Brío sitúa a San Sadurniño no circuíto galego da ximnasia rítmica

0

O Club Brío superou con nota o reto organizativo que supuxo o II Campionato de Ximnasia rítmica Concello de San Sadurniño, celebrado no pavillón municipal na tarde do sábado. Nel participaron unhas 200 nenas e un neno pertencentes tanto ao club anfitrión como a agrupacións chegadas do resto da provincia e máis de Lugo. Finalmente foron tres clubes de fóra -o Ximnasia Oroso, o Colexio Internacional Eirís e o Ximnasia Compostela- quen coparon a maioría dos podios. Porén, Brío obtivo unha meritoria segunda posición na categoría prebenxamín por equipos e, quizais o máis importante, demostrou que San Sadurniño xa é un lugar para ter en conta no mapa galego da ximnasia rítmica.

O pavillón municipal case fixo pleno con motivo deste evento deportivo. A banda dereita das bancadas estaba chea e houbo momentos en que a esquerda estivo máis que mediada de público. A organización funcionou coma a engrenaxe dun reloxo de principio a fin, algo que se notou nun cumprimento ao segundo do programa horario previsto. Ás 16.00h. abriu a competición cunha exhibición das prebenxamíns de Brío e a partir de aí comezaron as probas, divididas en dúas quendas: primeiro os grupos e, tras un descanso, as individuais.

Tres foron os equipos máis destacados, concretamente o Ximnasia Rítmica Compostela, o Ximnasia Rítmica Oroso e o Colexio Internacional Eirís, da Coruña. Eles tres coparon 13 dos 24 podios posibles. Máis en detalle, as compostelás subiron en catro ocasións, vencendo ademais en prebenxamín e alevín individual. O equipo de Oroso fíxose con cinco trofeos: primeiro e segundo posto en individual infantil, un terceiro en benxamín e dous subcampionatos en alevín e infantil por equipos. Por último, o Colexio Internacional Eirís venceu en benxamín individual, alcanzou o segundo posto en alevín e destacou no apartado por equipos, cun subcampionato en benxamín e a victoria en alevín e infantil.

O equipo local tivo que conformarse cun subcampionato na categoría prebenxamín por equipos, aínda que deixou claro que, malia ser unha formación relativamente nova, conta cunha canteira con moito potencial. Ademais, tamén quedou patente que ser un club pequeno non é impedimento para organizar con nota un campionato e, de paso, recibir unha inxección de moral extra para seguir asentando a rítmica no concello.

Categoría Individual
Prebenxamín Noa Precedo
(X.R. Compostela)
Andrea Bello
(X.R. Abegondo)
Andrea González
(E.X. Porta Norte)
Benxamín Eva Penas
(C.I. Eirís)
Cristina Suárez
(C.X. Xiada)
María Feijoo
(C.X. Oroso)
Alevín María Castro
(X.R. Compostela)
Lucía González
(C.I. Eirís)
Ainhoa Vinseiro
(X.R. Compostela)
Infantil Sara Cores
(C.X. Oroso)
Zaira Raña
(C.X. Oroso)
Nuria Fernández
(E.X. Ares)
Equipos
Prebenxamín E.X. Porta Norte Club Brío E.X Ares
Benxamín X.R. Abegondo C.I. Eirís E.X. As Pontes
Alevín C.I. Eirís C.X. Oroso C.X. Carral
Infantil C.I. Eirís C.X. Oroso X.R. Compostela

 

Share.