Comezan en Lamas as obras desta anualidade do plan de camiños da AGADER

0

O Concello de San Sadurniño xa está executando as obras da anualidade 2026 do Plan Camiña Rural da AGADER, financiado con fondos europeos. Os traballos inclúen o aglomerado de 1,3 quilómetros do camiño entre Vilela, Bouzarrara e A Fontela, en Lamas, e o asfaltado de dúas pistas de acceso ao núcleo do Pico, en Naraío. O conxunto das actuacións foille adxudicado á empresa José No Mantiñán e Hijos por un importe de 99.220 euros, impostos incluídos.

A intervención en Lamas está levándose a cabo nestes días e consiste na extensión dunha nova capa de rodadura de firme aglomerado, que foi precedida das correspondentes limpezas das cunetas e do tapado de baches na pista vella que serve de base para a nova calzada.

Esta actuación principal céntrase na mellora do eixo Vilela-Bouzarrara-A Fontela, en Lamas, sobre unha distancia de 1,3 quilómetros. A obra vén darlle continuidade ao aglomerado As Ramisqueiras–As Leiras–Vilela, executado hai uns meses tamén dentro do Plan Camiña Rural que neste ano 2026 achegou 84.418 euros de axuda.

Para completar o importe da achega, o Concello engadiu a reparación con asfalto dos accesos ao núcleo do Pico, en Naraío. Trátase en realidade de dúas pistas, unha de 240 metros con inicio na Vila e outra de 215 metros que arranca no Piñeiro que conflúen no lugar da Pradella. Esta obra iniciarase dentro dunhas semanas, coincidindo co arranque doutras actuacións previstas con cargo ao POS+ que van desenvolverse na zona.

O prezo de licitación ascendía a 102.145,74 euros, aínda que finalmente a obra foi adxudicada por 99.220 euros á empresa José No Mantiñán e Hijos. Esta contía cubrirase cos algo máis de 84.000 euros procedentes das axudas autonómicas para camiños rurais, mentres que o IVE e outros gastos derivados do prezo final de adxudicación deberán ser asumidos polo Concello.

Share.