Comezan as estreas virtuais do IX Chanfaina lab (II)

0

Vai para un mes que se estrearon na Casa da Cultura as 24 curtametraxes producidas dentro da novena edición do Chanfaina lab. Daquela, cando fixemos a información do que deu de si a gala -na que tamén se entregou o primeiro premio Bernardino de Lamas- prometemos facer un avance do estilo e dos temas tratados polos equipos participantes. Hoxe imos cumprir o prometido, aproveitando ademais que tamén hoxe comezan as estreas virtuais na canle de Youtube de Fálame de San Sadurniño, onde se irán subindo todas as pezas a razón de dúas cada venres até o mes de maio. As primeiras que xa se poden ver en liña son “Punto de ignición“, de Ángela Arnosa e “Sansa[nicar]“, de Xosé Bocixa e Mónika Chorén.

De aquí ao 23 maio agárdannos, contando co de hoxe, unha ducia de venres nos que poderemos gozar por partida dobre do mellor cine made in San Sadurniño, con temas de aquí, protagonistas de aquí e, en parte, tamén con xente de aquí detrás da cámara. É o caso de Ángela Arnosa, directora do “Punto de ignición” co que se abren as estreas en Youtube da última, que non derradeira, edición do Chanfaina lab.

A medio camiño entre o suspense, o experimental e o poético, Arnosa volve sorprendernos cunha peza que se percibe desde a butaca como un ensaio sobre a paranoia e os camiños polos que nos pode levar a nosa mente, sen posibilidade ás veces de discernir o que é real.

Ángela Arnosa, que é científica, divulgadora, poeta e unha todoterreo da creación, confírmase outra vez como un dos grandes valores do audiovisual local. E non é a única, xa que a presente edición tíñanos gardadas outras grandes e gratas sorpresas. Unha delas foi Anxo Pena. Un mozo de Igrexafeita que na súa primeira participación como realizador nos serve en “Vella e soa” un exquisito poema visual un tanto crepuscular co que retrata de maneira sobria e soberbia a realidade do noso rural. Unha realidade construída en feminino que hoxe afronta o avellentamento e a soidade non desexada.

Outra das rebelacións deste Chanfaina lab foi Iago Lourido. En anteriores encontros xa dera mostra da súa habilidade para xogar coa imaxe e dun ollo que agora está máis adestrado e é infinitamente máis sutil mirando. A súa curta “Solposto” é todo un exercicio de estilo que de seguro dará moito que falar en festivais.

Sen pretendelo e, segundo asegura, sen ter referencias previas, Iago fixo un audiovisual que arrecende no formal a David Lynch ou, máis próximo a nós, ao Dhogs de Andrés Goteira. Un deseño de produción coidado até o último detalle, unha fotografía -a súa especialidade- meditada e milimetrada, un tratamento da cor e da luz que non se deixou á casualidade e unha montaxe á que non lle sobra nin lle falta ningún fotograma, son os ingredientes para unha peza abraiante da que cadaquén pode tirar as súas propias conclusións.

Como recén titulado en fotografía, Iago está enfocándose profesionalmente no fotoxornalismo. Porén, “Solposto” é un exemplo claro de que no audiovisual ten moito futuro. Moitísimo futuro.

Outro que tamén ten futuro neste campo é Pablo Martínez. Empezou no Chanfaina sendo un neno e foi medrando de par do propio encontro audiovisual, buscando un estilo e un formato no que sentirse cómodo. E semella que o atopou no documental, filmando para esta edición “Unha pequena curta sobre Prospes” como repaso da historia da Granxa Romero -empresa que produce o leite Bohal- e tributo á súa propia familia.

Ao documental tamén recorreron as mulleres do colectivo Teño unha horta. En “Nos tempos dos escapados” déixannos os seus recordos dos homes que se botaron ao monte cando estalou a guerra, ben para non ir á fronte ou ben por seren de esquerdas nunha zona que desde o primeiro momento quedou baixo control do bando golpista. Tamén se relatan casos cercanos dos coñecidos como “toupas” que se ocultaron durante anos en cortes e faiados -algún morreu confinado- e as execucións sumarísimas que se produciron tralo 18 de xullo do 36 e os meses seguintes.

