Axuda dos Bonos Talento empresa, destinados á formación non formal mediante a realización de proxectos formativos de curta duración que teñan como obxectivo mellorar as capacidades das empresas e contribuír ao desenvolvemento profesional dos seus cadros de persoal. Poderán acceder aos bonos as microempresas, pequenas e medianas empresas (pemes) e grandes empresas validamente constituídas e con actividade ininterrrompida, cando menos, desde tres anos antes da data de publicación da presente convocatoria.
Tamén poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas que teñan contratadas ao seu cargo persoas traballadoras por conta allea e cunha antigüidade como cotizante igual ou superior a tres anos ininterrompidos inmediatamente anteriores á data de publicación da presente convocatoria.
Actuacións subvencionables: serán as accións formativas de carácter non formal de curta duración, destinadas a contribuír ao desenvolvemento profesional das persoas traballadoras ocupadas por conta allea. Han de estar orientadas aos seguintes ámbitos:
a) As competencias dixitais.
b) As competencias das persoas traballadoras en procesos industriais, incluída a manipulación de maquinaria especializada, coñecementos e técnicas do ámbito da construción, técnicas de soldadura, instalación de compoñentes, deseño ou interpretación de documentación ou diagramas técnicos.
c) As competencias vinculadas á xestión empresarial, a toma de decisións e a planificación estratéxica ou a realización de tarefas administrativas, financeiras e contables.
d) As competencias de prestación de servizos a clientes.
e) As competencias do ámbito asistencial, incluída a prestación de coidados técnicas e coñecementos sanitarios, de diagnóstico ou de medicina preventiva ou de benestar.
As accións formativas solicitadas non deben atoparse incluídas na oferta de formación, formal e non formal, recollida no Catálogo de especialidades formativas do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE). Poderán ter unha duración mínima de 16 horas e máxima de 100.
Prazo de solicitude: ata o 16/09/2024.
A contía máxima da subvención por entidade solicitante non poderá ser superior a 25.000 euros. A intensidade máxima da axuda solicitada está limitada ao:
- 50% dos custos subvencionables para as grandes empresas.
- 60% dos custos subvencionables para as medianas empresas.
- 70% dos custos subvencionables para as pequenas empresas e microempresas.