San Sadurniño é un dos municipios galegos que conta desde hai anos cun Punto de Información Catastral, no que se ofrecen servizos como a consulta de datos -parcelas, colindantes, etc.-, a obtención de certificados ou as referencias da base territorial para solicitar as axudas da PAC, entre outros. Por razóns organizativas e de optimización dos recursos municipais, as xestións no PIC concéntranse os mércores en horario de 10:00 a 13:00h e, importante, é necesario pedir vez chamando aos teléfonos 695 87 60 68 – 981 490 027.
Da atención personalizada á veciñanza encárgase o Técnico de Desenvolvemento local, Roberto Lindín, que conta con ampla experiencia dándo resposta á casuística de cada consulta. De feito, a levanza do Punto de Información Catastral require coñecer ben o funcionamento da ferramenta en liña que se manexa, a cartografía dixital do territorio e, sobre todo, cales son as necesidades reais das persoas que solicitan o servizo. Por esta razón, e dada a complexidade dalgunhas peticións, o Concello optou por organizar a atención con cita previa na mañá do mércores, procurando axustarse o máis posible ao horario concertado para evitar esperas que, malia todo, ás veces son inevitables.
Os Puntos de Información Catastral coma o de San Sadurniño son oficinas autorizadas pola Dirección Xeral do Catastro para que a cidadanía poida acceder dun xeito doado á información catastral sobre as súas propiedades, ademais de ofrecerlle un completo catálogo de xestións que se poden facer sen ter que desprazarse ás delegacións deste organismo estatal.
Na práctica, e salvo algunhas excepcións reguladas pola normativa, os Puntos de Información Catastral teñen as mesmas funcións que unha oficina do Catastro, xa que ademais de acceder aos datos das nosas propiedades tamén se poden realizar trámites comúns, como é a obtención de certificacións.
Máis en detalle, os PIC ofrecen, entre outros, os seguintes servizos:
- Consulta de datos catastrais non protexidos, certificación de valor de referencia e certificación da referencia catastral.
- Consulta e certificación de datos catastrais protexidos por parte do titular catastral ou de persoa representante ou autorizada.
- Certificacións negativas.
- Consulta por parte da persoa titular catastral sobre información de solicitudes de axuda da PAC.
- Consulta e certificación de datos catastrais protexidos por parte de titulares catastrais colindantes, titulares de dereitos reais, de arrendamento e aparcería e persoas herdeiras.
En San Sadurniño o servizo ofrécese na Casa do Concello (Lugar do Casal 16, 15560 San Sadurniño) os mércores de 10:00h a 13:00h sempre con cita previa, que deberá concertarse no 981 490 027 ou no 695 876 068. Cómpre ter en conta, iso si, que a emisión de documentos catastrais está suxeita ao pagamento da taxa recollida na ordenanza fiscal T-4:
Epígrafe 3.- Documentos relativos ao funcionamento do PIC e outros servizos catastrais |
|
1. Consultas catastrais (copia de plano en A4) |
2,45€ |
2. Consultas catastrais (copia de plano en A3) |
3,69€ |
3. Certificados catastrais |
7,38€ |
4. Por expedición de copias do catastro histórico |
12,31€ |
5. Modificacións de titularidade catastral |
12,31€ |
O Catastro ten unha normativa moi estricta en canto ao acceso á información que contén datos protexidos. De aí que para acceder aos servizos que inclúen este tipo de información hai que ser titular catastral ou actuar como representante ou persoa autorizada, unha circunstancia esta última que sempre deberá estar acreditada coa correspondente documentación.
Ademais do Concello de San Sadurniño, hai outros concellos, institucións e organismos que funcionan como PIC. O listado completo pode consultarse nesta ligazón. Tamén temos á nosa disposición a Sede Electrónica do Catastro onde poden facerse -con DNI-e, certificado ou Clave- todo tipo de xestións sen moverse da casa.