Cruz Piñón, que tamén forma parte de Teño unha horta, asinou nesta ocasión peza en solitario e quizais a máis sobrecolledora de todas cantas se produciron para o noveno Chanfaina lab. “A arte do silencio” ten pouca variedade de imaxe, apenas uns planos de muros vellos e cubertos de silvas da casa familiar de Crucita. Pero aínda así é unha xoia audiovisual de tal forza que obriga a conter o alento mentres escoitamos a Piñón contando os seus primeiros recordos, traumas infantís que aínda perviven na súa memoria e que ela narra como terapia para superalos.

Entre os participantes habituais do encontro audiovisual encóntrase tamén Abel Vega, quen despois de algunha que outra incursión na ficción, regresa ao campo onde se atopa realmente cómodo: a narración en primeira persoa do que sucede diante del. “O parto da Parda”, que así se titula a súa curta, é un novo exemplo do cine-ollo naturalista deste albanel xubilado de Igrexafeita que desta vez pousa a súa mirada sen cortes sobre algo tan común e á vez tan marabilloso como é o parto dunha vaca. E, sen pretendelo, Abel tamén nos deixa un documento impagable sobre un xeito de vida practicamente extinguido.

Ficcións locais
Practicamente a metade das curtas realizadas neste Chanfaina lab son de autoría local. Ás miradas de aquí súmanse nomes que levan participando no encontro desde os seus inicios ou que se uniron a el nas primeiras edicións. É o caso de Bieito Beceiro, autor da “(Des)conexión” que nos convida a reflexionar sobre todo o que estamos perdendo por estar enfuciñados constantemente no teléfono móbil.

Na mesma está o colectivo NaraíoMedia, que produciu “A voz que cala” xogando cos recursos do thriller que tan ben manexan, aínda que postos ao servizo dunha mensaxe máis profunda e moi actual. E ata aquí podemos desvelar sen destripar a trama.

Habitual tamén é o actor e realizador Kevin Lorenzo, multiplicado canda outras persoas na produción da súa peza e no traballo dentro da cociña do Chanfaina. A súa curta “Mírame” é unha comedia sostida nas tribulacións amorosas dunha moza.

Completan os equipos locais o colectivo The Sun Girls -Olga Vigo, Mónica Cibreiro e Graciela Galdo- e Fran Bermúdez -Fran da Lobeira-. As primeiras seguen fieis ao seu estilo de combinar imaxe e música de autoría propia cunha clara mensaxe de empoderamento feminino. En “Onde me leven” invocan a liberdade e o poder para decidir o camiño usando como metáfora imaxes de pés que andan, pés que descansan e pés que, en definitiva, cargan coas experiencias da vida. Pola súa banda, o activista dixital Fran da Lobeira móstranos en “The Brinqueta” unha escena familiar protagonizada pola súa cadela Lina, quen xa fora estrela total en “Trae!” e que agora ten como xoguete unha nova compañeira.

As miradas de fóra
Un dos grandes valores do Chanfaina lab é que durante unha fin de semana se xuntan en San Sadurniño xente da casa e realizadoras e realizadores de fóra, que nuns casos veñen xa cunha idea máis ou menos armada sobre que gravar e noutros veñen á aventura do que xurda. O resultado nunca defrauda e da experiencia saen pezas que tocan o experimental, a ficción, o documental, o drama, o humor, etc., e ás veces unha mestura de todo un pouco, como o propio embutido cociñado que lle dá nome ao encontro audiovisual.

A liberdade creativa é total, posto que a organización só dá como pautas o uso do galego, o emprego dos logos dos patrocinadores, a de que  as filmacións non reborden as fronteiras de San Sadurniño  e a de que as montaxes non pasen demasiado dos cinco minutos. E a partir de aí, o que se queira.

Nesta edición atopamos curtas que son un prodixio de produción, como por exemplo “A gatiñeira de San Sadurniño”, de Fernando Cortizo e Isabel Rei. Un guión redondo que toma como arranque o caso da morte a paus dunha ladroa de gatos, ocorrido en 1904. A partir de aí cóntase unha historia rocambolesca pero real que xunta imaxes antigas e animacións cunha narración construída, atención, coas intervencións de máis de medio cento de veciñas e veciños de San Sadurniño.

