobrando a taxa polo seu tratamento e tamén se encargarán de que así sexa.
  • Plásticos agrícolas: Ata o ano pasado era o Concello quen se encargaba de recoller este tipo de restos dentro dun convenio coa Consellería de Medio Ambiente. Os servizos municipais recollían e logo era a Xunta quen asumía os custes do traslado e do tratamento… ata que optou por non renovarlle o contrato á empresa que facía o traballo. Con todo, no mes que vén o Concello fará unha recollida extraordinaria de plásticos de silo e/ou invernadoiros. A loxística será igual que cos voluminosos: hai que chamar ao 981 490 027 para solicitalo.

Agardemos que esta información sexa de utilidade e que se difunda o máis posible para evitar casos coma os que están ocorrendo un día si e outro tamén.

 

 

Share.