Convocatoria de axudas coa finalidade de evitar o peche de negocios por falta de remuda xeracional, ao tempo que se facilita que as persoas interesadas en emprender teñan a posibilidade de recoller a testemuña dun negocio xa viable economicamente.
Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias do Bono remuda as persoas traballadoras autónomas, as persoas profesionais que estean dadas de alta no RETA, así como as persoas mutualistas, e as sociedades de calquera clase, incluídas
as unipersoais e comunidades de bens, sempre que cumpran determinados requisitos.
A remuda que se subvenciona nesta orde ten que estar motivada pola proximidade da idade de xubilación da persoa titular do negocio ou por causas sobrevidas como a incapacidade permanente total, absoluta ou gran invalidez, ou a morte; polo tanto, na persoa que traspasa o negocio, ten que se dar algunha das seguintes circunstancias:
a) Ter unha idade próxima a xubilación (62 anos ou máis).
b) Ser declarada en situación de incapacidade total ou absoluta ou grande invalidez recoñecida polos órganos competentes da Seguridade Social.
c) Ser herdeiras da/s persoa/s titulares do negocio, no caso de falecemento destas.
EXCLÚENSE os traspasos de negocios realizados coa persoa cónxuxe ou
parella de feito da persoa titular.
Actuacións subvencionables: O Bono remuda subvenciona o prezo, sen IVE, estipulado no contrato de remuda dun negocio ou actividade con domicilio social e fiscal e centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia que, previamente, estivese inscrito na Bolsa de remuda da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego. Exceptúanse deste requisito os negocios que fosen obxecto de remuda antes da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Non se considerarán gastos subvencionables os impostos indirectos, como é o caso do IVE, cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, segundo dispón o artigo 29.8 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Para ser subvencionable o gasto deberá estar realizado e pagado no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 2024, salvo nos casos de acceso á remuda mediante o alugamento do local e/ou medios
produtivos.
Prazo xeral de solicitude: ata o 30/10/2024.
Cantidade: A contía máxima subvencionable por remuda será de 30.000 euros. A porcentaxe do prezo do contrato para subvencionar varía segundo a liña de axuda:
Na liña 1. Bono remuda rural, subvenciónase o 75 % do prezo do contrato de remuda.
Na liña 2. Bono remuda xeral, subvenciónase un 70 % do prezo do contrato de remuda.