Ata o 30 de setembro poden solicitarse as axudas do terceiro Plan de rescate da Xunta

0

Este luns 14 de xuño abriu o prazo para solicitar as axudas do III Plan de rescate das persoas traballadoras autónomas, profesionais e empresas particularmente afectadas pola crise sanitaria, que se traducirán en axudas directas para reforzar a solvencia económica e reducir o endebedamento. O plan, dotado con 150 millóns de euros, estrutúrase en tres programas: un para persoas autónomas que tributen en estimación obxectiva; outro para persoas autónomas individuais e autónomos/as ou empresas con ata 10 persoas traballadoras -ou 25 se o volume de facturación non sobrepasa os 2 millóns de euros- e, en terceiro lugar, un programa específico para traballadoras e traballadores autónomos ou empresas que teñan máis de 10 persoas e máis de 2 millóns de euros de facturación. Esta opción tamén se dirixe ás empresas con máis de 25 persoas empregadas. O prazo para tramitar as solicitudes a través da Sede Electrónica da Xunta finaliza o 14 de xullo. PRAZO AMPLIADO ATÉ O 30 DE SETEMBRO (LIGAZÓN)

Os tres programas do plan teñen como finalidade asignar fondos cos que reducir a débeda a provedores e outros acredores -tanto financieiros como non financieiros-, así como o pagamento da débeda dos custes fixos nos que se incorrese. Calquera destas circunstancias deberase poder acreditar documentalmente e só para as obrigas nacidas entre o 1  de marzo de 2020 e o 31 de maio de 2021 que aínda estean pendentes de pagamento.

No acceso a estas liñas daráselle prioridade a aquelas actividades recollidas no Anexo I do Real decreto lei 5/2021, de 12 de marzo (cultura, hostalaría, espectáculos, transportes, etc.), sempre e cando o seu volume de operacións diminuíse máis dun 30% con respecto aos resultados de 2019. As actividades económicas non incluídas nese anexo terán que acreditar un descenso dun 40% ou máis.

Os topes de axuda son distintos dependendo do programa que se solicite -se se cumpren os requisitos-, de modo que as persoas autónomas individuais e sen persoal a cargo poderían chegar aos 3.000 euros. En ningún caso a achega será superior á débeda adquirida. Se se trata de “persoas autónomas de temporada” a axuda podería ser de ata 1.500 euros.

Por outra banda, quen se atope nos supostos do programa II podería acceder a axudas de entre 6.000 e 8.000 euros como máximo -segundo a caída do volume de operacións-, que se incrementarían ata en 1.000, 2.000 e 3.000 euros dependendo do número de persoas empregadas, sempre sen superar o límite de 25.

O terceiro programa, orientado a persoas autónomas e empresas con 25 ou máis persoas empregadas poderán percibir en cada caso ata 10.000, 12.000 e 15.000 euros, incrementados logo con ata 5.000 euros se teñen de 26 a 50 persoas traballadoras, 10.000 euros se están entre 51 e 100 e 15.000 se teñen máis de 100 persoas traballando.

As axudas poden solicitarse até o día 14 de xullo (AMPLIACIÓN DE PRAZO ATÉ O 30 DE SETEMBRO) e o trámite debe facerse obrigatoriamente a través da Sede Electrónica da Xunta.

Normativa
Tramitación do Programa I
Tramitación do Programa II
Tramitación do Programa III

Anuncio do DOG coa ampliación de prazo e con varias precisións sobre cada liña

Share.