Non contentos con facer unha soa peza, Rei e Cortizo tamén asinan “Coop”, que resume a historia da cooperativa de Naraío -hoxe parte da cooperativa de Meirás- como escusa  para mostrar un modelo de banca solidario e sostible en contraposición coa depredación económica que impera no mundo actual.

Polo documental tamén optou Manuel Recouso en “Sansa”, que é unha peza naïf na que se percorre todo o territorio local -incluída historia, festas e outros aspectos- que noutro tempo ben valería como presentación turística do municipio. Completa este eixo temático baseado na realidade o avance de “Danza propia”, de Andrea Zapata Girau, que se centra na importancia do contacto humano por medio da conversa entre Rosa Carballo e a reflexóloga Pilar Rodríguez.

A medio camiño entre o documental e o experimental atopamos a outra peza estreada este venres, “Sansa[nicar]”, de Xosé Bocixa e Mónika Chorén. Bocixa, activista cultural, documentalista e vocalista de Zënzar, recolle na primeira parte desta peza o contraste entre os tempos de antes e os de agora, con todo o que implica o paso do tempo para ben e para mal. Na segunda parte, tralos créditos, é Chorén quen sen pon á fronte da narrativa nun bonus-track de paisaxes alternadas e contrapostas ás veces aos versos da “Oda al valle de San Saturnino”, escrito por Darío Taboada en 1888.

Mención á parte pola temática e polo concepto merece “A Fraga máxica”, do colectivo A Rigueira. A peza é unha delicia chea de diálogos retranqueiros que debeu supor unha chea de horas de traballo en posprodución para darlles vida, a partir de imaxes fixas, a todos os personaxes que poboan a Fraga construída por Carlos García e Marina Goti no arboreto da Cortiña. Ademais, a curtametraxe tamén é unha homenaxe a ambos artistas.

Experimentais puras
As seis pezas que faltan por reseñar ata completar as 24 producidas no IX Chanfaina lab comparten a súa concepción eminentemente experimental, abordando temas tan distintos como a contemplación da paisaxe, a análise social ou incluso a ficción histórica.

“Destino, perderse. A lei do constante intento”, de Irene Ávila; “Cartografía”, de Álvaro Trigo e Eva Lareo e “Lindes”, de Héctor Pousa e María Martelo, interpretan cada unha ao seu xeito a paisaxe local. Ávila xunta imaxe real con trazos animados que desdebuxan os elementos. Trigo e Lareo van saltando de punto a punto do territorio e incluso aproveitan como recursos estilísticos  as aberracións cromáticas e o ruído da pequena cámara de vídeo coa que gravaron a súa curta. Pousa e Martelo, por último, recréanse tamén nos recunchos do San Sadurniño de comezos de setembro combinados con bandas de cor que lles dan novos significados.

Na paisaxe, ou máis ben na evocación da paisaxe e da volta á orixe métese a fondo Fon Cortizo en “Mon autre maman” (A miña outra mamá), cuxo trasfondo ben podería ser o da busca da raíz identitaria da súa protagonista.

Sorprendente é tamén “Notas para unha intervención”, de Cora Peña, que percorre o territorio entre cores viradas para ofrecernos o punto de vista dun ente (quizais un extraterrestre) que vai tomando notas da contorna, da natureza, dos seres humanos e dos seus costumes co obxectivo de entender a nosa civilización antes de contactar con ela.

Pecha o listado o “Maldito espírito”, de Carlos Martínez-Peñalver, protagonizado por un Nuno Freire de Andrade “O Mao” -un dos personaxes máis infames da nosa historia- quen atopa nunha simpática burra sabios consellos para completar o seu tránsito ao alén e, sobre todo, a súa redención.

Todas estas pezas poderemos velas desde hoxe até o 23 de maio a razón de dúas cada venres na canle de Youtube de Fálame de San Sadurniño. Ademais tamén circularán por numerosos  festivais de dentro e fóra de Galicia.

O Chanfaina lab, que xa se está preparando para a súa décima edición, é un encontro organizado polo Concello de San Sadurniño con apoio da área de Cultura da Deputación da Coruña.

Share.