Cantas máis velutinas capturemos, mellor

0

Parece que o tempo non se dá aclarado. Estamos tendo unha primavera atípica, con temperaturas máis baixas do normal e con máis choiva da conta. Pero iso non quita que as avespas asiáticas anden xa por aí reiniciando o seu ciclo vital. Encontrámonos no momento en que as raíñas saen do seu letargo para fundar novas colonias e é agora cando mellor se pode loitar contra a praga. En Francia -o país onde máis tempo levan combatendo a vespa velutina nigrithorax- constataron que unha campaña intensa de trampeos nesta época do ano conseguiu reducir o número de niños nun 75%. Por iso o Concello, a AGA-Ferrolterra e a Casa do Mel de Goente insisten tanto en que se coloquen trampas, preferentemente preto de camelias e outras árbores en flor xa que é alí onde van buscar alimento.

A primeiros de marzo desenvolvéronse polas parroquias varias xuntanzas informativas e de concienciación ao respecto da loita contra a avespa asiática. Nelas explicouse, unha vez máis, o método para construír trampas caseiras con botellas plásticas, que se deben encher nunha terceira ou cuarta parte con líquido atraente. Este líquido pode mercarse en agrotendas, pero tamén se pode facer na casa mesturando viño branco (40%), cervexa negra (outro 40%) e zume de arandos ou licor de froitas (o 20% restante da mestura).

En internet podemos atopar varios exemplos de trampas caseiras e na canle de youtube do Concello hai un vídeo explicando paso a paso como facer unha. As trampas hai que baleiralas cada quince días e cun coador podemos reaproveitar o líquido. Aconséllase non lavar os recipientes e deixar dentro algunhas avespas mortas aboiando no líquido.

Estes sinxelos dispositivos e a mestura que levan dentro son efectivos nesta época e só deben empregarse durante finais do inverno e na primavera. É recomendable trampear preto de camelias e outras árbores que estean floreadas, xa que é alí onde van as velutinas procurar alimento. Durante o verán o efecto das trampas é mínimo por causa do cambio na dieta das avespas, que rapinan abellas, insectos e carroña a para obter a proteína necesaria na alimentación das crías. Outro momento ideal para colocar trampas é desde finais do verán e durante o outono e principios do inverno, cando as raíñas saen dos niños secundarios para iniciar o seu letargo.

A intención do trampeo é capturar o maior número posible de raíñas para deter -ou reducir- o seu avance colonizador polo territorio. Desde hai tres anos o problema foi en aumento e todo apunta a que este 2016 será un dos máis activos, tal e como indica o alto número de niños localizados por todo San Sadurniño o ano pasado e o feito de que nas últimas semanas caeron nas trampas varios exemplares.

Segundo os datos dispoñibles, as zonas de maior proliferación de velutinas seguramente sexan as máis próximas á conca do río Castro -en Igrexafeita e Naraío-, ademais das áreas cercanas ao cauce do Xubia, Bardaos, Santa Mariña e o perímetro do Camiño Arriba. Unha previsión que non significa que o resto do municipio estea libre do problema e que non se deba facer un trampeo masivo para impedir que siga propagándose.

Neste sentido, desde o Concello volve facerse un chamamento á colaboración veciñal para levar adiante unha campaña intensiva de colocación de trampas posto que, tal e como apunta o titular da área de Desenvolvemento local, Manolo Varela, “estamos diante dun problema ambiental moi serio que non só lle afecta á apicultura e que ademais pode converterse nunha cuestión de seguridade cidadá”.

Share.