As persoas perceptoras do Ingreso Mínimo Vital tamén teñen que presentar a declaración da renda

0

A Seguridade Social publicou recentemente unha folla informativa na que se recorda que todas as persoas que fosen titulares ou beneficiarias do Ingreso Mínimo Vital en 2020 están obrigadas a presentar a declaración da renda antes do 30 de xuño, aínda que nese exercicio cobrasen menos de 22.000 euros brutos. Ademais tamén é obrigatorio que fagan a declaración todas as persoas da unidade de convivencia. Para facer este trámite pódese entrar na web da Axencia Tributaria -con certificado electrónico ou Cl@ve-,  concertar unha chamada telefónica (dispoñible a partir do 4 de maio) ou pedir cita previa para atención presencial a partir do 27 de maio. Nesa mesma situación tamén se atopan as persoas que se acollesen a un ERTE no caso de que durante o ano tivesen dous ou máis pagadores, contando entre eles o SEPE, e os seus ingresos brutos fosen de polo menos 14.000 euros.

Con caracter xeral, as persoas contribuíntes que percibisen rendas do traballo inferiores aos 22.000 euros brutos anuais non terían que presentar a declaración da renda, pero no caso de ser titulares ou beneficiarias do Ingreso Mínimo Vital si deberán facelo. Tanto elas como as persoas que compoñan a unidade de convivencia (incluso as menores de idade). De feito, na información dispoñible sinálase que a declaración é obrigatoria se se quere seguir percibindo o IMV.

Na campaña informativa impulsada polo Estado o ano pasado con motivo do lanzamento do Ingreso Mínimo Vital -da que nós nos fixemos eco nesta noticia– indicábase que para solicitar naquel momento este complemento económico non facía falla ter feita a declaración… pero en ningún apartado se precisaba que non houbera que presentala ao ano seguinte. Un dato moi importante que, porén, si aparece recollido no artigo 33.1.f do Real Decreto-ley 20/2020, de 29 de maio, polo que se crea a prestación.

Así as cousas, se se percibiu o IMV en 2020 hai que presentar a declaración no prazo comprendido entre o 7 de abril e o 30 de xuño. O borrador pode consultarse, confirmarse e presentarse a través da web www.agenciatributaria.es, aínda que sempre é conveniente revisar moi ben os datos por se houbese algún erro ou omisión de información económica que poida variar o resultado.

Por iso, no caso de ter dúbidas ou precisar axuda, a través da mesma web tamén se pode solicitar atención telefónica a partir do 4 de maio e atención presencial a partir do 27 de maio (a data e hora confirmaránnola por SMS). Nesa mesma cita poderemos deixar presentada a declaración.

Significa isto que imos ter que pagar?.Non necesariamente, posto que as contías percibidas do Ingreso Mínimo Vital están exentas do pagamento do imposto sobre a renda, aínda que tamén se perciban rendas mínimas garantidas polas Comunidades Autónomas sen que en conxunto superen 1,5 veces o IPREM.

Caso de persoas acollidas a ERTE’s
Cousa distinta é se en 2020 estivemos dentro dun Expediente de Regulación Temporal de Emprego. En termos xerais, a declaración non habería que presentala se se percibiron 22.000 euros brutos durante o ano, pero ese tope baixa aos 14.000 euros no caso de haxa dous ou máis pagadores, como pode ser o caso da empregadora que solicitou o Expediente de Regulación Temporal de Emprego a raíz da pandemia -ou por outra circunstancia- e o Servizo de Emprego Público Estatal que asume o pagamento dos salarios mentres dure o expediente.

As prestacións do Servizo Público de Emprego Estatal son rendementos do traballo suxeitos ao IRPF e non exentos e poden darse dúas situacións: que teñamos a obriga de presentar a declaración por termos durante ese ano dous pagadores -o SEPE e a empresa- ou por ter recibido do SEPE cantidades distintas das que nos corresponderían. Para entender esta casuística a Axencia Tributaria publicou unha sinxela guía con ambos supostos que pode descargarse desde aquí.

En todos os casos, para presentar a declaración a Axencia Tributaria tamén permite concertar cita nos teléfonos 901 121 224 – 91 535 73 26 (servizo automático) ou 901 223 344 – 91 553 00 71, dende o 4 de maio ata o 29 de xuño de 2021 (de 9 a 19 horas de luns a venres). Comezarán a chamar a partir do 6 de maio de 2021 para confeccionar e deixar presentadas as declaracións. Cómpre ter á man o número de referencia (obtense na web da Axencia Tributaria), o DNI-NIE e o dato que figura na casiña 505 da  Renda 2019 (se se presentou). Por último, tamén se pode facer o trámite descargando e instalando no móbil a App da Axencia Tributaria.

 

Share.