As análises encargadas polo Concello contradín a decisión da Xunta de incluír a San Sadurniño na nova zona vulnerable por nitratos

0

O Concello de San Sadurniño encargou hai unhas semanas a realización de análises de nitratos nas tres concas fluviais do municipio, a do Xubia, a do Castro e a dos regos que se unen en Bardaos antes de desembocar nas Forcadas. Os resultados do estudo elaborado por Laboratorios Néboa acaban de chegar e indican que os niveis en todos os ríos locais están dentro da normalidade e incluso moi por debaixo do máximo permitido para a auga potable. Os datos contradín, polo tanto, a inclusión de San Sadurniño dentro da área demarcada pola Xunta como nova Zona Vulnerable por Nitratos, na que tamén entran os concellos de Moeche e Valdoviño. Entrementres, o Concello segue agardando a que Medio Rural envíe a información sobre as súas analíticas, despois de solicitarllo formalmente hai xa quince días coa finalidade de verificar onde se tomaron as mostras, que probas se fixeron e cales foron os resultados obtidos pola Consellaría. 

A información sobre as análises que levaron á inclusión de San Sadurniño na ZVN xa se lle pedira verbalmente o pasado 25 de febreiro ao Director Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros. Foi no transcurso da reunión na que se lles anunciou aos tres municipios de Ferrolterra que ían formar parte da nova catalogación ambiental. A Dirección Xeral comprometeuse nesa xuntanza a remitir a documentación con rapidez, pero tras case tres semanas sen recibir resposta, o Concello optou por presentar a solicitude por rexistro. Desde aquela xa pasaron outras dúas semanas “e seguimos sen ter a información das analíticas da Xunta. Pensamos que atender esta petición non debería ter moita complexidade, abonda con que nos envíen o pdf das análises ao correo, con iso xa nos chega”, explica o alcalde Secundino García Casal.

En paralelo, a área de Desenvolvemento local encargoulle a Laboratorios Néboa S.L. a toma de mostras da auga na zona máis baixa das tres principais bacías de San Sadurniño, de cara a contar con resultados propios que poder contrastar, chegado o momento, cos da Xunta.

Neste sentido, para obter datos do río Castro, o laboratorio colleu auga na ponte de Pereiras, en Naraío, preto do límite con Neda. A mostra dos valores do río Xubia tomouse no pontigo de Cornide, a escasos metros da depuradora municipal e do límite con Narón. A terceira recollida efectuouse na Veiga, en Bardaos, por onde discorre o río das Forcadas despois de recibir a auga dos regatos que sucan Bardaos e Santa Mariña.

Esta última toma de mostras fíxose moi preto da estación fixa que ten instalada Augas de Galicia no mesmo río, metida practicamente na cola do embalse que abastece de auga a Ferrol. De feito, a raíz das medicións da Xunta, este encoro foi incluído polo Ministerio de Transición Ecolóxica no mapa de  zonas de contaminación difusa por nitratos -sobre as que Europa esixe actuar- ao superarse o valor guía desexable de 25 mg/l (o límite para a auga potable está nos 50 mg/l). Unha concentración que podería facilitar a eutrofización das augas ou, o dito doutro modo, a súa contaminación por causa da proliferación de microorganismos alimentados por elementos coma o fósforo ou o nitróxeno.

“Nas analíticas que fixemos pola nosa conta obtivemos que o río Castro tiña 0,75 miligramos de nitróxeno por litro, o Xubia 2,6 miligramos e os regatos de Bardaos e Santa Mariña que van ás Forcadas deron un resultado de 8,36 miligramos por litro, moi por debaixo dos 25 miligramos do valor guía e do tope de 50 miligramos que establece a UE para a auga potable superficial”, explica Secundino García Casal. “Con estes datos na man, San Sadurniño non é quen causa a contaminación e, polo tanto, consideramos que non deberiamos estar dentro da Zona Vulnerable por Nitratos”, engade.

O alcalde considera que Medio Rural “non está actuando con transparencia e ademais bota balóns fóra tentando culpar ao Ministerio” nunha cuestión que, segundo dixo, “ten graves implicacións para o sector agrogandeiro”, dado que a declaración como ZVN “supón importantes restricións na fertilización e un maior control sobre as prácticas agronómicas, sen contar con que tamén se está poñendo o foco e incluso criminalizando a actividade das gandarías que, quizais, son quen menos culpa teñen. Recordemos que as plantacións forestais tamén se fertilizan con nitróxeno e as escorrentías dos montes tamén van parar aos ríos e embalses”, apunta o rexedor.

García Casal volve instar á Xunta a que lle faga chegar ao Concello “os resultados e todos os datos das análises que fixeron” e reitera a súa petición de que o Goberno galego actúe coa máxima precisión: “se existe unha problemática ambiental nun lugar determinado, Medio Rural debe aplicarse a fondo para localizar a orixe e solucionalo, evitándolle inconvenientes ás zonas que non presentan ningún risco, como parece ser o noso caso. Todos e todas temos a responsabilidade de coidar o ambiente e somos conscientes do perigo que supón a contaminación por nitratos, pero tamén é necesario ter en conta ás familias que dependen do agro e aplicar as medidas con rigor técnico”.

Share.